Xoan Xosé Fernández Abella.-
I)
SONETO EN LOOR DO EXIMIO
DON RICARDO CARBALLO CALERO
Alta honra de Ferrol e de Galiza,
enteiramente ás mesmas consagrado,
estudioso incansable, namorado
da Beleza, a Verdade e a Xustiza.
Túa entrega foi total sempre na liza
polo traballo serio e ben logrado,
un traballo profundo e artellado,
que gran sabedoría patentiza.
Eu canto aquí un cume da Cultura,
catedrático impar, poeta inmenso,
sabio da Lingua e da Literatura.
Dramaturgo, ensaísta de fondura
e de Galiza defensor intenso.
Chegue ata ti miña loanza pura.
20 de Xullo do 2.014
(Publicado no meu libro "Loanzas sentidas e outros poemas" no 2018)
e II)
A DON RICARDO CARBALLO CALERO,
"LETRAS GALEGAS 2020", POR FIN!
Por fin chegou o Día! Xa era hora
para facer xustiza á túa memoria,
exemplo de honradez na nosa Historia,
alma da nosa esencia defensora!
Péchense coa verdade as feridas.
E iso hase acadar coa Democracia.
Pensar que así non é, unha falacia.
De paz encha a verdade as nosas vidas.
Volvo cantar "un cume da Cultura,
catedrático impar, poeta inmenso,
sabio da Lingua e da Literatura.
Dramaturgo, ensaísta de fondura,
e de Galiza defensor intenso."
Volvo brindarche a admiración máis pura.
Os Tilos, 21/Xaneiro/2020
0 comentários :
Danos a túa opinión