Cada día somos máis

Redacción.-

A Voz de Vilalba chega ao remate deste mes de novembro a piques de rebasar os 5000 amigos na súa conta de Facebook. O dato non tería maior importancia se non se poidese considerar unha proba máis de cómo este pequeno proxecto, que en febreiro cumprirá os tres anos, vai acadando cada vez unha maior consideración dentro do mundo virtual da web.

A Voz de Vilalba xurdíu, na súa versión dixital, como unha homenaxe a aquela cabeceira local de hai máis de vintecinco anos -a única existente naquel entón- que semellaba querer retomar,
case de xeito crepuscular, un testigo deixado por unha senlleira tradición xornalística que estivera presente con moita forza na capital da Terra Chá ao longo da primeira década do século XX.

Pero, sen esquecer ese sentido de homenaxe, A Voz de Vilalba dixital tenta desde o seu comezo ir máis aló. Os novos tempos, os novos medios e a plataforma dixital  ofrece a posibilidade de trascender o local, de ires máis aló, para chegar a calquer lector en calquera lugar do mundo. E todo iso, sen renunciar ao galego, nun tempo no que sofre un inxustificado cuestionamento que xa se cría parte do pasado.

Por iso A Voz de Vilalba quere agradecer a todos os seus seguidores a súa fidelidade, as súas aportacións, os seus comentarios, as súas suxestións... Sen eles nada disto sería posible. Tamén quere invitar a todos aqueles novos amigos, que non podan unirse aos 5000 da conta, que poden seguirnos  vencellandose á páxina de A Voz en Facebook, o que lles permitirá recibir no seu Taboleiro directamente as novas  publicadas. Grazas a todos.

30/11/2010

Dardo magazine presenta o seu número 15

Redacción

Dardo magazine presenta o seu número 15, cun texto editorial da pensadora e escritora Susan Buck-Morss. Nesta ocasión profúndase na obra de Rogelio López Cuenca, Os Carpinteiros, Marepe, Miguel Palma, Haris Epaminonda e Gerhard Richter. O número inclúe unha entrevista co artista Yonamine. Os textos deste número son de Issa Mª Benítez Donas, David Barro, Carla de Utra Mendes, Moacir dos Anjos, Mónica Maneiro, Jacopo Crivelli Visconti e María Peña Lombao.

Dardo magazine é unha revista internacional de arte e cultura visual contemporánea, publicada desde Compostela en español, portugués e inglés e con especial incidencia no eixo España, Portugal e Brasil. Editada por Artedardo e distribuída internacionalmente por Dardo. Dardo magazine, publicación cuadrimestral, non se basea na actualidade inmediata, senón na propia historia da arte contemporáneo e as relacións que se poden establecer entre artistas de diferentes xeracións e contextos. Dirixida polos críticos David Varro e Paulo Reis, Dardo traballa con grandes autores no escenario internacional a partir de ensaios inéditos que axudan a configurar diferentes lecturas desde unha mirada actual. Entre os seus colaboradores atópanse nomes tan reputados como Michael Hardt, Thierry de Duve, Delfim Sardo, Fernando Castro Flórez, Paul Virilio, Matt Mullican, Robert Kudielka, Lorenzo Mammi, Daniel Canogar, David G. Torres, Oriana Baddeley, Moacir dos Anjos, Nelson Brissac Peixoto, António Pinto Ribeiro, Kathrin Becker e Hans Belting.

28/11/2010

Progreso ou barbarie?

Xosé Mª. Felpeto.-

Teño escrito nalgunha ocasión que non sendo a cultura patrimonio en exclusiva de ninguén en particular senón da sociedade en xeral, corresponde aos poderes públicos a súa conservación, defensa, promoción e difusión. Mais cando isto non queda garantido con certa eficacia, cando a despreocupación se apodera das institucións oficiais, soe agromar a inquedanza altruísta de persoas que pensan que paga a pena transmitir toda esa bagaxe, a herdada e a que se vai creando a diario, xurdindo daquela asociacións que tratan de cubrir ese cráter oficial.

Nesta liña de razoamento teño para min que vén ocorrendo o mesmiño no panorama político. Ás veces chega tamén o momento en que a denominada sociedade civil, farta de que os gobernantes actúen con nepotismo e en función de determinados intereses, particulares e partidistas, pasa á acción, decide tomar a palabra. No momento actual, ademais, esta alternativa vese enormemente beneficiada polas novas tecnoloxías, que facilitan e espallan as convocatorias a tempo practicamente real coa sa intención de, cando menos, facer reflexionar a quen corresponda.

Non creo desacertado deducir pois que a recente aparición en Vilalba da plataforma “Alameda, espazo da nosa memoria” sexa unha resposta cívica a unha xestión municipal tan nefasta coma insensíbel coa conciencia colectiva. A mobilización non vén só determinada pola corta dun emblemático castiñeiro centenario, feito, iso si, detonante dunha situación que lamentabelmente se repite con demasiada frecuencia. Parece que determinados dirixentes teiman en urbanizalo todo, aínda que sexa a costa do medio ambiente, da sostibilidade e do benestar. A tendencia moderna semella camiñar sen embargo en sentido contrario, e proxectos de recoñecidos arquitectos (Calatrava, Foster, etc.), contemplan amplas zonas verdes, prazas, espazos de recreo para maiores e xente miúda..., é dicir, antepoñen a humanización de vilas e cidades a calquera outro interese.

“Alameda, espazo da nosa memoria”, que nace espontaneamente a través das redes sociais, ten superado en poucas horas o medio milleiro de simpatizantes e vén recoller dalgún xeito o testemuño da indignación popular pola actuación global do goberno municipal. Quen pateamos a diario as rúas da Vila e adoitamos “prender en silvas” gozando do pracer da conversa, sabemos ben do malestar xeral. Mais, polo que se ve, aínda quedan afortunadamente en Vilalba persoas sensíbeis coa nosa memoria colectiva, que aman, que amamos, a natureza, que nos doen as podas salvaxes, que nos manca o maltrato a calquera ser vivo e que tratamos de facer que o progreso e a modernidade poidan convivir co respecto polo medio sen necesidade de barbarie.

27/11/2010

Pasamento de Francisco Fernández del Riego

Redacción.-

O intelectual galeguista e ex presidente da Real Academia Galega (RAG), Francisco Fernández del Riego, finou onte á idade de 97 anos. "Haino que valorar como un intelectual ao servizo da causa de Galicia como nazón. Tiña unha traxectoria moi longa e manitvo sempre unha actividade inmensa no plano político e intelectual. É o artífice da editorial Galaxia. Galaxia e a Fundación Penzol non se entendería sen Fernández del Riego", segundo o presidente da Real Academia Galega, Xosé Luis Méndez Ferrín.

A pegada que deixou na RAG, da que foi presidente entre 1997 e 2001, significou unha renovación da institución e un impulso á institución. "Se non fose por el, eu non sería académico. Eu estaba vetado como estivo Celso Emilio ou como Novoneyra, que nunca chegou a Academia", explicou Ferrín, que explicou "que era un amigo ao que sempre levarei no corazón".

Dende a histórica editorial Galaxia, da que Fernández del Riego foi un dos seus fundadores, destacan o seu gran papel. "É unha das columnas do edificio nacional. É unha perda grande, é un dos fundadores, desa media ducia de nomes que conforman o que é Galicia", explicou Víctor Freixanes, quen indicou que o ex presidente da RAG deixou disposto que a súa despedida sexa na máxima intimidade.

Francisco Fernández del Riego pertenceu á xeración de intelectuais xurdidos arredor do grupo Nós e foi un dos principais artífices da Editorial Galaxia, ademais de situarse á fronte da RAG entre 1997 e 2001.

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Lugo, 26 de novembro do 2010

Meu querido Antón:

Aquí tes outra carta máis para a nosa colección espistolaria que xa vai ben chea. E, de que che vou falar hoxe?. Cando che escribo, penso nos temas que che interesen a ti, claro, pero tamén teño en conta aos oíntes ou lectores que participan dun xeito ou doutro nas nosas comunicacións. Pois ben, debo dicirlles a estes amigos que onte, cando te chamei para saber de ti, a túa muller díxome que saíras para a igrexa da parroquia. Quedei abraiado, pois xa sei que ti disimulas ben as túas crenzas e sabes quedar coma un perfecto fregués diante de todos os curas, pero, meu amigo, a min non me enganas, eu ben sei que non es moito de ires pola igrexa os días que non son domingo ou festa de gardar, como se dicía antes: a devoción non che da para tanto. Menos mal que a túa dona aclaroume o asunto, xa que, polo visto, o que fixeras era achegarte pola igrexa para deixar unhas cousas en Cáritas Así comprendín axiña a túa visita apostólica, porque, en efecto, nese asunto da solidariedade teño que recoñecer que non disimulas nadiña. A túa xenerosidade está garantida, e, ademais, sabes gardar aquel dito evanxélico de que a túa man esquerda non saiba o que fai a dereita, ou viceversa. Visto o asunto, pensei que hoxe tocaba falar de Cáritas, unha organización moi recoñecida en España, que, por desgraza, está especialmente presente nos informativos a causa desta crise económica que nos abura e que multiplica as necesidades dalgunhas familias, cada vez máis, mentres que outros moitos seguimos a consumir o que non ten nome. As desigualdades sociais aumentan e a xenerosidade non avanza ao mesmo ritmo. Non está mal que, cos seus informes, os dirixentes de Cáritas nos tiren polas orellas e nos poñan ben coloradiños diante dos nosos esquecementos e os do Estado

. Pero ti non querías que hoxe falaramos disto, e eu trato de cumprir, pero déixame dicir, para quen non o sabe, que esta boa institución da Igrexa, xunto con Mans Unidas – a Igrexa tamén ten cousas boas – non só axuda ao necesitado senón que tamén se preocupa de motivarnos a todos para lograr que non existan estas necesidades, é dicir, que haxa máis xustiza e igualdade. Agora, por exemplo, están cunha campaña moi interesante para que, en pouco tempo, non haxa ninguén sen teito onde se gardar da chuvia e da friaxe. Algo se move, aínda que moi lento. En Vilalba tamén hai un bo grupiño de Mans Unidas en colaboración con Cáritas parroquial. Por se non o sabías

Pero, en fin, ti o que querías era que che falara do acontecido o sábado pasado naquela xuntanza convocada na alameda a raíz do asunto do castiñeiro rabenado, co seu tronco aparentemente vivo e prometedor, pero afectado, seica, por fungos mortíferos, segundo o técnico que asesorou ao alcalde. Dixéronche que eu andaba algo incomodado e de mal humor. O que tiña era moita friaxe no corpo, pero tamén é verdade que non andaba eu moi católico, con perdón. Explícoche

Como alí se repetiu, a convocatoria que nos axuntou non era tanto para nos laiar da morte da árbore cortada senón para presentar en sociedade un grupo virtual ou unha Plataforma, como lle chamaron, que co nome de “Alameda espazo da memoria” tenta defender os espazos vilalbeses máis significativos, que aínda conservan algo de natureza fresca. Defendelos, digo, desa manía que lles entrou aos gobernantes de aquí e doutros lugares da nosa terra, pola que se emperrechan en facer urbanismo cubrindo todo resto de verdor con cemento e pedra adulterada, estilo mosaico, moi propicia para esborrexermos os que xa temos unha certa idade. Esta Plataforma tamén trata de defender do descoido e dos abusos ás poucas árbores que aínda quedan en pé. As podas que lles fan, segundo ti me dis, son moi abusivas, seica. Eu disto non entendo

Pois ben, alí estivemos, e alí estiven eu, confésocho, con algo de mal humor. Ti non viñeches acompañarnos, pero estaba o teu fillo, cousa de agradecer, pois non é moi amigo de desprazamentos. Supoño que xa el che terá explicado polo miúdo o que alí pasou. Ou poida que non, pois contigo, testán indomable, todo remata en discusións imposibles, e seguramente optou por calar. Se el non che coutou, tocarame a min dicirche algo, e aproveitar para che aclarar a nova que che deron do meu mal humor que tampouco era para tanto

O acto desenvolveuse segundo o previsto: unha presentación dos organizadores para explicar o sentido da Plataforma que nos convocaba; despois, unha sentida declamación poética do Sesé, moi emotiva, e con exaltado discurso introdutorio, á vella usanza, tan doído coma esperanzado. Foi seguido pola intervención de María Xosé Lamas que nos ofreceu un poema preñado de lirismo, con moita intención, limpo e preciso. Finalmente, procedeuse á lectura do manifesto elaborado polos organizadores e pronunciado polo teu homónimo, o noso escritor Antón Baamonde, con breve introdución da súa autoría, moi pertinente. E coa música de Buxos Verdes que estivera ambientando toda a mañá rematou a convocatoria

Foi, como che dixen, Antón, un acto breve dos que a ti che compracen. E abofé que non estivo nada mal, ata o punto de que non me estraña que os responsables dixesen aos medios de comunicación que fora todo un éxito. Vistas as circunstancias si que o foi. Pero, no que a min se refire, confésoche que, efectivamente, non me atopei moi a gusto. Primeiro, porque botei de menos a moita xente. O tempo estaba tan desapracible e tan desagradable que moitos non ousaron afrontarse ao frío, á aquela chuvia persistente e á humidade suíña que nos abafaba: poida que, dos cincocentos esperables, houbera uns cincuenta, o que lle restou esplendor a unha boa idea. E segundo, porque houbo tamén un incidente que non me agradou: apareceu por alí un rapaz, con uniforme laboral dunha empresa de publicidade, que se puxo a repartir unhas follas cun debuxo de caricaturas, tecnicamente ben realizado, pero cunha intención dabondo malévola. Alí se presentaba a Martín Seco coma cómplice dos desaguisados do Concello e, por tanto, coma adversario do que a Plataforma estaba a defender. Os que pagaron ao pintor e á empresa de publicidade non se identificaron nin deron a cara en ningún momento, aínda que non é difícil adiviñar de quen se trataba. Foi algo moi feo que me alterou o humor: mal comezamos, pensei. Estábase a crear un clima de conflito onde non o había, onde había, máis ben, un acordo de base suficiente para que todo fose polo bo camiño e que a Plataforma resultase un movemento interesante do conxunto do pobo vilalbés. De feito, o concelleiro Irimia tamén estaba no acto, aínda que non o puxeron no debuxo. Debo dicirche axiña que, ao remate, os organizadores apresuráronse a comunicarlle aos xornalistas que eles nada tiñan que ver con aquel debuxo inoportuno e que tampouco tiñan coñecemento de tal iniciativa. Menos mal, pensei, non esperaba outra cousa, pero confeso que eu xa estaba algo desacougado porque aquilo coincidía cun conflito previo e desagradable que me tiña preocupado: A Voz de Vilalba, un xornal que aprecio e no que, como sabes, colaboro, tíñase negado, polo visto, a publicar unha carta de Martín na que trataba de explicar a súa posición fronte a acusacións, aparecidas no xornal, que lle pareceron inxustas. Eles saberán por que o fixeron, pero dígoche con franqueza, meu Antón, que aquela decisión non foi do meu agrado, e se por riba aparecía aquel debuxo con intencións pouco claras, non axudaba a cambiar o estado de ánimo. Certo que a aclaración dos organizadores, rápida e eficaz, reconfortoume e deume esperanza de que o diálogo cos do xornal volva repoñer orde nas boas relacións que existían e que cumpriría manter polo ben de todo e de todos. Así llo comentei ao teu fillo que, por certo, concordou comigo

Pouco máis che podo contar. A non ser aconsellarche que leas, no xornal El Progreso, na súa sección da Chaira, un artigo moi xeitoso escrito polo noso común amigo Chema Felpeto. Alí fai un canto apreciable de algo tan necesario na vida social como é a mobilización da chamada sociedade civil. Supoño que non sabes o que iso de sociedade civil. Explícoche: con isto quérese aludir ao feito de que as xentes dun pobo sexan quen de se xuntaren para defender algo no que moitos coinciden, aínda que politicamente teñan moitas diferenzas en militancia ou simpatía. Os que teñen algún cargo que lle impón un comportamento oficial non se considera sociedade civil. De feito na Plataforma da que che falei – iso da Alameda, espazo da memoria – hai xente de todos os partidos e hai persoas, en cantidade apreciable, que seguramente non teñen unha simpatía política ben identificada. Efectivamente, os movementos da chamada sociedade civil, da que fala o Chema, é o mellor camiño para ir creando, co tempo, actitudes políticas serias, informadas, responsables e máis preocupadas polos obxectivos da sociedade que por outros intereses, ás veces pouco claros, que tanto mal lle están a facer á vida política

Remato e non é sen tempo. Doutras noticias recentes da nosa vila, quixera destacarche unha, porque sei que che interesa persoalmente: fóisenos para a eternidade a Pepita do Vixoco coa que mantiñas unha boa relación de veciñanza e mesmo de amizade. Xa ves, daquela familia numerosa de moitas irmás, apreciadas entre a xente do pobo, só nos queda a Elita que, por certo, segue estas cartas con atención cada semana. Desde aquí ti e máis eu, que por riba son parente dela, mandámoslle o noso pesar.

Recibe, amigo Antón, esta aperta semanal do teu amigo

Bernardo

26/11/2010

Celébrase en Pontevedra o Foro de edición e tipografía FEET 2010

Redacción.-

As diferentes estratexias e soportes utilizados hoxe en día no eido da edición servirán de base para a reflexión neste foro, que se desenvolverá entre os días 2, 3, 4, 16, 17 e 18 de decembro na Casa das Campás en Pontevedra. Organizado pola Asociación Galega de Deseñadores, feet 2010 foro de edición e tipografía, pretende continuar coas reflexións, discusións e liñas de investigación abertas sobre este tema desde plataformas distintas como o Proxecto-Edición (realizado en Galicia entre 2006 e 2008), o Werkplaats Typografie (en Holanda), Rumbos de Edición (na Arxentina) ou a oficina do cego (en Portugal).

O obxectivo de todos estes eventos foi crear redes de traballo e investigación sobre publicacións que se estaban a desenvolver no campo da arte, do deseño e da tipografía. Con este mesmo ánimo encárase este foro en Pontevedra, porque a edición é un tema de plena actualidade no que se están a producir cada vez máis novidades. A información e os medios están cambiando continuamente. 


O que onte era ficción hoxe queda obsoleto, e os e-books son tan reais coma o papel, cunha potencialidade inmensa como arquivo. Sen dúbida ningunha, convertéronse no medio de documentación por excelencia. Mais, no que respecta ao goce dos sentidos e ao pracer, resulta difícil competir coa simplicidade dunha folla de papel. Un soporte, que a pesar das enormes transformacións tecnolóxicas, non mudou tanto en relación coas producións de Gutenberg.

Neste momento, a edición –contra todas as previsións e agoiros pesimistas– está máis vixente ca nunca, e quizais nunca antes se lle prestou tanta atención a cada un dos elementos implicados no proceso: os contidos, a tipografía, os materiais, a forma, o tacto, o cheiro... Acaso somos máis conscientes da edición en papel?

Enmárcase Feet no proxecto Creativa, programa cultural interdisciplinar levado a cabo conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais e a Direccão Regional de Cultura do Norte co financiamento dos fondos FEDER da UE, e pertencente ao Programa Europeo de Cooperación Transfronteiriza España-Portugal.

A Plataforma da Alameda, presentada onte en Madrid


Redacción.-
Tras o éxito e a repercusión mediática acadada pola concentración do pasado 20 de novembro en Vilalba, convocada pola Plataforma “A Alameda, espazo da nosa memoria”, nestes intres o colectivo cidadá está a planificar outras actividades para as vindeiras semanas. A iniciativa xurdida en Vilalba foi presentada onte en Madrid, na sede central da axencia EFE, onde tivo lugar un encontro entre o xornalista Moncho Paz, en representación da Plataforma Cívica, e Arturo Larena, director de EFEverde.com, a dirección operativa de información ambiental de EFE, que constitúe a aposta máis ambiciosa no ámbito latinoamericano pola información especializada en materia de Medio Ambiente.


EFEverde.com axunta tanto a produción tradicional de temas ambientais e de ecoloxía da Axencia, como a utilización da plataforma web http://www.efeverde.com/, redes sociais ou as alertas MMS verdes para dispositivos móbiles a cargo de xornalistas especialistas nestas cuestións.

Dentro da programación prevista, destacar que antes de que remate o presente mes de novembro presentaráse no Rexistro Xeral do Concello de Vilalba unha escolma das actividades realizadas nas últimas semanas nos distintos centros educativos da vila, acompañada do Manifesto da entidade e da relación de sinaturas, adhesións e apoios recibidos a través das redes sociais de Internet. Asemade, constituiráse unha Comisión Xestora para canalizar e atender as crecentes demandas plantexadas polos veciños descontentos coa actuación municipal.

Esta iniciativa xurdiu coa finalidade de reclamar aos xestores municipais a defensa dos espazos públicos, atendendo a criterios de sostibilidade e respecto ao patrimonio natural e cultural da Terra Cha. A súa creación tivo lugar de xeito espontáneo o pasado 7 de novembro, debido á indignación de moitos veciños de Vilalba pola tala dun dos simbólicos castiñeiros de indias da Alameda Basanta Olano, ordenada polo Concello. A isto hai que engadir a tala de pradairos no mesmo contorno urbano e o cambio do pavimento tradicional de grava por outro de pedra, unhas medidas que foron mal recibidas por numerosos sectores da sociedade vilalbesa, descontentos coa actuación municipal, que argumentou a súa decisión nuns informes técnicos que foron cuestionados por algúns membros da oposición, a organización ecoloxista Adega, varios expertos en Bioloxía e diversas entidades culturais da comarca chairega.

25/11/2010

Morra a intelixencia

Bruno Marcos 

Se Bieito di que o condón está ben xa andamos perdidos. Á Igrexa anacrónica, antisistema, contra todo o mundo, sucumbindo nunha perversión de historia universal da pederastia quedaban os estertores magníficos do fin dun imperio, as boquexadas teatralizadas dun mastodonte que desde o pasado proxectaba o fascinante escintileo dun magno poder fabricado coa inmatetrial xestión do medo existencial. Se lle queda dignidade manteríase no seu trece, defendendo o indefendible, pero vailles a pasar como aos políticos que, para ir cos tempos, xa van como Belén Esteban, que, á fin e ao cabo, é unha reaccionaria.

Á retirada da intelixencia da vida pública incrústaselle a socioloxía de andar por casa e nada menos que en El País véñennos con que a nova forma do fascismo é a Esteban co seu berro de "Pola miña filla mato". Os que usufructúan malamente os restos da intelixencia finiquitada pretenden facer caixa tamén a expensas da popular resentida e, se se pon, acabarán equiparando o seu lema con aquel de Millán Astray nas barbas de Unamuno de "Morte á intelixencia". E mesmo aqueloutro de "Viva a morte". É moita filosofía para Belén, e sacala de contexto.

24/11/2010

En clave de gaita

Xulio Xiz.-

Onte, no cemiterio de Duarría seguimos unha comitiva fúnebre mentras unha gaita tocada por Raúl Galego, un dos mellores gaiteiros de Galicia, interpretaba a Marcha solemne do antigo Reino. E do mesmo xeito que a gaita reflicte o mellor dos espíritus ledos cando interpreta cancións alegres, tamén pode soar tristeira cando a ocasión o pide.

Lembro que cando eu era moi pequeno morreu un neno na Porta de Cima, e seus pais chamaron a un grupo de gaiteiros que acompañaran a fúnebre comitiva que seguía a aquel pequeniño cadaleito branco.

A gaita de Sito Carracedo soou hai unhas semanas en Bonxe de Outeiro de Rei cando entraba no nicho o cadaleito co corpo de quen fóra o Indalecio, Indalecio Lombao Gómez, histórico alfareiro de Bonxe.

Parece como se o rito esixise que fose unha gaita sóa a que soase tristeira na última despedida dun ser querido. Neste caso, dun alfareiro humanísimo, amigo de todos, e co que eu levaba máis de corenta anos de relación amistosa.
O segundo sólo de gaita foi na Pastoriza, o sábado pasado, onde se rendía homenaxe ó patriarca da saga dos Seivane, Xosé Manuel Seivane, avó dunha das máis famosas gaiteiras do mundo coñecido.

Na homenaxe estaban a súa neta, Susana; o gaiteiro lucense xa mencionado, Sito Carracedo, e Raúl Galego, que naceu na Golada e agora anda facendo patria coa gaita por terras coruñesas. Raúl levaba para que todos a vísemos unha gaita que Xosé Manuel Seivane lle fixo hai trinta e seis anos, e que ten como unha auténtica xoia. E esa gaita sonou para poñer punto e seguido na homenaxe a Seivane. Como logo tocaría tamén a súa neta, Susana Seivane, que no nome da Irmandade Manuel María e Xermolos lle entregou a placa de homenaxe.

E para completar a miña lembranza en clave de gaita, a tocata de onte pola tarde, en Duarría, no cemiterio da parroquia á que pertence Castro Ribeiras do Lea, onde dábamos o último adeus a Baldomero Iglesias.

Só os máis veteranos dos oíntes vilalbeses saberán quen era este home que foi garda civil en Vilalba hai máis de medio século, e aquí naceu entre outros o seu fillo Mero, fundador de Fuxan os Ventos e A Quenlla. Baldomero pai tiña 99 anos, e un aquel de señorío e bonhomía que facía que todo o que o coñecera fora amigo seu.

Raúl Galego, que é amigo vello da familia, foi o encargado de facer oír a voz do país, e de todos nós, tocando tristeiro a súa tristeira gaita.  E nós, detrás, como “garda de corps” dun home bo, patriarca dunha familia numerosa e benquerida.

En tempos, houbo poética discusión entre os grandes se a gaita galega ría ou choraba cando facía escoitar a súa música... O certo é que a gaita permite todas as claves posibles para entender o sentemento humano.

A gaita de Raúl Galego, na homenaxe a Xosé Manuel Seivane soaba coa ledicia dos anxos que presencian a gloria do Señor. A gaita de Sito Carracedo en Bonxe, e gaita de Raúl galego onte en Duarría soaban a tristura, a desgracia, a perda irreparable. A gaita permíteo todo. Sempre que haxa -Becquer díxoo da arpa- un bo gaiteiro que saiba acariñala.

23/11/2010

Diante do Espello (da Nena Cereixa)

Viviana Fernández García.-*

Descubrinme diante do espello
Curiosa e tenra
Coa braga resgándome a cintura
E o pelo rabuñándome o peito

Vinme cos ollos como lúas
Cravados en pensamentos de cera

Tiven as mans inquedas, bolboretas
Por pasearse por todo o meu corpo
E encherme a vaxina
De fermosos xogos infantís

Ás veces sinto no ventre
Un volcán con febles desexos de froitas silvestres
E perfumes exóticos nos ocos das miñas pernas

O meu pelo adoita enredarse no outono
E tapar un corpo espido sobre o mármore do baño
Cando xogo a quererme só a min



*Viviana Fernández García é a autora de Taradas

Perec na Fundación Luís Seoane ata xaneiro

Redacción

Pere(t)c é o título da mostra que a Fundación Luís Seoane da Coruña adica, ata o 16 de xaneiro de 2011,á obra dun dos escritores máis importantes da literatura francesa do século XX, Georges Perec (París, 1936-Ivry-sur-Seine,1982). A exposición, comisariada por Alberto Ruiz de Samaniego, inclúe, ademais dunha selección dos fondos custodiados pola Association Georges Perec na Bibliothèque de l'Arsenal de París, desde manuscritos, a fotografías, debuxos, documentos persoais, etc.; unha serie de obras realizadas por unha vintena de artistas nacionais e internacionais inspiradas no universo do escritor.

O autor de As cousas (Lles Choses) ou A vida, instrucións de uso (A vie, mode d'emploi) elixida nunha enquisa do diario Le Monde como a mellor novela mundial da década 1975-1985, non só se centrou no campo da literatura, senón que o seu traballo literario coexistiu con outro tipo de soportes como o cinema, a fotografía, a pintura ou a arte conceptual, participando ás veces de maneira activa en disciplinas alleas á obra escrita e noutras ocasións de forma pasiva, sendo el mesmo obxecto de inspiración para outros artistas.

O título da mostra, Pere(t)c, é unha homenaxe en si mesmo ao seu mundo e ao seu característico gusto por xogar coas palabras. A expresión latina etcétera significa “o demais”, que en singular podería servir como referencia á inmersión de Perec en mundos alleos á práctica literaria, pero se a pluralizamos referíndonos a “os demais”, incluiriamos deste xeito a amigos, aos que transmitía a súa admiración a través dos seus escritos, coas súas colaboracións en catálogos de exposicións e tamén aos artistas transformados en admiradores, que escolleron nun momento determinado o mundo dun escritor e artista irrepetible como fonte de inspiración.

Os artistas que participan na mostra son Ignasi Aballí, Alfonso Berridi, Robert Bober, Paolo Boni, Fabrizio Clerici, Amaya González Reyes, Gérard Guyomard, Anne Heyvaert, Jean-Luc e Titi Parant, Georges Perec, Bernard Plossu, Bernard Queysanne, Eduardo Scala, Peter Stämpfli, Saul Steinberg, Os Torreznos, Isidoro Valcárcel-Medina, Isabelle Vernay-Lévêque e Cuchi White.

22/11/2010

Humor

Un exercizo de coherencia na Terra Cha

Moncho Paz.-


Algo se move en Vilalba. Hai uns días un grupo de veciños decidiu constituir unha plataforma cívica para esixir ao Concello un maior respecto polo patrimonio natural e cultural. O motivo da iniciativa cidadá foi a tala dun dos simbólicos castiñeiros de indias da céntrica alameda Basanta Olano, xunto coa desaparición de varios pradairos no mesmo contorno urbano e o cambio do pavimento tradicional de grava por outro de pedra. Estas medidas foron mal recibidas por numerosos sectores sociais da vila, que dende o primeiro día amosaron o seu descontento. Porén, o máis destacable desta situación é que a actuación municipal espertou de súpeto a conciencia de moitas persoas que, ao marxe da súa ideoloxía, decidiron participar activamente no acto que ao mediodía de onte se desenvolveu na capital da Terra Cha.

Esta plataforma, denominada A Alameda, espazo da nosa memoria foi sumando apoios en poucas horas, ata o punto de superar os cincocentos amigos nas redes sociais de Internet, a través das que se convocou a concentración cívica. Paralelamente, os promotores da iniciativa habilitaron unha petición de sinaturas na rede, que tamén vai sumando adhesións, entre elas a dos escritores Xabier Puente Docampo, Paco Martín e Agustín Fernández Paz. No crecente respaldo social algo tivo que ver o exercizo de coherencia deste último -ilustre e galardoado vilalbés- ao rexeitar esta semana o Premio da Cultura Galega convocado pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta. A súa actitude foi moi aplaudida na súa localidade natal, que de súpeto parece espertar dun longo letargo tras décadas de política municipal baseada nun urbanismo difícil de entender a na proliferación do cemento nos espazos públicos.

