Bases XLVII Premio Modesto R. Figueiredo

Redacción. -

1.FINALIDADE DO PREMIO
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro, coa colaboración do Concello de SILLEDA organiza o Certame Nacional Galego de Narracións Breves baixo o nome de "Premio Modesto R. Figueiredo”. Este certame ten a finalidade de promover a literatura narrativa en lingua galega e homenaxear ao seu artellador, o avogado pontevedrés Modesto R. Figueiredo.
2.REQUISITOS PARA PARTICIPAR
Poderán participar tod@s @s autor@s de calquera nacionalidade, con unha ou máis obras, sempre que estean escritas en lingua galega, sexan inéditas e que non se presentasen antes a ningún outro certame literario.
3.TRABALLOS QUE SE PODEN PRESENTAR
Os traballos deben ter un mínimo de cinco e un máximo de trinta páxinas mecanografadas a dobre espazo e por unha soa cara en follas de tamaño DIN-A4. Non obstante, o Xurado poderá reconsiderar esta base se entendese que a temática ou desenvolvemento lóxico do argumento o precisasen.
4.TEMPO E MODO DE PRESENTACIÓN
As persoas que participen deberán enviar os seus traballos por quintuplicado sen remite, ou outra forma de identificación, antes do 20 DE NOVEMBRO de 2021 a algún destes enderezos:
FUNDACIÓN DO PADROADO DO PEDRÓN DE OURO
Premio Narracións Curtas do Pedrón de Ouro
Apdo. de Correos, 627. Santiago de Compostela
* * * * *
Premio Narracións Curtas do Pedrón de Ouro CONCELLO DE SILLEDA
CONCELLO DE SILLEDA
Premio Narracións Curtas do Pedrón de Ouro
Rúa do Trasdeza número 55
36540 Silleda (Pontevedra)
Para a identificación das persoas premiadas ou para aquelas autoras ou aqueles autores de obras que o Xurado considere apropiadas para publicar, todos os traballos deberán engadir un sobre pechado, cos seus datos (nome, apelidos, enderezo, teléfono ou correo electrónico) e tamén o currículum vitae de o considerar oportuno. No exterior do sobre só aparecerá o título ou lema da obra.
(***) Con respecto aos traballos que o Xurado considere merecentes de publicación poderán abrirse as plicas correspondentes para poñerse en contacto cos autores e autoras para que dean o consentimento para publicalos.
5.PREMIOS
A obra gañadora será premiada con 1000€ ( suxeito ás obrigadas retencións fiscais). Porén, se o Xurado considera de calidade outras obras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 € cada unha ( e asemade tamén suxeitos ás obrigadas retencións fiscais) . Ademais, o Xurado poderá recomendar a publicación daqueles traballos que así o considere (aínda, que non contarán con premio económico).
(***) En todo caso, a publicación destas obras soamente será posíbel co consentimento das súas autoras ou dos seus autores.
6.XURADO E DECISIÓN
O Xurado estará composto por especialistas en crítica literaria designados pola Fundación do Pedrón de Ouro co asesoramento e colaboración das Asociacións ( AELG , PEN CLUBE DE ESCRITORES DE GALICIA, ASOCIACIÓN GALEGA DA CRÍTICA (AGC) ) e a do Concello de SILLEDA. A Fundación do Pedrón de Ouro reservarase na composición do xurado os postos de presidente/a, e secretario/a (este/a último/a con voz, pero sen voto).
(***) Se a calidade literaria das obras non fose estimábel, segundo o criterio do Xurado, o premio poderá declararse deserto.
 O Xurado reunirase na segunda quincena do mes de decembro e dará a coñecer a obra ou obras premiadas coa apertura de plicas diante dos medios de comunicación. Finalmente, ao remate da decisión do Xurado o/a secretario/a redactará a acta que asinarán todos os membros deste.
7.ENTREGA DE PREMIOS
Os premios que obteñan as obras seleccionadas entregaranse nun acto organizado polo Concello de SILLEDA en día e data que se dará a coñecer oportunamente. 
Os/as autores/as premiados/as terán que recoller persoalmente os seus galardóns.
8.OBXECCIÓNS E NORMAS DE INTERESE
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro reservarase o dereito exclusivo de publicar as obras premiadas na súa primeira edición. O/a autor/a ou autores/as, ao aceptaren estas bases, renuncian voluntariamente aos seus dereitos en favor da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro.
A partir da seguinte edición, as obras son da total propiedade das súas autoras e autores, os/as cales terán a obriga de facer constar que a obra foi premiada no Premio Modesto R. Figueiredo da Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro. As obras non premiadas seranlles devoltas aos seus autores e ás súas autoras se as requiren antes de rematar o mes seguinte á decisión do Xurado. Se ninguén as require, serán destruídas.
A Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro é a única entidade con capacidade para decidir en última instancia calquera dúbida que puidese suscitar a interpretación das bases deste certame.
O feito de concursar xa obriga ás autoras e aos autores a aceptar as presentes bases deste Certame.
Silleda (PO), agosto 2021, mes da Patria, ano de Xela Arias.

3 de set. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión