Manuel París.- Este sabado 23 de maio tomou posesión a
nova Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG),
encabezada por Francisco X. González Sarria. Por primeira vez, en
correspondencia coa realidade da profesión, a meirande parte dos membros da
Xunta de Goberno son mulleres, representando máis do 60% deste órgano.
Debido á actual crise
sanitaria da Covid-19, a toma de posesión realizouse de maneira telemática e
non puido ter lugar o tradicional acto de investidura. En calquera caso, en canto
as circunstancias o permitan, o Colexio de Xornalistas vai celebrar un acto
público no que se presente o novo órgano de goberno ao conxunto da profesión.
Entre os asuntos tratados
pola nova Xunta de Goberno na súa primeira reunión destaca a formalización de
comisións de traballo que permitan axilizar e mellorar a actividade do Colexio
de Xornalistas. Estas comisións, que están en poceso de
formalización, abordarían cuestións como Universidade, Formación, Igualdade,
Deontoloxía Profesional ou Gabinetes de Comunicación. Ademais, acordouse enviar
unha carta aos distintos candidatos que concorrerán ás eleccións autonómicas do
vindeiro 12 de xullo para expresarlles as necesidades da profesión xornalística
en Galicia. Por último, a nova Xunta de Goberno expresou a súa preocupación
pola situación dos medios públicos galegos, logo de que o Comité Intercentros
denunciara a presunta utilización partidista dos servizos informativos.
Francisco X. González Sarria fixo referencia ás actuais
circunstancias no seu discurso de toma de posesión como
decano: "Nunca imaxinamos que chegariamos a este 2020 inmersos nunha crise
desta magnitude" na que os medios solicitan ERTEs que en ocasións priman
"as súas contas de resultados por riba do labor esencial do
xornalismo" e "no que asomaron novamente o morbo e o sensacionalismo
nalgunhas publicacións". Ante iso, asegurou, "volve facerse patente a
necesidade dun Colexio que represente a profesión en Galicia e reivindique os
valores que nos caracterizan como traballadores esenciais para unha sociedade
libre", polo que fixo un chamamento "á responsabilidade que asumimos
ao considerármonos xornalistas e a exercermos como tales".
A nova Xunta de Goberno
A nova
Xunta de Goberno é o resultado do proceso electoral convocado o
pasado 20 de marzo. Ao terse presentado unha única convocatoria en tempo e
forma o día 15 de abril ás 19:00 horas, e non recibir ningunha reclamación,
esta candidatura foi proclamada como definitiva o 21 do mesmo mes. Encabezada
por Paco Sarria, a nova Xunta conta coa novidade de ter tres vicedecanías, de
acordo co permitido pola reforma dos estatutos do Colexio de Xornalistas. Sonia
Vizoso Pérez será a vicedecana 1ª, Belén Regueira Leal a vicedecana 2º e Xosé
Manuel Pereiro Sánchez, vicedecano xa na anterior Xunta de Goberno, ocupa neste
caso a terceira vicedecanía. Darío Janeiro Pereira repite cargo como secretario
e Ángela Fernández Casal será a tesoureira.
As vogalías ocupadas por
María Bragado Paz, Valeria Pereiras Reza, Marcos Sanluis López, Xaime Leiro
Darriba, Xaime Conde Guillade, Eliana Martíns Alvela, Ana González Liste,
Mónica Rosas Conde, Belén López Rodriguez e Matilde Vázquez Rojo completan a
nova Xunta de Goberno que rexirá o Colexio de Xornalistas até o 2024.
Paco González Sarria
Paco González Sarria naceu en Puente de Domingo Flórez (León)
en 1962. Comezou a súa longa
carreira xornalística na desaparecida Ondas Galicia en Ourense. Posteriormente,
foi xefe de informativos en COPE-Ourense e delegado da TVG nesa
provincia. Exerceu tamén labores de redactor e
correspondente en La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo
Gallego, Cadena Rato, Agencia EFE, El País e colaborou con medios
como Público. En 1991 puxo en marcha o proxecto radiofónico Radio Miño,
vencellado a Onda Cero. Actualmente é coordinador
de redacción e contidos en Onda Cero-Ourense. É vogal da Xunta de Goberno do
CPXG dende a súa fundación e xa foi decano entre 2016 e 2020.
Mandato 2016-2020
A Xunta de Goberno saínte
tivo unha importante actividade durante o mandato 2016-2020, con iniciativas
entre as que se poden destacar a posta en marcha dos obradoiros de Xornalismo
na Escola "la Caixa" e da bolsa Nacho Mirás, a constitución da Rede
de Colexios Profesionais de Xornalistas, a celebración da xornada Desinformación
e ameazas á liberdade de expresión, o documento InformaDor realizado
en colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia, a
actualización dos Estatutos do CPXG á lexislación vixente ou as diferentes
campañas do 8 de marzo e o 25 de novembro. Ademais diso, o Colexio de
Xornalistas continuou co seu labor en defensa dos xornalistas e do dereito da
sociedade galega á liberdade de prensa, a través dos seus comunicados,
denuncias, pronunciamentos e recursos de amparo.
O Colexio Profesional de
Xornalistas de Galicia é unha entidade de dereito público, creada pola lei
2/1999 do 24 de febreiro polo Parlamento de Galicia, que ten a representación
legal de todos os xornalistas galegos. Actualmente conta con máis de 1.100 colexiados/as
repartidos polas súas sete demarcacións (A Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense,
Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo).
0 comentários :
Danos a túa opinión