Afonso X e Galicia

Redacción. -

“Afonso X e Galicia” é un proxecto expositivo producido polo Consello da Cultura Galega en colaboración da Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, a Deputación de Lugo e o Centro de Artesanía e Deseño.

Comisariada polo Dr. Antoni Rosell (Universitat Autònoma de Barcelona), a mostra busca visibilizar a conexión con Galicia de Afonso X, no 800 aniversario do seu nacemento, a través das “Cantigas de Santa Maria” pero tamén noutros nexos máis profundos, ao tempo que amosa un intelectual que condensa outra forma de entender o saber do seu tempo.

A proposta afástase das exposicións de obxectos, busca compoñer ese relato a modo de crebacabezas con varios niveis, apoiado nunha narrativa multimedia. As circunstancias sanitarias obrigaron a adaptar o deseño desta exposición para que se poida “tocar” virtualmente a través dos dispositivos móbiles, pero tamén de proxeccións visuais e sonoras que permitirán trasladar a atmosfera da Idade Media.

O relato está en galego, inglés e castelán e permitirá achegarse á complexa e poliédrica figura de Afonso X, ás Cantigas de Santa María, como testemuño visual e sonoro da Idade Media galega e europea, aos instrumentos e á cultura galega da época.

2 de mar. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión