Presentación do libro de Rosa Aneiros

Redacción. -

O instituto de Estudos Chairegos, o Concello de Vilalba e Edicións Xerais de Galicia organizan o vindeiro venres 14 de febreiro de 2020, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, a presentación do libro “TRES BICHICOMAS, DÚAS ILLAS E UNHA SEREA” de ROSA ANEIROS, editado por Edicións Xerais de Galicia, publicación gañadora do II Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade que convocaran no ano 2018 as tres entidades antes mencionadas. 
No acto intervirán: a propia autora do libro, Rosa Aneiros; o director de Edicións Xerais de Galicia, Fran Alonso; a alcaldesa do Concello de Vilalba, Elba Veleiro, e a presidenta do Iescha, Marisa Barreiro. 

O libro
Edelmira odia dúas cousas por riba de todo: a nata do leite e o seu nome. A primeira consegue eliminala cun coador vello que a acompaña a todas as partes, pero da segunda non hai maneira de librarse. Chámanlle así polo avó Edelmiro, e el tampouco lle gusta nada porque é un verdadeiro túzaro. Por iso, cando o seu pai lle anuncia que pasará o verán soa co avó en Marabilia, Edelmira non pode crelo. Van ser uns meses terribles! 
Mais todo muda na aburrida aldea coa chegada de dous nenos, André e Daniel, cos que inicia arriscadas expedicións na procura de corsarios choscos, frotas de flamengos e gatos con cola de dinosauro. Ata que algo aparece inesperadamente no mar para mergullalos nunha extraordinaria aventura que os converterá en afoutos bichicomas. (https://xerais.gal)

A autora e a ilustradora
Rosa Aneiros (Meirás-Valdoviño, 1976) é xornalista e traballa no Consello da Cultura Galega. Colabora habitualmente en distintos medios de comunicación. En 1999 presentou a súa primeira novela, «Eu de maior quero ser», á que seguiron «Corazóns amolecidos en salitre» (2002); «Resistencia» (Xerais 2003), Premio Arcebispo Xoán de San Clemente 2003; «O xardín da media lúa» (2004); «Veu visitarme o mar» (Xerais 2004); «Ás de bolboreta» (Xerais 2009), Premio Fundación Caixa Galicia de Literatura Xuvenil, Premio Fervenzas Literarias ao Mellor libro xuvenil 2009 e Premio The White Ravens (Internationale Jugend Bibliothek) 2010; «Sol de Inverno» (Xerais 2009), Premio Xerais de Novela e Premio Fervenzas Literarias á Mellor portada de adultos 2009. En 2013 publica o primeiro título da triloxía «Ámote Leo A.»: «Ámote Leo A. Destino xalundes» (Xerais 2013), ao que seguiron «Ámote Leo A. Estación de tránsito» (Xerais 2014) e «Ámote Leo A. Terminal de chegadas?» (Xerais 2014). Na colección Sopa de Libros de Xerais publicou «Orestes perde o sentido!» (2019), e na colección Merlín, «A batalla da pequena Chañan Curi Coca» (2017), «Xelís, o guieiro das botellas de mar», Premio Merlín de Literatura Infantil 2019, e «Tres bichicomas, dúas illas e unha serea» (2020), Premio Agustín Fernández Paz de Narrativa Infantil e Xuvenil pola Igualdade 2018.
Abi Castillo (Vigo, 1987) é graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo e cursou estudos superiores na escola de deseño Aula D desta cidade. Compaxina o seu traballo creativo coa faceta de profesora de pintura para nenos e nenas. Entre algúns dos seus traballos está a realización das ilustracións do libro infantil «O corazón tecido de Catarina» (2013) ou as ilustracións para o Mercado Progreso 41 de Vigo (2016). Ademais, participou en diferentes mostras, exposicións e publicacións colectivas e foi seleccionada en diversos premios, como o Premio Novos Valores 2018 do Concello de Pontevedra. En Xerais ilustrou o álbum «Pioneiras 2. Galegas que abriron camiño» (2019) e a novela «Tres bichicomas, dúas illas e unha serea» (2019). 

11 de feb. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión