Xaime Félix López Arias. -
Andan as túas verbas a facer pelerinaxe polas vílas e cidades a furgar punxentes nas postelas de perenes tempos de impostura, disfrazados coa lene maquillaxe do parvo conformismo “que entre todos nós se delimita / e fai pasado / o que aínda non fixemos / para saltar terco embravecido e tolo”.
De nena o teu falar foi escándalo de tendeiras parvas de curtos horizontes… Cando moza fuches alzada bandeira inconformista de ti mesma, irada adail loitando ao ventimperio por saber “onde quero estar atada, onde / as fronteiras ou a morte das fronteiras,/ onde / a man espada levanta e anota / media terra, media historia, media / lingua desmedida que non usa / máis co silencio da espera en media guerra”.
Cedo, moi cedo, cantou o galo mouro a túa partida, cando xa foras dona de tigres indómitos e nos fixeras o galano de axeitadas respostas aos nosos inquéritos , aos nosos medos e aos nosos desacougos coas túas acesas candeas e os teus fachos xenerosos.
E neste intre, cando agradecidos facemos verea coa túa obra, NenaXeliña, Moza-Afouta, Xela-Nai e Xela-Mestra, quero eu facerche unha pregunta: Por que congostras choídas, por que estradas sempre lamacentas, avanza hoxe o auto das cereixas?
Entrega da “navalla” de Manuel María a Xela Arias e á súa familia, partícipes da cultura da Terra Chá, aos seus pais: Valentín e Amparo, ao seu fillo Darío, aos seus irmáns...
8 de setembro do 2021
- Ás 14,30 horas xantar no Río Ladra
- Ás 17 horas recital nas Penas de Rodas
- Ás 18 horas prego no cemiterio de Outeiro de Rei
- Ás 19 horas rito compartido no Campo de Santa Sabela
0 comentários :
Danos a túa opinión