Visitantes

Jacobo Otero Moraña. -

Algúns cren que iso de recibir visitas estivais é cousa de hai catro días. Fulano ou mengano, con familia na meseta ou en terras catalás, atópase cos seus curmáns e demais parentela durante os meses estivais. Todos, en amor e compaña, déixanse ver polos lugares máis enxebres do
noso pobo. Non faltan as fotos nin o percorrido polas tascas, onde por uns días, ninguén é máis que ninguén e até o máis estirado, parece tan feliz como un neno a mañá de reis tras volver ás súas "raíces".
Logo pasa o de sempre. Uns volven á rutina e outros foxen a matacabalo cara ás súas adouradas urbes. Pois ben. A devandita trasfega dábase, dá e dará. Non imos dicir que todo aquel que vén o faga á forza.
Tampouco que exista un cinismo xeralizado no proceder dos protagonistas. Pero estaría ben que non nos enganásemos. Nin é ouro todo o que reloce, nin somos ese centro do Universo que algúns empéñanse en querer demostrar.

Revisando o anecdotario, resulta que en pleno agosto, hai sesenta anos, paseáronse polas rúas da Centenaria Balduino de Bélxica xunto á súa esposa, Fabiola de Moura e Aragón. Polo visto, devandito evento provocou que as rúas se enchesen de curiosos mentres os ilustres turistas (dubido que ninguén lles chamase "fodechinchos") deixaban a súa firma nalgún dos lugares emblemáticos. Concretamente, na tasca da Cuba, onde supoño que o rei se botaría unhas risas co debuxo da fachada, onde aquel polbo coroado e con cara de ir "fino", estendía os seus tentáculos cara as cuncas rebosantes de ribeiro ou país.
Miren por onde, que para estas datas, anúnciase a chegada doutro personaxe mediático. E non me refiro á nosa campioa de triplo salto. De ser así, este artigo non tería a tinguidura reivindicativa que pretendo imprimirlle. E é que a un pode gustarlle o deporte. Ou non. Pode caerlle ben a aristocracia propia e foránea. Ou non. Pero o que non se pode entender é que un tipo como Laureano Oubiña, percorra agora Galicia e parte de España dándollas de vítima e de xubilado ao bordo da miseria, cando toda a súa vida foi un contrabandista. Se polo menos tivera tido un pouco de decencia (cousa difícil por non dicir imposible), mostrando certa dose de arrepentimento tras o dano causado, se cadra, algúns podían pensar que o fulano talvez cambiou. Pero non. Publícanlle un libro (el non o escribiu, xa que basta ver as súas dedicatorias para darse conta de que en catro liñas non só esnaquiza a ortografía, senón a propia sintaxe), onde se atreve a contar unha historia tergiversada até límites do absurdo con tal de justificar o inxustificable. Pero se isto non fose suficiente, ri de todo e de todos lanzando unha liña de roupa chamada "Nécora". Eu pregúntome por un instante que poden pensar todas esas nais que viron como os seus fillos convertíanse en zombis antes de morrer do todo, cando un suxeito desa calaña preséntase nos pobos ou locais que lle dan pé, e ponse a pontificar sobre sentenzas e xuíces corruptos. Que cara poráselles a esas señoras cando escoiten a semellante "eminencia" dicir que el só traficaba con haxix, que é unha droga branda. Elas, do mesmo xeito que quen lles fala e moitos de vostedes, saben que tras a análise de alcaloides da devandita sustancia, pode cualificarse de moitas maneiras, pero nunca como "droga branda". Logo estrañámonos de que certo sector da mocidade idolatre a estes delincuentes e reciban a pedradas ás patrullas que tratan de facer cumprir coa legalidade nestes tempos de pandemia.
Porque aínda que crean que o exemplo está pillado con pinzas, a liña entre rir as "grazas" a un delincuente e cuestionar a quen representan a autoridade, é moi tenue.

Pois isto é o que hai señores (e señoras). Así que xa saben. Son libres de criticar aos visitantes ocasionais, sexan ou non de alto berce. Aos "fodechinchos" de toda a vida. Aos atletas que puxeron o nome do noso pobo nos mapas, e até ao meu, porque talvez non capto o sentido do humor de certas situacións. Como ben poden comprender, tráeme sen coidado. O que non entenderei xamais é que a un delincuente, cédanselle espazos que só serven para concederlle esa dose de decencia que tanto anhelan e que xamais tiveron nin terán.

17 de ago. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión