Reabre a Casa Museo Manuel María


Redacción.-

Este sábado, 16 de maio, a Casa-Museo Manuel María volta a abrir as súas instalacións após o seu
cerramento temporario a consecuencia da aplicación das medidas de restrición da mobilidade e do contacto social pola COVID-19. A súa apertura será só para as visitas guiadas, que non poderán ser superiores a tres persoas, e que serán levadas a cabo seguindo as medidas preventivas hixiénico-sanitarias da fase 1 de desconfinamento.
As persoas interesadas en visitar a casa natal de Manuel María, en Outeiro de Rei, e coñecer o interesantísimo legado que esta acolle, poderán facelo dentro do novo horario de verán (até o mes de setembro incluído), sábados e domingos, de 11 a 14 e de 16.30 a 19.30 hrs. Desde a Casa-Museo recoméndase, mentres dure o período de desconfinamento progresivo, chamar previamente ao 698177621, ou escribir un whatsapp ou un correo electrónico a casamuseomanuelmaria.gal co fin de que na Casa-Museo tan só estean presentes as persoas que a visitan (tres persoas como máximo).
Os percursos guiados polas estancias da Casa-Museo teñen por finalidade achegar a traxectoria vital e literaria de Manuel María. No seu interior, entre outras cousas, pódese ver a biblioteca de Manuel María que contén unha das mellores coleccións particulares do libro galego ou sobre Galiza desde a potsguerra, un fondo artístico con obras de destacados pintores galegos contemporáneos, documentación imprescindíbel para coñecer a historia de Galiza da última metade do século XX, mobiliario e obxectos persoais do escritor…

16 de maio de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión