Ante un libro tan singular como Qúerote canto (Galaxia, 2020), o poemario conxunto de Baldo Ramos e Eva Veiga, a un vénlle á cabeza a proposta do poeta Wystan Hugh Auden de ver a poesía como un enigma. Non tanto á hora de interpretar as palabras dos poetas, senón no referente á tentación de tratar de distinguir que parte das composicións pertence a un ou ao outro. Tentación que, con todo, esfúmase en canto comeza a lectura. A razón é sinxela. As voces dos dous autores mimetízanse, fúndense e confúndense nunha soa, propia, concisa na súa expresión, pero de enorme densidade en canto ao contido.
O poemario xurdiu da estancia de ambos os dous creadores no mosteiro de Oseira (Ourense) durante tres días de agosto de 2018. Tres días nos que decidiron mimetizarse cos monxes e, sen contacto algún co mundo exterior, deixar que fluíse por si soa a palabra poética. O proxecto consistía, segundo eles mesmos, en escribir, non de forma conxunta, senón en paralelo, sen comunicar ao outro o froito das súas reflexións.
Partindo desta premisa, o resultado final sorprende polo homoxéneo da voz única creada, cuxa multiplicidade temática é dunha amplitude e riqueza enormes. Talvez debido a que, ao longo do conxunto, encadéanse algunhas das preocupacións reconocibles na obra individual de cada un deles, creando un diálogo intimista cun mesmo e o seu reverso, o outro.
O silencio é unha desas preocupacións destacadas. Trátase dun tema moi presente nos últimos poemarios de Eva Veiga, así como en toda a obra de Baldo Ramos. “Reservo”, dinnos, “a derradeira páxina deste caderno / para escribir dúas palabras ao deixar Oseira / silencio / buxo”. Este silencio amósase coas súas contradicións e ambivalencias. Un silencio que se tenta asfixiar, pero que é refuxio, recollemento, escenario, contexto para a creación, revelación, procura ou fin. Un silencio que se transmuta, ao mesmo tempo, nas súas múltiples variantes semánticas: o esquecemento, o baleiro, a cegueira… O esquecemento que trae, unhas veces, a salvación, “para non repetir os mesmos erros”, pero outras é inimigo da memoria. As súas variantes, o baleiro ou a cegueira, serven como estado, como preparación, como vía case zen para o autocoñecemento. Pero tamén o silencio transfórmase en escuridade, sombra, soidade ou ausencia: “onde habitar a ausencia / nos devolve / o tempo feito memoria”.
Fronte ao silencio, a procura dunha verdade a través da luz, que pode ser inaccesible ou unha compaña, un camiño, unha esperanza, un ben prezado compartido “con / aqueles / que non te comprenden”. Tamén a través da escritura e as súas contradicións, pois é consolo, cicatriz, procura… Son abundantes as reflexións metaliterarias nas que a palabra adquire corporeidade propia, convértese en “sacrificio de purificación”, así como o propio espazo da escritura, o mosteiro, “onde as palabras pesan máis que ou baleiro", transfórmase tamén nun elemento máis no que as sensacións acústicas, musicais, e as referencias ás aves ou á pedra forman parte indisoluble.
Do mesmo xeito que a obra individual de cada un deles, a poesía que atopamos neste libro de case duascentas páxinas está cargada de significados densos e de reflexións que son unha invitación constante a navegar por un mundo poético cargado dun profundo intimismo. Formalmente, o feito de que as composicións que o integran se presenten sen signos de puntuación (agás as marcas de inciso) e nun único bloque e non se adxudiquen a un ou a outro autor pode desconcertar ao principio, pero, como xa apuntamos, resulta plenamente xustificado segundo se inicia a lectura. Grazas a este recurso, os textos adquiren corporeidade propia, nova, allea aos seus propios autores, propondo unha voz única, de talante reflexivo, que os converte nunha sorte de camiño cara ao autocoñecemento, nun diálogo co outro á vez que co lector, na procura de “crear un mundo habitable” a través da palabra.
0 comentários :
Danos a túa opinión