O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza para o venres 17 de xuño, ás 20:00 h., na Casa da Cultura, a proxección do documental A VIVENDA, UN BEN SOCIAL?, dirixido por MARISÉ FERNÁNDEZ e XOSÉ BOCIXA. Posteriormente, levarase a cabo unha CHARLA-COLOQUIO na que participarán MARISÉ FERNÁNDEZ, traballadora social, e XOSÉ ANXO CARREIRA MONTES, arquitecto e profesor da UDC, actuando de moderadora MARISA BARREIRO, presidenta do IESCHA. A VIVENDA: UN BEN SOCIAL? é o primeiro documental galego que reflexiona sobre a situación da vivenda en Galicia, a comunidade que está á cabeza nas estatísticas de vivenda baleira no estado cunha porcentaxe que rolda o 19%. Ditas cifras evidencian o fracaso das políticas tomadas ata o momento para rehabilitar vivenda en cidades e vilas pero tamén as de fixación de poboación no rural. Malia isto, a presión do mercado inmobiliario e os pisos turísticos fan subir os alugueiros, especialmente en cidades como Coruña, Santiago ou Lugo. As e os protagonistas e casuísticas reflectidas nesta peza son varias, desde persoas sen fogar a persoas en risco de exclusión social, familias, okupas ou persoas que poden quedar sen fogar pola especulación do mercado. Por suposto, non falta a ollada de técnicos en diversas disciplinas que aportan unha ollada analítica, social e científica. Durante o documental vaise debullando a problemática da vivenda en Galicia no contexto do Estado Español e Europa, tanto nas urbes, nas vilas e nas aldeas. Ao mesmo tempo, as características endóxenas ao mercado inmobiliario vanse relacionando coa problemática persoal das testemuñas que contan a súa vivencia. Tamén se interrelaciona coa cuestión das axudas sociais, pois moitas veces a vivenda é un requisito preciso para optar a elas difícil de conseguir. Os fondos voitre, a especulación, o abandono, a compra fronte o alugueiro ou a falta dun parque de vivenda social do Estado son outros dos temas que se abordan. Do mesmo xeito apórtanse solucións diversas para mellorar o acceso a este dereito. Un dereito que está na parte baixa da pirámide de Maslow, que reflexa a orde das necesidades que temos as persoas. No base estarían as fisiolóxicas pero xusto despois a seguridade física, a moral, a saúde e a familia, cuestións impensables sen un fogar. (Textorecollido de https://www.coaglugo.es/gl/noticias/)
0 comentários :
Danos a túa opinión