Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta trobo. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes
Amosando mensaxes organizadas por data para a consulta trobo. Ordenar por relevancia Amosar todas as mensaxes

Tecendo Redes 2021

Redacción. -

Onte presentouse esta iniciativa que contou coa participación dun centenar de mulleres, elaborando a man un toldo de mandalas a ganchillo que cubren actualmente a Praza Suso Gayoso, baixando a rúa García Mato.

As protagonistas do proxecto son mulleres de diferentes puntos do municipio e incluso doutras localidades galegas. 

A iniciativa comezou coa proposta a distintas asociacións de Vilalba, como as de Insua, Nete, Santaballa ou a Asociación Amizade. A idea foi chegando a todos os rincóns do municipio, polo que moitas mulleres de Vilalba comezaron a sumarse. As participantes pertencen ao casco urbano de Vilalba e tamén ás parroquias, entre elas Santaballa, Goiriz, Nete, Insua ou Noche. O ganchillo atraeu mesmo a participantes doutros puntos da provincia, como Abadín, Gontán, Saavedra, Duarría, O Pino ou Trobo. 

No inicio das Festas Patronais de San Ramón e Santa María, “Tecendo Redes” fai referencia ao ganchillo, á unidade das mulleres e á súa imparable forza.

Este proxecto está promovido polo Concello de Vilalba e as súas protagonistas son varias mulleres de diferentes puntos do municipio e incluso doutras localidades galegas. Hoxe, acudiron á presentación a alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, e as concelleiras e concelleiros do grupo de goberno, acompañando ás mulleres que participaron.

O Concello de Vilalba aportou o material, fío e aros, para tecer a decoración situada agora no centro da vila, no inicio das Festas Patronais de San Ramón e Santa María. “Tecendo Redes” foi o nome escollido para o proxecto que terá continuidade de cara a anos vindeiros.


Máis información:
https://www.vilalba.gal/noticias/tecendo-redes-2021/


Máis información:
https://www.vilalba.gal/noticias/tecendo-redes-2021/

29 de ago. de 2021

Presentación de 'Algunhas casas fidalgas'


Redacción.-

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o vindeiro venres, 26 de abril de 2013, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba a presentación do libro de JOSÉ MARÍA COIRA SANJURJO “Algunhas casas fidalgas da Terra Chá e doutros lugares. Apuntamentos Xenealóxicos e Heráldicos”. A coordinación da edición correu a cargo de José-Luis Novo Cazón, coa colaboración de Pepe Coira Nieto, Ana Mª Cuba Regueira e Manuel Lousa Rodríguez.

O libro, publicado polo IESCHA, forma parte da Colección Biblioteca Chairega co número 21, e contou coa financiación da Área de Cultura-Vicepresidencia Primeira da Diputación de Lugo.

No acto intervirán: Manuel Castro Santamariña, presidente do IESCHA, José-Luís Novo Cazón, Pepe Coira Nieto, Ana María Cuba Regueira –coordinadores da edición- e María do Carme Lousa Gayoso, filla do falecido Manuel Lousa Rodríguez.

Genealogías é o título orixinal co que José María Coira Sanjurjo rotulou o manuscrito que se conserva no Museo Provincial de Lugo. Os coordinadores da súa edición pensaron que era máis acaído ao contido do mesmo este polo que finalmente optaron: “Algunhas casas fidalgas da Terra Chá e doutros lugares. Apuntamentos xenealóxicos e heráldicos”. Nel, efectivamente, deixou constancia do seu profundo coñecemento da xenealoxía chairega e debuxou con acerto moitas das pedras armeiras que campan dos muros dos pazos, casas grandes, capelas e enterramentos que fabricaron.

José María Coira Sanjurjo Naceu en Trobo (Begonte) o día 27 de xullo de 1908, localidade chairega onde seu pai era médico. Foi o cuarto de once irmáns. Logo de pasar por Herbón, estudou a carreira de maxisterio, sendo mestre nacional e estudoso da xenealoxía e a heráldica da Terra Chá. Morreu en Lugo o 17 de agosto de 1977.

25 de abr. de 2013

Número 26 de 'O pazo das musas'

Redacción.-

Onte xoves 30 de xuño, a partir presentouse ás 20:00 horas, no Refectorio do Museo Provincial de Lugo, o número 26 de O pazo das musas, revista oral de periodicidade trimestral, editada polo Museo Provincial de Lugo (Rede Museística da Deputación de Lugo), nun acto coordinado por Antonio Reigosa.

A revista oral O pazo das musas nace co obxectivo de ser un foro de actualidade, de opinión e de debate no que poderán participar todos os protagonistas e axentes
involucrados na creación, difusión e exposición de bens de interese cultural. Darase
acollida a todas as artes, correntes e tendencias, cunha ollada crítica ao presente, ao
pasado e ao futuro.

O Pazo das musas aspira a ser o espazo onde conflúan os camiños polos que transita a inspiración dos creadores de hoxe en día, un punto de encontro e de reflexión arredor da cultura e da xestión cultural, e pretende, ao mesmo tempo, ser voceiro da sociedade que asume, como ben de interés xeral, o sostemento das institucións comprometidas en preservar e divulgar a nosa cultura.

Este número ten o seguinte sumario:

- Portada musical. Na Fraga de Merlín, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
- Álvaro Cunqueiro. Louvanza, por Darío Xohán Cabana (10 minutos).
- Poesía de Álvaro Cunqueiro. Díxenlle á rula (Herba aquí ou acolá). Noivado IV (Poema do si e non), por Carlos Vázquez (5 minutos).
- Música. Porta de Oriente, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
- Memoria do Mondoñedo de Álvaro Cunqueiro. O cruceiro do claustro da catedral de Mondoñedo, por Fernando Arribas Arias (10 minutos).
- Historias de Álvaro Cunqueiro. Historias de Os outros feirantes, por Ana Carreira (8 minutos).
- Música. O que Deus mandou (Afonso X, O Sabio), por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
- Álvaro Cunqueiro, gastrónomo. Cunqueiro: o home que sabía o que sabía, por Isidro Novo (5 minutos).
- Poesía de Álvaro Cunqueiro. A dama que ía no branco cabalo e Agora trobo o vento e maila lúa fría (Dona do corpo delgado), por Carlos Vázquez (5 minutos).
- Música. Alalá do Cebreiro, por Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich. (3 minutos).
- Historias de Álvaro Cunqueiro. Historias de Os outros feirantes, por Ana Carreira (8 minutos).
- Teatro de Álvaro Cunqueiro. Vexo vexo... que ves?, por Paloma Lugilde e Rubén Pérez Pombo (10 minutos).
- Música. Polos teus ollos quen pasou, amiga (Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira), por Pilocha. Músicos: Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich (3 minutos).
- Opinión. Intervención do público. Entrega de diplomas aos amigos/as da revista (5 minutos).
- Epílogo. Por Aurelia Balseiro, directora do Museo Provincial de Lugo (3 minutos).
- Contraportada musical. No niño novo do vento (Álvaro Cunqueiro: Cantiga nova que se chama riveira), por Pilocha. Músicos: Abraham Cupeiro, María Ruíz e Vadzim Yuchknevich (3 minutos).

1 de xul. de 2011

O Galego nos cemiterios


Xulio Xiz

Estamos ás portas do Día de Difuntos, celebración que no mundo cristián nos congrega arredor dos lugares nos que repousan os restos mortais dos seres queridos, que é festa para a lembranza dorida dos que se foron, e na que cómpre recordar a lenda que figura no cemiterio de Trobo, no concello de Begonte, na que se recorda que ”Aquí están os nosos ósos, esperando polos vosos”.

Todas as miñas lembranzas en Vilalba están relacionadas co vello cemiterio dos Castros, onde ía todos os anos. Non así no novo cemiterio de Lanzós, onde só teño estado un par de veces.

O tema ven a conto pola chamada recibida de Xosé González, Pepe de Redondela, presidente da Fundación Lois Peña Novo e da Asociación de Funcionarios pola normalización da Lingua Galega, para lembrarme que non hai moito tempo se fixera en Vilalba xustiza a Lois Peña Novo, e que non era nada malo se con motivo de Difuntos, agora e sempre, se poderían facer actos que reivindicasen que as laudas dos nosos mortos, as lápidas conmemorativas, se fixesen en galego, para ir creando conciencia da realidade do galego escrito no noso país, e de xeito especial, nos cemiterios.

Se saímos pola rúa, e conversamos e oímos conversar, podemos concluir – en Vilalba por exemplo- que un oitenta ou un noventa por cento das conversas son en galego. Se falamos de xente maior. Sen embargo, cando escribimos cartas, cando deixamos notas, cando poñemos anuncios, a proporción non é a mesma. E nos cemiterios, por esto saíu o tema, unha proporción mínima cando non é inexistente, en galego.

Eso o que o meu amigo, e especialmente amigo do galego, quere combater. Quere que se somos galego falantes e exercentes o sexamos ata o remate. E que as nosas esquelas nos xornais e nas radios sexan en galego, e as poucas liñas que lembren o noso paso polo mundo, en galego sexan tamén.

É unha loita longa, con poucas esperanzas polo de agora porque a inercia é forza poderosa que nos marca un xeito de vivir, unha maneira de comportarnos, e ten establecido neste campo tamén as súas directrices.

Esta mesma asociación, e este mesmo presidente, hai xa varios anos confeccionaron un libro de testamentos en galego, no que por pura cuestión alfabética –Xiz- me coubo a honra de pechar cunha brevísima última vontade en galego para os meus dous fillos. Pero xa había moito tempo, coido que arredor de vinte anos, que a miña muller e máis eu fomos os primeiros lucenses que fixemos testamento en galego, documento non público pero que é proba de que hai cousas que se poden facer con toda naturalidade aínda que toda a corrente vaia en sentido contrario.

O de facer testamento cando tiñamos arredor de corenta anos non foi porque tiveramos moito que deixar ós nosos dous fillos, senón porque as cousas feitas non requiren présa, e é mellor testar cando coidas que é axiña que cando un está nas últimas.

En fin, que o do testamento pódese xuntar ó das cartas, ó das esquelas, e ó das laudas dos cemiterios. Se nos entendemos en galego andando por este mundo, tamén nos podemos entender cando esteamos no máis aló, e as nosas sepulturass reciban as visitas curiosas dos que queiran pescudar quenes os antecederon a andar por esta terra. Que nos lean en galego, aínda que só sexa nome e datas, e eso de que “a túa familia non te esquece” ou o desexo de que “descansemos na paz do Señor”.

Desexando que a sentencia que mencionamos como campante no cemiterio de Trobo de “Aquí están os nosos osos, esperando polos vosos” sexa verdade pero tardando moitos, moitos anos, pecho aquí o tema, agardando que as mil primaveras que para a lingua desexaba Cunqueiro cheguen tamén a sectores por agora moi alonxados do idioma galego.
O descanso eterno dunha persoa, mentras os seus restos mortais podrecen nun cemiterio, pode facerse moi ben á beira dunha lápida en galego.

Fotografías: Paulo Naseiro

28 de out. de 2008