A Coruña celebra o Día Mundial da Radio




Manuel París.- A radio é un medio de comunicación único para celebrar a diversidade e constitúe unha plataforma esencial para o discurso democrático. Con motivo do Día Mundial da Radio, a cidade da Coruña renderá unha homenaxe moi especial a todos os profesionais que cada día informan e entreteñen a través das ondas. 

Será o vindeiro mércores 12 de febreiro, ás 10:30 horas, na sede da Fundación (Cantón Grande 8). Tras un orixinal monólogo a cargo do actor e humorista Oswaldo Digón, celebrarase unha mesa redonda baixo o suxerente título de Os códigos deontológicos e as fake news nas ondas, na cal participarán representantes das emisoras estatais con delegación en Galicia e tamén da Radio Galega. O debate estará moderado por Fernando Ramos Fernández, histórico profesional da radio, exprofesor da Universidade de Vigo e un dos redactores do Código Deontolóxico da FAPE en 1994; e contará coa presenza de Rafael Cid (RNE), Alejandro López (Radio Galega), Nacho Capeáns (Onda Cero), Marcos Sanluis (Radio Coruña-Ser), Eva Iglesias (Cope) e Loreto Silvoso (Radio Voz). De seguido, a alcaldesa de A Coruña, Inés Rey, será a encargada de clausurar o acto, que rematará cun aperitivo e cun brinde dedicado aos profesionais da radio.

A Asemblea Xeral de Nacións Unidas fixo súa a resolución aprobada pola UNESCO na súa 36ª reunión, e proclamou como Día Mundial da Radio o 13 de febreiro, coincidindo así coa data na que se estableceu a Radio das Nacións Unidas en 1946. A xornada organizada na Coruña terá lugar un día antes, o 12 de febreiro, coa finalidade de lembrar e transmitir esta singular efeméride ao conxunto da sociedade.

9 de feb. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión