Redacción. -
Ragazzo, da compañía Barrosanta, é unha das pezas seleccionadas para participar no Galicia Escena Pro. A representación desta peza reivindicativa que fala do asasinato dun activista italiano poderá verse o 8 de xuño, ás 20:00h, no Teatro Principal de Compostela. Tralo éxito da súa estrea o pasado febreiro, Ragazzo é agora un dos 18 espectáculos que foron seleccionados entre máis de 80 propostas en Galicia Escena Pro, a feira profesional galega das artes escénicas organizada por Escena Galega e a Xunta de Galicia serve de escaparate para que profesionais da programación descubran as novas obras de teatro que están a destacar. Esta selección non é o primeiro recoñecemento a esta nova montaxe: o texto de Ragazzo xa foi galardoado con dous Premios da Crítica (revelación e espectáculo para a xuventude), co Premio da Crítica SERRA D'OR e o Premio do Público no F.I. Huesca. A reivindicativa obra Ragazzo é seleccionada no Galicia Escena Pro Ragazzo é unha historia real con nome e apelidos: Carlo Giuliani. Un xoven activista italiano asasinado nunha manifestación contra o cumio do G8 en Xénova no 2001. Un relato conmovedor que ten como protagonista a Anxo Outumuro (El desorden que dejas) e está dirixida por Xavier Castiñeira (Butacazero) e con texto de Lali Álvarez. “Ragazzo é unha oda á xuventude e á liberdade, un grito á vida, á dignificación das historias personais e unha reivindicación da memoria colectiva”, indican dende a compañía Barrosanta. Os programadores e programadoras que asistan á peza acompañarán a Carlo Giuliani durante tres días a concertos, rexistros da policía, manifestacións e incluso a unha cita. Tres días que fantasían coa vitalidade e á vez documentan o tráxico final deste ragazzo nunha obra que é unha chamada á esperanza e unha reivindicación daquelas persoas que loitaron e loitan por perseguir as utopías.
0 comentários :
Danos a túa opinión