"Utopías", con Atenea García

Redacción. -

A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, día 10, ás 19 hrs, o espectáculo de narración oral “Utopías”, de Atenea García. A actividade encádrase no Festival internacional de narración oral Atlántica, no que este ano colabora a Casa-Museo Manuel María, e que está a levar as súas actividades a distintas localidades de Galiza, e concretamente a espazos significativos co patrimonio e a cultura galega.

O espectáculo gratuíto, dirixido para público infantil e familiar, a partir de 3 anos, combina a narración oral e a manipulación de obxectos. A través de diversas historias as persoas asistentes irán descubrindo eses mundos invisíbeis que nos rodean, eses outros xeitos de vivir. Ratos na procura de novos camiños, rapazas que soben e baixan escaleiras e parrulos, moitos parrulos.

Atenea García é actriz e creadora escénica. Titulouse en Arte Dramática pola ESAD de Galicia no ano 2010. Durante os anos 2011 e 2012 viviu na cidade de Bos Aires; onde ampliou a súa formación no ámbito vocal e interpretativo con mestras como Jessica Pinkus ou Ignacio Monna. Tras a súa volta a Galiza traballou como actriz no Colectivo Avoayouja formando parte de varias das súas montaxes. No ano 2015 fundou co músico Nicolás Zamorano a compañía Xarope Tulú. Desde o ano 2017 colabora como performer co colectivo Blanco&Roja e coa artista Alba Blanco. No ano 2019 traballou como actriz na montaxe Galego, Neorretranca e posmorriña do Centro Dramático. Na actualidade, Atenea combina o seu labor como actriz en diversos proxectos coa súa actividade como narradora oral.

A entrada é de balde mais cómpre anotarse a través do correo electrónico:

contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do whatsapp 698177621.


7 de xul. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión