Redacción. -
O Concello de Vilalba presentou o día 14 a Feira do Capón 2021, que será de novo presencial tras o parón do ano pasado obrigado pola pandemia do coronavirus.
A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, a concelleira de Feiras e Mercados, Antia Rama, e María José López, criadora, presentaron esta mañá as principais novidades da feira en rolda de prensa.
“A pandemia obrigounos a suspender a feira presencial o ano pasado, polo que a retomamos agora con moita ilusión e damos a benvida a todas aquelas persoas que nos quieran visitar esa data”, apuntou a alcaldesa de Vilalba.
“É o pistoletazo de saída para o Nadal aquí, a feira do capón é un emblema de Vilalba e ten moita repercusión nacional e internacional”, manifestou pola súa parte Antía Rama, que garantiu “todas as medidas e protocolos Covid-19 vixentes, para o que contamos coa colaboración de todos e todas as asistentes”.
Este ano a feira abrirá as súas portas ás 09.30 horas da maña, coa presenza da maior parte dos 38 criadores censados e con boa parte dos case 1.250 exemplares que están criando a día de hoxe.
“Ademais de poder mercar os capóns, os asistentes poderán desfrutar dunha demostración de como se cociña e degustalos gratuítamente”, explicou Rama. Na feira haberá ademais outros productos típicos da zona e a música tradicional chegará da man de Cerna de Árbol, unha agrupación formada polos veciños da Asociación Cultural e Deportiva de Arbol.
Non faltarán os tradicionais premios aos criadores (mellor criador, mellor cesta, mellor par, maior número de exemplares á feira e o premio especial, que como sempre será segredo ata ese día), que se entregarán ás 11:00 horas nun acto presentado por Fran Cañotas.
Tamén se fará entrega do premio ao pequeno gañador ou gañadora do I concurso infantil de deseño do cartel do capón para o ano 2022. Outra novidade será o sorteo entre todos os asistentes á feira dos dous capóns gañadores do premio ao mellor par.
Pola súa parte, María José López engadiu que “o capón é un manxar que temos aquí en Vilalba e só se cría para o Nadal, esperemos que na feira non se note a folga de transporte”.
0 comentários :
Danos a túa opinión