Redacción. -
Este sábado, 12 de febreiro, ás 20 horas, a actriz Isabel Risco representa na Casa-Museo Manuel María a peza dirixida polo lucense Fran Rei, Bravas. Neste espectáculo unipersoal Isabel Risco ofrece a súa particular visión da historia das mulleres galegas. Unha historia, salienta Risco, sempre roubada, agochada e invisibilizada.
Bravas é unha produción teatral sobre mulleres sen medo, mulleres que forman parte dun valeroso clan, o clan que elas mesmas paren, amamantan, manteñen, constrúen cos alicerces da rebeldía, da rebelión, da ilusión, do inconformismo, da valentía, da xustiza social, da empatía, da humanidade.
Isabel Risco propón aos asistentes un xogo desde o teatro cómico e comprometido. Así, con esta peza pretende ademais reivindicar o humor das mulleres, que ofrece unha perspectiva única, plural, diversa, poliédrica e tan necesaria da realidade.
Bravas fai un repaso histórico pola nosa era, desde a época castrexa até o século XXIII. Unha viaxe no tempo con paradas en diversas estacións, reparando nas pequenas e grandes historias protagonizadas polas nosas mulleres. Isabel Risco ponse na pel dunha muller do rural galego de finais do século XXVII, dunha muller en loita en plena revolución industrial, dunha rapaza que descobre o mundo nos anos 60... Mulleres do noso pasado, do noso presente e, tamén, do noso futuro. E todo isto pasado polo filtro, sempre aloucado, sempre cómico, sempre sorprendente desta actriz sen igual.
Bravas foi premiada co III Premio Luísa Villalta da Deputación da Coruña.
As persoas interesadas en asistir a esta actividade deben reservar previamente o billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
0 comentários :
Danos a túa opinión