A sostibilidade e o respecto polo medio ambiente forman parte da personalidade dos chairegos, que sempre viviron en contacto permanente coa natureza. Por iso amosan agora a súa sensibilidade ante a desaparición das vellas pradias, maltratadas e podadas sen piedade, taladas e non reemprazadas. Máis dunha bágoa escorreu polas súas meixelas ao ver o triste final do vello castiñeiro de indias, que demostrou baixo a motoserra que aínda estaba vivo, e que un axeitado tratamento ao que non tivo dereito quizais axudara á súa salvación.

Para máis información, ver a nova publicada hoxe en Xornal de Galicia, en La Voz de Galicia e no diario El Progreso de Lugo.

21/11/2010

Éxito da Concentración Cívica "A Alameda, espazo da nosa memoria"

Redacción.-

Máis dun cento de vilalbeses concentráronse esta mañá a pesar do mal tempo na Praza da Constitución, na defensa dos espazos públicos. No acto, que contou coa presenza do grupo Buxos Verdes, leron os seus poemas os escritores vilalbeses Sesé Roca e Mª. Xosé Lamas, sendo o filósofo Antón Baamonde o encargado de ler o manifesto, que reproducimos. Os organizadores amosáronse satisfeitos pola resposta á convocatoria, malia as condicións meteorolóxicas, e anunciaron novas mobilizacións para vindeiras datas. Asimesmo, lamentaron que durante a concentración fora repartido por unha empresa de publicidade un panfleto alleo á organización e aos motivos da mesma, reclamando para próximas convocatorias un maior respecto cara aos participantes.

MANIFESTO: A ALAMEDA, ESPAZO DA NOSA MEMORIA

Aos vilalbeses e chairegos sempre nos gustou a Alameda como estaba. Foi o espazo da nosa nenez, o campo de xogo do marro, das quedas, do xogo das chapas. Baixo o agarimoso acubillo dos castiñeiros de indias, cuxos froitos nos estaban vedados, quedamos coas nosas primeiras parellas e sentimos dentro de nós as bolboretas do primeiro amor, do primeiro bico furtivo...

Somos amantes do noso. Gustábannos outros espazos que nos furtaron no nome do progreso, como o antigo Campo da Feira, que aínda hoxe -case medio século despois- aínda choramos na memoria dos tempos, reemprazado por tétricas catacumbas de formigón armado. Gustábanos o negrillo de porte señorial, ferido para sempre por interpoñerse no camiño dun guindastre, prisioneiro nunha maceta colosal e testemuña triste dun urbanismo difícil de entender.

Os vilalbeses somos, en fin, xente con sentidiño. Non é en balde que teñamos por símbolo un arce centenario, A Pravia, que dá nome, como personaxe senlleira orgullosa e altiva, á nosa rúa principal.

A sostibilidade e o respecto polo medio ambiente forman parte da nosa personalidade, do noso xeito de ver a vida. Non somos insensibles á desaparición das vellas pradias, maltratadas e podadas sen piedade, taladas e non reemprazadas. Máis dunha bágoa nos escorreu polas meixelas ao ver a fin do vello castiñeiro de indias, que demostrou baixo a motoserra que aínda estaba vivo, e que un axeitado tratamento ao que non tivo dereito quizais axudara á súa salvación.

E para que, pensamos, necesita a Alameda ningún outro pavimento senón o de grava que tivo sempre? Non hai acaso outras necesidades? Por qué non deixar como está un espazo que nos gusta como é? Un espazo que forma parte de nós.

Porque somos unha vila sensible e comprometida co medio ambiente, hoxe pedimos aos que toman as decisións que as contrasten previamente, coa finalidade de evitar males maiores. E que teñan, como mínimo, a mesma sensibilidade que nós.

20/11/2010

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.- 

Meu amigo Antón:

Se podes, non o dubides: ven por aquí maña e poderás gozar do encontro cos amigos que se xuntarán na ámbito da Alameda de Vilalba. Ben sei que non vas deixar que se che noten moito as ansias de protesta polo aparente descoido das árbores que alí quedan, pero, se polo menos estás para facer número, xa non está mal. Tratándose de ti, estaría moi ben.

Por certo, coutoume o teu fillo a discusión que tivestes por un artigo publicado polo Xiz no Progreso de Lugo, creo. Parece ser que o noso xornalista vilalbés non lle deu excesiva importancia á caída forzada do castiñeiro desaparecido. Mesmo semellaba non ter un recordo claro da súa presenza na alameda e, xa que logo, parecíalle desmesurado o rebumbio que se armou por telo feito desaparecer. Está ben, é a súa opinión – argumentou o teu fillo – pero paréceme moi estraño que, sendo vilalbés de sempre e sentíndose honrado de selo, non gardase na memoria a imaxe de toda aquela fila de castaños vellos que están a facer garda de honra, desde hai moitos anos, ao centro da vila representado pola comunmente chamada “Carretera”.

