Feira do Capón online

Redacción. -

A páxina web www.capondevilalba.com xa está en marcha, unha iniciativa do Concello de Vilalba coa colaboración dos criadores para impulsar as ventas e paliar a obrigatoria suspensión da feira pola situación sanitaria.

 
A web inclúe un directorio cos contactos dos criadores, co obxectivo de que as persoas interesadas poidan comprar o seu capón, ademais de información sobre a feira, o proceso de crianza e preparación dos animais para a súa comercialización, o concello e receitas elaboradas por cociñeiros de restaurantes locais, como o Parador de Vilalba, A Nova Ruta e Lembranzas.
 
Desde o mes de setembro, tanto a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, como a concelleira de Feiras e Mercados, Antía Rama, estiveron en contacto coa Asociación de Criadores. Acordouse que os protocolos sanitarios dificultarían o desenvolvemento normal da feira, perdendo o seu espírito, e que, dado que unha parte dos criadores son grupos de risco sanitario, sería complicado celebrar un evento con tanta afluencia de público. 
 
Por estas razóns, o Concello de Vilalba viuse obrigado a suspender a tradicional Feira do Capón, unha das marcas de indentidade do municipio, e puxo en marcha unha estratexia de dinamización do sector. Ademais da web, o concello regalará as caixas para envasar os capóns e haberá outras iniciativas nas próximas datas. 
 
“A suspensión da feira que cada ano celebramos o 21 de decembro foi moi dolorosa, pola tradición e o que representa o capón para Vilalba, ademais de dar sempre o pistoletazo de saída cara o Nadal, por iso tivemos moi claro que o Concello de Vilalba tiña que continuar apoiando ós criadores e criadoras con estas iniciativas”, explica a concelleira de Feiras e Mercados, Antia Rama. 
 
O Capón de Vilalba ten fama e renome dentro e fóra de Galicia, sobre todo Madrid, Barcelona, Bilbao e incluso viaxa cada ano a Alemaña, Bélxica, Francia ou Reino Unido.
 
As referencias históricas remontan a existencia da Feira do Capón case ós 200 anos de antigüidade, xa que nos libros do Concello de Vilalba aparecen anotacións do ano 1835.

16 de dec. de 2020

0 comentários :

Danos a túa opinión