Un proxecto sostible para A Magdalena



Redacción.- O Concello de Vilalba presentou o anteproxecto para a reconfiguración do parque acuático do área recreativa da Magdalena, de forma que a actual instalación será demolida para dar paso a un equipamiento con tres piscinas baseado nun modelo "máis integrador coa contorna e máis moderno", tal e como apuntou a alcaldesa, Elba Veleiro.

"É un proxecto importante, ilusionante por parte do Concello. Unha aposta por un equipamento que se integre na contorna e ofreza unha serie de servizos sen estar centrados só nun sector de idade e sen entrar en contradición coa paisaxe", explicou a mandataria municipal.

Neste sentido, Veleiro detallou que o actual parque acuático conta con varios problemas tal e como foi concebido. Primeiro, por estar dirixido principalmente a un sector de idade reducido á infancia e a mocidade e no que "os adultos ían de acompañantes pero non gozaban das instalacións". Segundo, polos problemas de seguridade que presenta e que obrigaron ao goberno local a tomar a decisión o pasado verán de non abrir as instalacións na época estival. Para rematar, "non aproveita as opcións que brinda a área fluvial".

9 de feb. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión