Germán Castro Tomé.-
É un pracer e un privilexio compartir mesa con Pastora nun
escenario tan digno, tan representativo da vida cultural como é o Ateneo
Ferrolán.
Pas, traballadora social pola Universidade de Santiago e master
en drogodependencias pola mesma institución académica, recorreu boa parte da
comunidade galega empezando a súa andaina profesional polo Concello de Noia. Nun longo roteiro pasou por Vilagarcía,
O Grove, Santiago, Lugo e tamén Neda e Ares, municipios da nosa comarca
ferrolá. Desde o ano 2005, presta os seus servizos na Consellería de Política
Social na Coruña.
O feito de que Pas Veres optara polo traballo social
considero que é un dato revelador das inquedanzas e do compromiso coa sociedade
que agromou desde moi nova na nosa autora.
Ademáis do que é o seu rol profesional, o seu modus
vivendi, Pas leva de xeito paralelo o seu compromiso co labor comunitario e a
defensa da cultura e tradición do rural, como fiel discípula do poeta Díaz
Castro cuxa poesía abordaba a temática da humilde vida rural, como salientaba o
seu amigo e ilustre polígrafo ferrolán Ricardo Carvalho. Na propia solapa do
libro figura a súa participación, sendo máis nova, na Asociación de Veciños dos
Vilares e na Romaría Labrega da Chaira e máis recentemente implicada tamén no
proxecto cultural Os Vilares lareira de soños.
Estamos xa que logo diante dunha muller rica en valores
humanísticos. Hai que engadir que Pastora, como boa chairega, é poeta. Na Chaira
agroman os poetas e as poetisas como margaritas en primavera. Velaí o papel de
impulsora, sumando forzas co seu home, Antón, da Nova Poesía Guitirica,
movemento que en só seis anos cobrou unha notoriedade e prestixios
extraordinarios. Precisamente, a semana paasada, a NPG ocupaba titulares na
prensa por estar implicada no primeiro festival de poesía guitirica, en
alianza co Concello daquela vila.
Pas, xornalista
Quero destacar igualmente un aspecto biográfico da autora
de Lareira de soños, que non e tan coñecido. Pastora non é unha
xornalista de profesión, pero sí de devoción. Acredito que é unha admiradora
deste oficio, do que precisamente era un apaixonado vocacional o seu escritor
de culto García Márquez, que decía que este era o mellor oficio do mundo. Gabo
escribía xa ben avanzada a súa idade:
“No quiero que se me
recuerde por Cien años de soledad,
ni por el Premio Nobel sino por el periódico (…). Nací periodista y hoy me siento más reportero
que nunca. Lo llevo en la sangre, me tira”.
Pastora se
houbese seguido este camiño, sería hoxe unha magnífica profesional dun
xornalismo máis ben literario e creativo. Non hai máis que ver como a autora
manexa neste libro, cunha singular mestría, un dos xéneros máis prezados do
xornalismo como é a entrevista, que ela desenvolve brillantemente a través da
fórmula narrativa.
Se o traballo de campo foi arduo, peregrinando por rueiros
e casas dos Vilares e máis alá trasladándose a Bilbao e Barcelona onde vivían
vilaregos que podían aportar valiosos testemuños de anos, armar literariamente
todas esas conversas, todo ese material reunido na gravadora e nas libretas de
apuntes foi un gran reto que Pastora soubo afrontar cun magnífico resultado.
Pas Veres con esa vea que ela posee de xornalista e poeta sabe manexar a palabra, contextualizar o
relato e lograr o obxectivo final de despertar o interés de lectoras e lectores
e sacar do anonimato as voces silenciadas do rural, como refire Luz Campello
nun fermoso artigo que foi publicado en La Opinión de Coruña, a raíz de
saír da imprenta a obra que nos trae aquí.
Díaz Castro-Carvalho Calero
Resolto o capítulo biográfico, desde a modestia e como
cronista que fun desta cidade e comarca, ao longo de moitos anos, e mesmo como
prologuista da obra dou fe, levanto acta -xa se sabe que os xornalistas somos
os notarios da actualidade- de que hoxe aquí neste histórico templo da cultura
e do saber asistimos siquera sexa simbólicamente ao feliz encontro dos Vilares
de Díaz Castro e o Ferrol de Carvalho Calero. Foron desde os anos oitenta,
grandes amigos, coa mediación de Alfonso Blanco Torrado, fundador de Xermolos e
gran activista social e cultural, gran impulsor da candidatura de Díaz Castro
ás Letras Galegas.
Un fito que agardo que máis pronto que tarde chegue a
traducirse nunhas xornadas nas que se estude e divulgue a relación destes dous
literatos e intelectuais galegos.
O prólogo
É obrigado que faga unha referencia ao meu prólogo.
Pas asinoume este honroso papel, un día tan sinalado como
foi a xornada do 17 de maio de 2014 en Guitiriz onde se constituiu solemnemente
a Real Academia Galega para entronizar no olimpo das Letras Galegas a Xosé
María Díaz Castro. É curioso que a ela emprazouna para escribir o libro o poeta
Manuel María e a min emprazoume para
escribir o prólogo a poeta Pas Veres. Foi unha decisión dela, pero se así non
fose non sei se non llo acabaría pedindo eu. Semella, e por algo sería, que os
poetas chairegos Manuel María e Díaz Castro, alá donde se atopen, convocaron
aos astros para que se aliñaran con nós e foramos da man nesta viaxe, nesta
lareira chea de soños que hoxe nos trae a Ferrol a súa autora.
O prólogo, amigas e amigos, permitiume algo tan elemental e
desexado como reivindicar as miñas orixes vilaregas. Cando escribin o texto
tiven a sensación repetida de que estaba a facer algo de funambulismo.
Costábame traballo manter o equilibrio entre o que me dictaba a cabeza e o que
me facía escribir o corazón. Lembreime máis dunha vez do recordado filósofo, tamén
amigo nos últimos anos da súa vida, Carlos Gurméndez, tratadista das paixóns e
os sentimientos. Gurméndez aborda na súa obra o dobre exercicio de
sentimentalizar a razón no canto de racionalizar os sentimentos, ambas reaccións
moi humanas, por outro lado. Pois por aí andiven eu con mellor ou peor fortuna
cando me puxen a redactar o prólogo.
O libro: O retorno a Ítaca
Considero que Lareira de soños é en esencia unha especie de
regreso a Ítaca da autora:
Pas leva moitos anos indo dun lado a outro por razón do seu
labor profesional. Adiviño que Pas quería sentir o orgullo e a fachenda de
homenaxear ao seu particular macondo, de facer un xeneroso exercicio de
vilareguía, e nunca de mellor maneira que construindo a historia dos seu
recanto natal, historia que estaba por facer. Pas resolve con esta obra, de
craro selo social e antropolóxico, un compromiso moral, emocional e sentimental
cun traballo que lega para futuras xeracións. A filla “errante” volve para
poñer aos Vilares no mapamundi.
Do local ao global
É que estamos diante dunha mensaxe que está a facer xa ese
longo recorrido do local ao global non só en virtude da transmisión e
divulgación que permiten as novas tecnoloxías senón porque, agás algunas
particularidades, como é o caso da figura dos trapeiros, o que se conta neste
libro vale para calquer outro territorio do rural: a supervivencia sometida ás
estreiteces das economías familiares, a emigración, o salto do campo a
industria, en definitiva, a loita na procura dun mellor estado de benestar, son
fenómenos que se repiten en calquer punto do ancho e amplo cosmos do rural.
O valor do testemuño oral
Pas Veres botou man do testemuño oral utilizando como
ferramenta a entrevista. Este é un asunto que mereceu ao longos dos tempos
moito debate por parte de especialistas na materia. Fronte aos que pelexaban
por dar valor a oralidade situabanse aqueles que restaban fiabilidade a estas
fontes. O caso é que desde Herodoto, do século V antes de Cristo, que se apoiou
no relato oral para escribir as Guerras Médicas, pasando por Tucidides que se
valeu deste recurso para narrar o conflicto do Peloponeso ata os anos sesenta
do século pasado en que se deron os primeiros pasos na historia oral como
metodoloxía do traballo, as fontes orais dunha maneira ou outra foron sempre
utilizadas na investigación. Antes recordaba o traballo de Luz Campello sobre as
voces silenciadas do rural, velaí que os expertos e defensores deste método
sosteñen que a historia oral entraña un principio cal é o dar voz aos sin voz.
A fotografía na vertente antropolóxica
Hai un aspecto neste libro no que convén reparar. E o valor
que a autora dá a fotografía. A propia portada do volume xa nos indica por onde
van os tiros. É sabido que a fotografía é un medio de comunicación, pero dentro
deste concepto xeralizado podense establecer clasificacións: a foto de prensa,
a foto de estudo, a foto artística ou de ensaio e tamén a foto antropolóxica ou
etnográfica, que é a que visualiza as persoas no seu entorno sociocultural: a
familia, as festas, bodas, bautizos, enterros, labores do campo, oficios
relixiosos, documentos que retratan a escenificación da vida no rural.
Aquí os fotógrafos ambulantes das primeiras décadas e
mediados do século pasado xogaron un papel importantísimo. Lareira de soños ten
ao meu ver o tratamento axeitado destes documentos gráficos. Sen deixar de
botar man ao recurso máis moderno do audiovisual, un documental que fixeron uns
mozos sobre a vida nos Vilares.
O relato: un exercicio de antropoloxía cultural
Por último, respecto a construcción do relato, Lareira de
soños retrata a historia, as formas de vida, a cultura dos Vilares, como xa
dixemos a través de pezas con personalidade propia, que fan máis doada a súa
lectura. Cada entrevistado conta a súa particular historia, o que viu e viviu,
o que rompe a posible monotonía do relato lineal.
Lareira de Soños vén a
ser un exercicio non campo concreto da antropoloxía cultural. Vemos como,
fundamentalmente, a comunidade vilarega sobrevive ao longo do tempo grazas ao
campo, as actividades de intercambio comercial, reflectidas nun movemento
nomade, que vai de porta en porta en longos percorridos e períodos de tempo
practicando unha sorte de oferta e demanda: leva trapos e pode retornar con
diñeiro ou cousas materiais necesarias para a vida cotiá. A emigración e outro
dos fenómenos que marcan, como noutros moitos pobos galegos e españois, a vida dos Vilares.
Traguerán
os camiños algún día a xente que levaron" que
dicía o noso poeta do Vilariño no poema maís coñecido Penélope.
Recorriase
tamén aos traballos temporais, como as segas de Castela, e , por outra banda,
emerxían indicios de actividade endóxena que vai desde veciños que rompen co
conformismo e lanzanse a determinados tipos de negocios: hostalería, fornos, canteiros, tecelás, xastres,
músicos…Houbo veciños que marcharon e trunfaron, outros destacaron non mundo
das letras e das artes. Todos aparecen nesta obra, que abrangue
cronolóxicamente os séculos XIX e XX.
A familia Castro-Tomé
Non podería rematar sen mostrar a miña gratitude por ver
representada neste libro a familia Castro-Tomé. Por aí andan meu pai, miña nai,
os irmans, tíos dunha estripe e outra e entre eles o meu avó paterno Nicolás
que ten unha historia moi peculiar, como supoño que logo citará Pas.
Tanto polo lado dos Castro dos Manchás como polo dos Tomé
de Lea foron familias moi numerosas que se dispersaron en boa parte polo mundo
adiante en busca de mellor vida. Pois resulta que a Lareira de soños de
Pas Veres descubreme incluso datos dos meus parentes que eu descoñecía.
Sendo Ferrol a miña patria de nacenza, á que me entreguei
en corpo e alma, no exercicio do xornalismo e, modestamente, no campo da
cultura a través do fundamentalmente do Club de Prensa, teño que manifestar co
mesmo orgullo que polas miñas veas corre únicamente sangue vilarego.
Benquerida Pas, gratitude infinda.
0 comentários :
Danos a túa opinión