María Xosé
Lamas.- Corría a primavera do
oitenta e catro cando, grávida do meu primeiro fillo, o que daquela era o meu
marido convidou a vivir na casa a unha “amiga” que traballaba de locutora nunha
radio da cidade.
En días previos, escoitaba a diario unha
dedicatoria daqueles programas que se adoitaban facer naquela época: “Para quen
ela sabe, unha canción de Luis Eduardo Aute “ e soaba a canción “Una de dos”,
cuxa letra continuaba: “o me llevo a esa mujer, o entre los tres nos organizamos, si puede ser”.
Cando aquela tarde cheguei do colexio, no canto de
abrir coa chave, chamei ao timbre e abriume ela a porta. Entrei e comprobei que
nun cuarto que tiñamos sen utilizar estaba a mudanza feita. Din a volta e
deixeille recado ao meu home de que se puxera en contacto comigo na casa dunha
amiga.
Contaba só vinte e dous anos naquela democracia
acabada de estrear e na que a apertura mental aínda facía augas. Mais esta
situación superábame e manifesteime contundentemente: “se esta tarde non está a
habitación baleira, eu mesma a librarei”. Non fixo falla, ficou libre sen ter
eu que intervir. Mais en breve tamén se baleirou a vivenda común…
Sempre admirei a Aute. Aquel “Al alba” marabilloso non
deixaba a ninguén impasíbel; os seus poemas musicados, a súa pintura, a súa
particular maneira creativa de amosarse ao mundo era envexábel! Pero, dende
aquel momento, tiven cara el un sentimento de amor - odio non doado de
explicar.
Hoxe, ao saber do seu pasamento, quero
reconciliarme con el. Pedirlle desculpas por non saber separar os sentimentos
da súa labor de achegar ao mundo a verdade feita arte.
Amigo Aute, que a terra che sexa leve!
0 comentários :
Danos a túa opinión