'As Alumnas' en Lugo

Redacción. -

A educación, peza fundamental no desenvolvemento e na liberdade das persoas, especialmente das mulleres, é o eixo fundamental desta nova peza de Culturactiva Producións que se estreará o vindeiro xoves 3 de marzo ás 20:30h no Auditorio Gustavo Freire de Lugo. 

Anabell Gago e Mónica Camaño, dirixidas por Fina Calleja e con texto de Paula Carballeira, métense na pel de dúas antigas alumnas de María Barbeito que volven atoparse trala morte da mestra, en 1970. Atrás queda a infancia e o mundo que lles abriu esa profesora antes de que o Comité de Depuración a afastase do seu traballo na escola. Son as dúas únicas alumnas que lle escribiron cartas contándolle o que foi das súas vidas. A través desa correspondencia, o público descubrirá como as decisións marcan o destino de cadaquén, e o medo, e a rebeldía.

“As Alumnas é un espectáculo sobre xustiza social, memoria histórica e sobre as mulleres como María Barbeito, que loitaron pola educación e a igualdade en Galicia. Esta obra é unha forma de devolverlles un pouco de todo o que nos deron”, afirman dende Culturactiva Producións.

Dende Culturactiva Producións queremos homenaxear o papel das mestras galegas de onte, hoxe e sempre a través da figura de María Barbeito. E para iso facemos un chamamento para que a xente envíe imaxes, historias ou vídeos daquelas épocas!

As aportacións recibidas serán integradas na obra As Alumnas. Será a nosa cativa homenaxe colectiva á profesión. Ademais, entre todas as participantes sortearemos entradas para asistir á estrea!

17 de feb. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión