Olla!
Óllame Fredy,
non deixes de ollarme,
non deixes de ollarme,
son os teus ollos os que me dan a paz,
os que ma deron sempre
co teu esculcar sensible, sereno, confiado.
Óllame Fredy,
axúdame a combater toda resistencia
co teu sorriso,
a conquistar (vencer) coa túa faciana vermella
o estigma da desolación.
Óllame Fredy,
aluma os atardeceres
mentres te lembro tocando a batería
no teu faiado de ensoño.
Talvez, unha vez máis,
xunto ao baixo de Mon e a guitarra de Currás
acompañarte
mentres Txus rompía nas gorxas.
Golpea, golpea, golpea unha vez máis coas baquetas, e fende nos meus recordos as caralladas do teu imaxinario, as reflexións certeiras cando a inxustiza nos podía.
E gritabamos, e blasfemabamos e
queimabámosvos bandeiras
e, por suposto bebíamos cervexas,
cervexas, cervexas, cervexas.
Óllame Fredy,
axúdame a contar as batallas entre tacos e bolas de billar, entre cervexas, cervexas, cervexas. Axúdame a preparar o revolver, a marcar a bala da mala conciencia mergullada no Fabilos.
Óllame Fredy,
deféndeme daquel que cortou a soga,
do primeiro aforcado
que xurde cada mañá
entre os covardes,
que negan o seu pacto
con
Dorian Gray.
José Ramón Guizán Durán, Fredy (1964-2022)
0 comentários :
Danos a túa opinión