Redacción. -
'Proxecto Xorima' acaba de publicar o vídeo da presentación do libro Conversas arredor de Xorima, de Paulo Naseiro, que tivo lugar o pasado 19 de marzo no Auditorio de Vilalba, e que incluiu a actuación do mítico grupo, reunido por primeira vez desde 1989.
A produción audiovisual do evento, dirixida por Sofía Naseiro e coa produción da propia Sofía e de Laura Rodríguez, dirección de fotografía de Laura León, contou ademáis coa colaboración dos cámaras Pablo Baamonde, Irene Chao e Diego Freijomil. O son estivo a cargo de Ramón Campos, quen tamén fixo as mesturas xunto con Xosé Ramón Vázquez.
A actuación de Xorima, que lembrou pezas como "Feira de Santos", "O gaiteiro avergoñado", "Muiñeira/Jig of Slurs", "Compañeiros" ou "A Cova da Serpe", rematou cunha versión moi especial do Pasacorredoiras de Vilalba, executado conxuntamente co grupo tradicional Buxos Verdes.
'Proxecto Xorima' está a levar adiante un traballo de recuperación e reivindicación da banda que, desde Vilalba, contribuiu ao espertar da música de raíz galega nos anos oitenta. Un libro coa historia do grupo, a páxina web proxectoxorima.com ou o vídeo que se ven de presentar son algunhas das actividades máis destacadas, que culminarán o vindeiro mes de setembro coa preestrea dun documental realizado por Sofía Naseiro.
Pódese ver o vídeo na seguinte ligazón:
0 comentários :
Danos a túa opinión