Simposio Xela Arias

Redacción. -

A Real Academia Galega (RAG) organizará durante tres xoves consecutivos --11, 18 e 25 de novembro-- unhas xornadas dedicadas á poeta Xela Arias que se desenvolverán na súa sede da rúa Tabernas, na Coruña, a partir das 18,00 horas, e poderán seguirse tanto en formato presencial --a entrada é libre ata completar aforamento-- como 'en liña' a través da canle de Youtube da RAG.

A primeira xornada, o xoves 11 de novembro, acollerá un simposio moderado pola poeta Yolanda Castaño, autora da biografía 'Xela quixo ser ela'; e na que participarán Darío Gil Arias, fillo da homenaxeada, e dúas persoas que eran amigas súas: a escritora Marga do Val e a profesora da Universidade de Vigo Ana Iglesias Álvarez.

A primeira tarde finalizará nun recital poético no que tamén estarán Darío Gil Arias, Marga do Val e Yolanda Castaño, xunto ao académico Darío Xohán Cabana e as poetas Emma Pedreira e Dores Tembrás.

Estes encontros concluirán coa presentación da serie documental 'Xela Arias. A palabra esgazada', producida pola RAG. Todos os capítulos pódense ver na canle de Youtube da institución e a través da web academia.gal.

11 de nov. de 2021

0 comentários :

Danos a túa opinión