Libre como os paxaros

Redacción. -

O próximo 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía e a Casa-Museo Manuel María programa para hoxe sábado, 18 de febreiro, ás 20 horas, “Libre coma os paxaros”, unha peza teatral, que achegan Xúlio Lago e María Barcala (Teatro do Atlántico), que fai un percurso polo pensamento de Rosalía de Castro e que mostra a vixencia e efectividade comunicativa da poesía da nosa escritora nacional.

Con case cincuenta representacións por cidades e vilas de Galiza, “Libre coma os paxaros” está protagonizada por María Barcala, unha das nosas máis salientábeis actrices, que interpreta a figura de Rosalía, con textos da poeta e sobre a poeta, e cuxo fío argumental é o seguinte (https://www.youtube.com/watch?v=02Gpd4JqzME&t=15s):

Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.

Muller.

Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta. Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros.

Chámase María Rosalía Rita de Castro.


As persoas interesadas en asistir a este espectáculo deberán reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.


Teatro do Atlántico unha das compañías máis premiadas e lonxevas do teatro galego


Teatro do Atlántico constituíse en 1985 por María Barcala e Xúlio Lago, con máis de trinta e cinco producións, entre as que salientan “Casa de bonecas”, de Ibsen, “A noite das Tríbades” de Olov Enquist, “Amor de don Perlimplin con Belisa no xardín”, de García Lorca, “O cerco de Leningrado”, de Sanchís Sinisterra, “O encoro”, de Conor McPherson, “A raíña da beleza de Leenane”, de Martin McDonagh, “Unha primavera para Aldara”, de Teresa Moure ou “Memoria de Helena e María”, de Roberto Salgueiro.

As súas producións teñen realizado xiras por toda a península e participado en numerosos festivais nacionais e internacionais, presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega.

María Barcala, Casilda García, Susana Dans, María Bouzas e Gonzalo M. Uriarte recibiron premios de interpretación en papel Protagonista por traballos realizados en producións de Teatro do Atlántico, compañía tamén premiada varias veces nos apartados de Dirección e Iluminación (Xúlio Lago), Escenografía (Antonio F. Simón e Carlos Alonso), Actor Secundario (Toño Casais) ou Mellor Espectáculo (A noite das Tríbades, O encoro, A raíña da beleza de Leenane, Unha primavera para Aldara).

O principio de Arquímides recibiu en 2016 os Premios María Casares ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Interpretación Masculina Protagonista, Mellor Interpretación Masculina en papel secundario e Mellor Adaptación. Tamén en 2016, Teatro do Atlántico recibiu o Premio da Crítica de Galiza no apartado de Artes Escénicas.

18 de feb. de 2023

0 comentários :

Danos a túa opinión