Redacción.- O Colexio Profesional de
Xornalistas de Galicia (CPXG) e o Club de Prensa de Ferrol, convocantes do
Premio José Couso de Liberdade de Prensa, anunciaron que o gañador da XVI
edición é Lorenzo Milá, logo de se celebrar a semana pasada, en acto pechado
por mor do estado de alarma, o reconto de votos avalado polo notario Héctor
Pardo, do Ilustre Colexio Notarial de Galicia. A candidatura de Lorenzo Milá
resultou vencedora con maioría suficiente e sen necesidade de voto de calidade
do presidente do xurado. Como cada ano, o gañador foi elixido en votación
aberta e secreta polos colexiados e colexiadas do CPXG e polos socios e socias
do Club de Prensa.
Lorenzo Milá é un xornalista cunha longa traxectoria na televisión
pública española, onde ten cubertos diferentes acontecementos mundiais do mesmo
xeito rigoroso e profesional. É un dos xornalistas que personalizan a mellor
época de independencia nos informativos nos medios públicos, onde presentou La
2 Noticias e o Telediario 2. Desde o 2014, ocupa a correspondencia
en Italia para a TVE, desde onde está a facer a cobertura profesional sobre a
COVID-19. Milá competía nesta edición do premio Couso coa actual correspondente
de Televisión Española en Asia-Pacífico, Mavi Doñate e o recentemente cesado
como director da Axencia Efe, Fernando Garea.
Debido ás circunstancias impostas pola actual crise sanitaria, non foi
posíbel celebrar a rolda de prensa para anunciar o fallo desta edición do
Premio Couso nin os tradicionais actos de entrega en Ferrol. Lorenzo Milá
enviou desde Roma [youtu.be/WrIjwVDKIZ8]un vídeo no que agradece o premio e llo
dedica a "tantos profesionais da comunicación que se xogan a vida
defendendo a liberdade de prensa, a todos os informadores de calquera categoría
que traballan en condicións de precariedade laboral e a quen traballa na
verificación das noticias, unha función crucial". Cando a situación o
permita, realizarase un acto público coa presenza do premiado para facerlle
entrega do galardón.
Lorenzo Milá Mencos (Esplugues de Llobregat, 1960) é licenciado en
Xornalismo pola Universidade Autónoma de Barcelona, e a súa traxectoria
profesional comezou co xornalismo deportivo en 1983 no diario Sport. Máis tarde colaborou con TVE en programas como El
tiempo es oro, Juego de niños ou Plató vacío, despois do cal
marchou a Londres para traballar en ScreenSport (o actual Eurosport). Regresou
a TVE e de 1989 a 1994 traballou en deportes. En 1994 trasladouse a Madrid para
traballar no informativo nocturno de La 2 Noticias. Neste período, foi o
espazo informativo coñecido por ser o menos institucional e por ter un estilo
moi persoal, polo que recibiu varios premios.
Entre 2003 e 2004 foi correspondente adxunto na delegación de TVE en
Washington. Posteriormente estivo no Telediario nocturno de La 1. En
2009 marcharía de novo a Washington, desta vez como correspondente principal.
En 2014 trasladouse a Roma, posto no que está actualmente. Foi tamén
presentador e moderador da maioría das edicións do programa Tengo una
pregunta para usted, no que un grupo de cen cidadáns anónimos entrevista a
líderes políticos invitados. Ao longo da súa traxectoria foi obxecto de moitos
recoñecementos, como o Premio Antena de Oro, os Premios ATV e varios TP de Oro.
Lorenzo Milá súmase así á lista de gañadores do Premio José Couso de
Liberdade de Prensa. Ali Lmrabet (2005); Le Monde Diplomatique (2006);
Jon Lee Anderson (2007); José Vidal – Beneyto (2008); Rosa María Calaf (2009);
Daniel Anido e Rodolfo Irago (2010); WikiLeaks (2011); o Consejo de
Informativos da RTVE (2012); Mónica García Prieto (2013), Ricardo García
Vilanova, Javier Espinosa e Marc Marginedas (2014), Jordi Évole (2015), Miguel
Ángel Aguilar (2016), Xosé Hermida (2017), Julia Otero (2018) e Defende A
Galega (2019) foron ata agora os galardoados coa estatuiña das ‘Ás Ceibes’ do
escultor Manuel Patinha.
O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia, creado pola Lei do
Parlamento Galego 2/1999 do 24 de febreiro, e o Club de Prensa de Ferrol
organizan o premio co obxectivo de recoñecer e difundir o traballo dunha persoa
viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou
cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.
0 comentários :
Danos a túa opinión