Unha manda de pezas para Isaac

Redacción. -

Neste ano 2020 conmemórase o centenario do nacemento de Isaac Díaz Pardo.

En que casa non temos unha das súas pezas? Quen non agasallou cunha delas ou cun dos libros de Ediciós do Castro? Quen non gozou dalgunha das súas tendas, galerías de arte, casa da cultura? Quen non sentiu orgullo da fábrica de Cervo ou o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside?

QUEN É ALENTO ESBRAVEXO
Alento Esbravexo é un grupo de persoas, que non quere deixar pasar esta data sen ofrecer a súa contribución e a de todas aquelas, dispostas a pór unha flor/peza nesta celebración.

É unha sociedade civil, con toda a humildade e a grandeza, disposta a seguir recoñecendo a un dos nosos. El foi un expoñente representativo desta cidadanía activa sempre en disposición de botar a andar, cando foi necesario.

Alento Esbravexo convócase ao redor desta figura que representa en moitos aspectos (arte, artesanía, edición, empresas culturais e investigación a prol de fortalecer e recuperar a memoria) unha boa parte do século XX galego, e poñer en marcha esta tarefa colectiva tan necesaria.

COMO PARTICIPAR 
Sen financiamento, sen promesas de exposición nin publicación, sen nada fóra do
traballo xeneroso que -unha vez máis se nos pide- saen ao camiño procurando esa flor que pode chegar en calquera modalidade de expresión (obra plástica dixital ou dixitalizada, palabras nun escrito, peza artesanal, traballo sobre unha
obra del...) porque todo é válido se o facemos pensando no polifacético.

QUE FACER 
Cadaquén pode inspirarse en algo relacionado con Isaac (un acontecemento concreto da súa vida, un debuxo, unha pintura, unha tipografía, un cartaz, unha
peza cerámica, etc.). Tamén se poderá inspirar na súa escola (empresas que formou, artistas discípulos de Isaac,...) ou mesmo se pode facer algo totalmente novo, xa for reinterpretando calquera destes eidos artístico-vitais indicados e crear un debuxo, unha pintura, un tipo de letra, un deseño, grafiti, xoia, danza, música, etc. con total liberdade.

DATA DE ENTREGA Estabelecemos como data límite de entrega o 13 de agosto de 2020.

QUE SE FARÁ
Con todo o material recibido tentarase facer algo (virtual ou non, dependendo de se esta situación vírica mellora ou non): un libro, unha exposición,... Todas as achegas artístico-literarias serán floriñas arriquecedoras, arrecendentes de xenerosidade para Isaac. A Cultura e liberdade é de obrigada necesidade.

+INFORMACIÓN: alentoesbravexo@gmail.com.

5 de xul. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión