Francisco Rodríguez na Casa do Manuel

Redacción.-

Este sábado, 5 de marzo, ás 19 horas, a Casa-Museo Manuel María acolle a presentación da obra Unha etapa estelar e conflitiva de Galiza (a segunda metade do século XIV), escrita polo escritor, crítico literario e historiador da literatura galega, Francisco Rodríguez. 

A contracapa do libro salienta da obra o seguinte: Este libro sobre a etapa medieval de normalidade e esplendor do reino de Galiza e a crise da segunda metade do século XIV responde a un afán por combater a ignorancia colectiva sobre o noso pasado medieval e as deformacións e ocultacións sobre el. É, en certa maneira, un traballo a favor da saúde mental colectiva da sociedade galega. Xurdiu da necesidade de colaborar a un coñecemento sobre a nosa historia, entre os séculos VIII e XIV, radicalmente confrontado coa ocultación e terxiversación do oficial dominante. É, pois, unha visión crítica do estado da cuestión e unha proclama a favor de descubrir o oculto ou manipulado. O autor faino, analizando, debatendo e tirando conclusións, desde a historiografía oficial e académica e desde as fontes documentais existentes. Tamén desde a importante, malia ser considerada con frecuencia, historiografía que se ten esforzado xa desde o século XIX, por combater a manipulación que levou a ignorar a existencia relevante do reino de Galiza e a eliminarnos como realidade política específica na Península, para así mellor construír unha visión histórica ao servizo do castelanismo, primeiro, e do españolismo, despois. A obra divídise en dous tomos, o primeiro, “A relevancia do reino galego medieval”, que vén de saír do prelo, será obxecto da palestra deste sábado. 

Francisco Rodríguez, o autor, estará acompañado na mesa polo secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede. A Casa-Museo Manuel María lembra que para asistir a esta actividade cómpre facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

3 de mar. de 2022

0 comentários :

Danos a túa opinión