A presentación do Iº Trail e andaina solidaria "Camiñando polo Dano Cerebral", que se celebrará o próximo 12 de setembro polos camiños e sendeiros da Cidade de Ourense e do concello veciño de Pereiro de Aguiar, tivo lugar o pasado 31 de agosto na Pista de Atletismo do Campus Universitario de Ourense, coa presenza de representación de todas as institucións colaboradoras e patrocinadoras, destacando o apoio da Xunta de Galicia a través do Programa O Teu Xacobeo 21-22.
Un ‘Trail e andaina solidaria’ en Ourense, o percorrido da última etapa do Camiño de Santiago cun grupo de persoas con dano cerebral, un ciclo de charlas en concellos xacobeos e un vídeo e un folleto para informar á poboación galega e á peregrina sobre como previr o dano cerebral adquirido son as iniciativas que compoñen ‘Camiñando polo dano cerebral’, o proxecto que FEGADACE desenvolve desde maio de 2021 no marco do programa O Teu Xacobeo, financiado pola Xunta de Galicia e o Xacobeo 2021-2022.
A prevención do dano cerebral é unha preocupación transversal para FEGADACE. A nosa discapacidade non se pode evitar, pero si se pode previr incidindo nas súas causas. É por iso que as iniciativas de promoción da saúde e fomento de hábitos de vida que, como o deporte, son chave na prevención da principal causa do dano cerebral, os ictus, son un dos piares de actuación da Federación Galega de Dano Cerebral.
É por iso que no marco dos proxectos de prevención e promoción da saúde, FEGADACE organiza en Ourense, o domingo 12 de setembro, o Iº Trail e andaina solidaria ‘Camiñando polo dano cerebral’. Conta coa colaboración da Federación Galega de Atletismo (delegación de Ourense), Consello Municipal de Deportes da Cidade, Concello de Pereiro de Aguiar, Deputación de Ourense (INORDE) e co patrocinio da Xunta de Galicia (O Teu Xacobeo 21-22), Campus de Ourense- Universidade de Vigo e Runmaniak. Con toda esta colaboración, foi a proba foi presentada onte, 31 de agosto de 2021, co obxectivo de acadar a máxima repercusión e participación.
A inscrición está aberta en carreirasgalegas.com, onde se pode consultar a ficha técnica, a ruta do trail, a ruta da andaina, descargar o regulamento e acceder ao protocolo COVID-19 xunto coa correspondente declaración responsable. A cota solidaria de inscrición é de 10 euros no trail e 5 euros na andaina. Tamén está dispoñible un Dorsal 0. O prazo para anotarse finaliza o 7 de setembro.
FEGADACE quixo favorecer a participación de todas as persoas interesadas cun trail de 14 quilómetros, e tamén cunha andaina máis curta, de 8,5, para que cada quen poida modular en función da súa capacidade física. Ademais, para aquelas persoas con mobilidade reducida que non poidan asumir calquera dos percorridos ao completo, está dispoñible o tramo final, de 400 metros e totalmente accesible, libre de inscrición.
Tanto a saída como a meta localízanse na Pista de Atletismo do Campus de Ourense, e o percorrido levará ás persoas participantes por sendeiros e camiños da cidade e do veciño concello de O Pereiro de Aguiar.
FEGADACE conta para esta actividade coa implicación e participación das súas cinco asociacións: ADACECO, ADACE Lugo, Alento, Renacer, cunha maior implicación por ser a entidade que comparte sede co trail e andaina, e Sarela. Ademais, colaboran en diferente medida coa organización do evento Gadis, Eroski, a Federación Galega de Atletismo, o Concello de Ourense, o Consello Municipal de Deportes de Ourense, Inorde Turismo de Ourense e RunManiak.
Outras actividades do Proxecto: A prevención do Dano Cerebral no Camiño de Santiago
O Camiño de Santiago é o escenario de moitas situacións de risco, especialmente de traumatismos cranioencefálicos, pero tamén é unha oportunidade fantástica para incorporar hábitos saudables, sobre todo a nivel de actividade física, cos que reducir o risco de ictus. Por iso a primeira iniciativa que lanza FEGADACE dentro de ‘Camiñando polo dano cerebral’ é un vídeo dirixido a todas as visitantes que chegan a Compostela a pé ou en bicicleta.
Estes consellos poden consultarse máis pausadamente no folleto ‘O importante é chegar ben’, no que FEGADACE dá a benvida a peregrinos e peregrinas dándolles os parabéns por optar pola actividade física no seu tempo de lecer, e lembrándolles a que riscos se expoñen durante a ruta, para finalmente achegarlles as pautas a seguir se teñen o presencian unha emerxencia, ou se precisan unha axuda menos urxente.
A Federación vai distribuír estes materiais nun ciclo de charlas que se van impartir en colaboración cos concellos en distintos municipios que son vía de paso dos camiños a Santiago. Así poderá chegar ás persoas visitantes, pero tamén a toda aquela poboación local implicada, dun ou outro modo, na recepción e atención a peregrinos/as. As charlas vanse desenvolver entre os meses de xuño en setembro de 2021.
Última etapa do Camiño de Santiago
As persoas con dano cerebral van ser as protagonistas da última actividade do ciclo ‘Camiñando polo dano cerebral’. Grupos procedentes das cinco asociacións de FEGADACE van facer xuntos un tramo da última etapa do Camiño, ata a Praza do Obradoiro, para logo gozaren dun xantar de convivencia no Parque de Galeras. A cita é o 17 de setembro, os detalles e colaboracións iranse anunciando ao longo do verán.
FEGADACE constituíuse en 2007 polas cinco asociacións de dano cerebral que traballan en Galicia: ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, Alento en Vigo, Renacer en Ourense e Sarela en Santiago. Xuntas representan algo máis de 2.000 familias. O seu obxectivo é contar cunha plataforma común de interlocución, coordinación e divulgación das necesidades do colectivo de persoas con dano cerebral adquirido, unha discapacidade que afecta a máis de 35.000 persoas en Galicia e que está causada case sempre por un ictus (78% dos casos) ou un traumatismo cranioencefálico provocado por un accidente de tráfico.
0 comentários :
Danos a túa opinión