reclúenos entre os catro muros que nos gardan de a cotío.
Acaso fai mela nese libre albedrío
que posuímos inconscientes e só botamos en falta
se nos fechan os camiños.
Mais, acaso tamén, era preciso
deter nesa marcha convulsiva que levaba
-tantas veces sen senso e en desatino-,
os nosos pés por un mundo sen valados e sen chantas
que contiveran o progreso sucesivo
de tantos “virus” presentes e ignorados que nos mancan.
O virus da desafección polo máis próximo: os fillos,
os pais, a parella, o pan e a auga,
os bicos e as apertas, as palabras
de afecto que agora son precisas, o agarimo.
O virus do rexeitamento aos que se achegan a nós coa esperanza
de atopar vida e asilo
e que hoxe comprendemos, pois nós mesmos fuximos
cara os lugares libres de contaxios, terras amplas
que non dubidarán en acollernos, se é preciso,
como discriminados dun primeiro mundo que dá mágoa.
O virus dun individualismo que non concibía o colectivo,
ignorando que só xuntos podemos facer fronte a aquelas lacras
que nos mesmos producimos.
O virus das présas para todo, das urxencias sen tino
provocadas por un reloxo no que as frechas,
alancando nas esferas, marcan o desorbitado ritmo
que nos fecha as portas da existencia,
mais que agora se detén buscando o compromiso
de quen, con tempo para a vida e con paciencia,
valora as horas até hoxe baleiras de contido.
Este virus “con coroa” veu sacudir conciencias,
alertando de todos os perigos aos que estamos sometidos
como sociedade global carente de fronteiras:
fronteiras sociais que impedían a conciliación e a convivencia,
fronteiras económicas ao servizo exclusivo dun capitalismo
en xaque e sen defensa;
fronteiras ecolóxicas que agora se superan
reducindo emisións, antes imposíbeis abismos
franqueaban ese quentamento global que nos afecta.
É unha mágoa chegar a este extremado paroxismo
para comprender o aforismo
de que “non hai mal que por ben non veña”.
María Xosé Lamas
0 comentários :
Danos a túa opinión