Encontro de Artistas Novos


Redacción.-

A Cidade da Cultura deu a coñecer hoxe os nomes dos 40 creadores galegos emerxentes que foron seleccionados para participar no Encontro de Artistas Novos (EAN), que lles dará a oportunidade de participar nunha estancia de catro días no Gaiás, durante a que dar a coñecer o seu proxecto creativo. Poderán tamén intercambiar experiencias profesionais con outros artistas emerxentes e consolidados, comisarios ou prensa especializada, e optar a realizar unha intervención artística nas Torres Hejduk do complexo, co Camiño de Santiago como eixo.

Impulsado pola Xunta, a través da Fundación Cidade da Cultura, e coa colaboración da Fundación Banco Sabadell, o EAN promove a creación contemporánea e o intercambio de coñecemento consolidándose ano a ano como un dos principais foros de apoio a artistas emerxentes. Nas pasadas nove edicións presentaron os seus traballos no EAN máis de 600 creadores, entre eles recoñecidas figuras como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell, que naquel momento comezaban a abrirse paso no mundo da arte.

Como novidade nesta edición, e enmarcado no Plan de reactivación do sectores cultural e turístico fronte aos efectos derivados do coronavirus, a participación no programa circunscribiuse a artistas nados e/ou residentes en Galicia. Ademais, o programa do encontro sufrirá pequenas variacións, especialmente de tipo loxístico, para adaptarse ás limitacións de capacidade, distancias mínimas e outro tipo de recomendacións marcadas polas autoridades sanitarias e garantir que se celebre nas mellores condicións de seguridade para todos e todas as participantes.
A selección provisional de participantes e suplentes pode consultarse xa na web cidadedacultura.gal. As persoas seleccionadas teñen ata o 23 de xullo para confirmar a súa praza posto que o 24 de xullo publicarase a lista definitiva de admitidos.

Foro de creación contemporánea
Os artistas emerxentes elixidos terán a oportunidade de entrar en contacto con outras traxectorias e procesos creativos a través dunha serie de conferencias impartidas por artistas de renome como o cineasta Oliver Laxe (París, 1982), recentemente premiado en festivais como Cannes ou os Goya co seu último filme O que arde.

Esta edición incluirá tamén a presenza da artista interdisciplinar Paula Rubio Infante (Madrid, 1977), premio El Ojo Crítico 2015 de Artes Plásticas e VIII Premio ARCO a Jóvenes Artistas 2011; a artista plástica e profesora na facultade de Belas Artes de Pontevedra, Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964); e o creador multidisciplinar Carlos Aires (Ronda, Málaga, 1974), coñecido polos seus traballos de fotografía e escultura. Súmanse á longa lista de artistas que participaron no EAN como relatores, e que inclúe nomes da relevancia de Berta Cáccamo, Menchu Lamas, Din Matamoro, Enrique Marty, Ramón Balsa, Daniel Canogar ou Sandra Gamarra.

Do 23 ao 27 de agosto
O programa –a desenvolver entre o 23 e o 27 de agosto– incluirá o xa clásico Foro Aberto, no que os e as corenta participantes realizarán unha presentación pública centrada no seu traballo e proxecto creativo persoal, servindo de plataforma e escaparate das súas creacións.

O artista, comisario e conservador xefe da Fundación Granell, Eduardo Valiña; a comisaria de directora artística de JustMAD e JustLX, Semíramis González; e o xornalista e comisario Javier Díaz-Guardiola participarán tamén no encontro como observadores ou art followers, compartindo cos participantes a súa experiencia no apoio a novos talentos desde o mundo curatorial ou xornalístico. Co obxectivo de que este intercambio se produza en todas as súas vertentes, o EAN inclúe ademais visitas a centros de arte contemporánea como o CGAC ou a Fundación Granell.

Intervención artística arredor do Camiño
O programa complétase coa opción de realizar unha intervención artística efémera nas Torres Hejduk do complexo, unha iniciativa coa que a Cidade da Cultura amosa a súa aposta polo talento emerxente, cedéndolle un espazo expositivo non convencional. Ao igual que a anterior edición, o Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk terá como eixe os camiños xacobeos, profundando na relación entre a Cidade da Cultura e o Camiño de Santiago aproveitando que a Vía da Prata discorre no seu último tramo paralela ao Monte Gaiás e tamén a propia conexión visual entre as torres Hejduk e as torres da catedral compostelá.

17 de xul. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión