Tres proxectos da Fundación DIDAC

Redacción. -

A fundación DIDAC presenta os proxectos  artísticos de Teresa Búa, Roi Fernández e Verónica Ruth Frías froito das Residencias In Situ de artes vivas
 
 
Venres 10 de setembro ás 19.00 h. Performance de Verónica Ruth Frías na Praza da Quintana

Este venres Verónica Ruth Frías realizará unha performance na Praza da Quintana relacionando a Historia da Arte coa idea de camiño e a fin da viaxe. Esta performance pública será a culminación da obra Se hace camino al andar, unha serie de accións que a artista foi realizando en varias localizacións do Camiño de Santiago. Nesta ocasión, representará diferentes obras icónicas da Historia da Arte a través das posturas do corpo e do poder simbólico da cor como metáfora dunha sociedade multicultural e empoderada.
 
 
Sábado 11 de setembro ás 12.30 h. Presentación do proxecto de Teresa Búa na Fundación DIDAC

Este sábado Teresa Búa presentará na Fundación DIDAC os rexistros das accións que levou a cabo durante a súa residencia. Co concello de Muxía e o Santuario da Virxe da Barca como protagonistas, O encaixe que camiña é unha obra multidisciplinar na que reflexiona sobre a importancia da tradición das palilleiras e a necesidade de poñer en valor o patrimonio socio-cultural do lugar, contando coa participación da veciñanza. Na Fundación DIDAC presenta un vídeo e unha serie de pezas que se foron producindo como resultado das accións realizadas
 

 
Venres de setembro ás 19h. Presentación do proxecto de Roi Fernández na Fundación DIDAC
 
Roi Fernández presenta o venres 17 de setembro o proxecto PEGADA. Cine-diarios de derrota, na que reflexiona sobre os espazos de desexo (roteiros físicos e afectivos) contando con persoas con dificultade para desprazarse ás que lles ofrece a posibilidade de crear estes percorridos a través da arte. O resultado será unha instalación multimedia na que interactuarán os formatos fílmicos, plásticos e de acción.

O proxecto Residencias in situ de artes vivas está coordinado por Performa S.Coop. Galega e foi beneficiario do programa O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.
 
Máis información en didac.gal
 
 
A Fundación DIDAC conta co selo de Cultura e Mecenado concedido polo Ministerio de Cultura y Deporte, a través da Unidade Cultura e Mecenado (dependente da Subdirección Xeral de Promoción de Industrias Culturais e Mecenado), que ten como obxectivo avalar as institucións que o posúen, para fomentar o mecenado cultural, dando visibilidade aos proxectos que destaquen neste ámbito.
 
A programación xeral da Fundación DIDAC ten apoio da área de cultura da Deputación da Coruña.
 

11 de set. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión