Redacción. -
O vindeiro luns, día 23 de agosto inaugúrase a EXPOSICIÓN DE DEBUXOS E PINTURAS da artista vilalbesa Isabel Pardo na Casa Habaneira de Guitiriz e que estará aberta até o 10 de setembro en horario de 10 a 2 e de 4 a 6 de luns a venres.
Está organizada polo concello de Guitiriz dentro da súa programación de verán coa colaboración da Asociación Cultural Xermolos, a Nova Poesía Guitirica NPG e a Asociación Socio-Cultural Lareira de soños.
O acto de inauguración terá lugar o luns 23 ás 19:00 na Casa Habaneira e contará coa participación da autora Isabel Pardo, a alcaldesa de Guitiriz, Marisol Morandeira, o presidente de Xermolos Alfonso Blanco e un recital da Nova Poesía Guitirica c@s poetas Branka Villar, Pilar Maseda, Miguel Barrera, María Xosé Lamas, Emilia Martínez Fuentes e Luz Airado e será presentado polo presidente da Lareira de soños Antón de Guizán.
A asistencia é libre até completar aforo e coas medidas COVID.
*Isabel Pardo Martínez é unha das artistas chairegas máis talentosas que coa súa xuventude (nacida en Vilalba en 2002) xa ten gañado o certame de debuxo de Pardiñas, realizado numerosos murais e colaborado con entidades como Xermolos, Nova Poesía Guitirica, Instituto de Estudos Chairegos ou Lareira de soños en diversas iniciativas culturais. Comprometida coa sociedade e cultura chairegas e o feminismo, ten feitas varias exposicións dos seus traballos. Na actualidade cursa estudos de Historia da Arte na USC.
0 comentários :
Danos a túa opinión