Se cadra, non se fixou – comentaches ti – e seguramente ten razón en que, se houbo que o cortar, haberá que poñer outro máis novo e máis pequeno, e xa está, non pasa nada. De feito, non hai moito tempo que se rabenou outra árbore do mesmo conxunto, plantouse outra e, efectivamente, non pasou nada, ninguén chistou. Ao mellor estamos a darlle excesiva importancia a ese asunto, como di o Xiz, e poida que teña razón, porque, ao final, efectivamente, non pasa nada.

O teu fillo, que é moi tranquilo, calou e foise: non era cousa de seguir coa disputa; pero, segundo me contou, quedou matinando no asunto e decatouse do perigoso que resultaba aquel argumento que se estaba a utilizar e que a ti tamén parecía convencerte: aquilo de que non pasa nada. Entón, volveu canda ti para facerche ver a falsidade de tal razoamento, e armouse a marimorena, porque, claro, cando a ti se che mete unha cousa na cabeza non hai demo que a saque: es tan testán que non admites razoamentos. En fin, que acabou deixándote por imposible.

Estaba canso, pero chamoume para me contar todo isto que che dixen, e aínda estivemos a falar un cacho. O bo do home non deixaba de darlle voltas ao asunto. Non pasa nada – repetía – claro que non pasa nada: se cortan unha árbore, non por iso imos morrer nin vai perder nada a nosa economía. O que pode pasar é que Vilalba quede máis fea. E que?, xa hai moito tempo que se emperrencharon en que a vila fose fea, mesmo moi fea, e non pasou nada: todo o mundo calou, pois quen máis quen menos, os que podían, non deixaron de se aproveitar para facer pisos de moita altura en solares imposibles e nas rúas máis estreitas, como a do Sol ou a de San Roque. Quen puido non dubidou en rebaixar o gasto de construción facendo edificios feos e desalineados na mesma rúa central, ou mesmo en esborrallar a beleza do que xa estaba ben construído, como fixeron, por exemplo, no barrio aquel das chamadas casas baratas onde se realizaron amaños interesados que botan para atrás a calquera senso da estética. E deste xeito, todo, case todo, quedou deslabazado e feo, pero efectivamente non pasa nada: nós seguimos a vivir nesa vila e querémola, aínda que non poidamos presumir dela nin gozar dunha vila agradable.

O teu fillo, meu Antón, estaba fóra de si, e a cada frase ía cabreándose máis. Mesmo acudiu a un exemplo traído de hai máis dun século. Daquela – dixo – un construtor mercou todo o castelo de Vilalba con vistas a facer del unha canteira da que sacaron pedra para moitas casas da veciñanza. Por fortuna, non souberon como destruír a torre e, por iso, conservouse ata hoxe para o noso gozo. E non pasou nada de nada, unicamente que algúns románticos gozariamos moito de ter conservado o castelo completo, ou non?. E así seguiu o teu rapaz poñendo máis exemplos e acougando pouco a pouco na euforia do seu discurso. Mesmo me alegrou que me falara do moito que lle compraceu un fermoso artigo que unha rapaciña moi querida para min, Carmen Seco, escribiu en facebook, onde, de xeito moi sensato e ben argumentado, comentaba o acontecido co castiñeiro da alameda. Se cadra – di ela – era preciso cortalo, no caso de estar seriamente infectado, pero cómpre investigalo con estudos serios, porque, de ser así, é moi posible que se estenda o contaxio infeccioso e acabe por afectar ao resto dos castiñeiros e poida que á mesma pravia senlleira. Ao teu fillo gustoulle o razoamento e a min tamén. A ti non o sei, pero asegúroche que Carme sabe moito diso. E sabe moi ben que, cando se fan as cousas sen xeito, sempre pasa algo. Ao menos para quen goza co que é bonito. Non hai máis que ver o que ela pon coma exemplo de contraste entre o mal gusto e o bo facer: refírese a aquel adefesio de castelo que colocaron na praia fluvial, onde, sen embargo, estábase a facer un conxunto xeitoso con arborado pintoresco mesturado, por desgraza, cun camiño de cemento a rachar todo o encanto do lugar. Así que xa sabes, meu Antón, doulle a razón ao teu fillo cando insiste en que, aínda que parece que non pasa nada, non é verdade: se as cousas están mal, sempre pasa algo.

E remato esta carta cunha felicitación conxunta, túa e miña, ao noso amigo escritor Agustín Fernández Paz que acaba de recibir, xuntos, dous premios importantes: o primeiro, o dun xurado competente que valorou a súa escrita, galardón ao que, sen embargo, renunciou no nome da coherencia porque viña outorgado por quen está a lesionar a nosa lingua; pero, grazas a iso, recibiu un segundo premio non menos importante: o de cantos amamos o idioma galego e premiamos con aprecio e aplauso a súa decisión valente e arriscada. O noso Agustín é todo un tipo dos que quedan poucos.

E nada máis por hoxe. Unha aperta do teu amigo

Bernardo

19/11/2010

Un xesto

Mario Paz González.-

Moitas veces un xesto a tempo vale máis que mil palabras. Sobre todo nunha época na que os xestos escasean e as palabras abundan. E non ando a pensar nas palabras boas –como beleza, amizade, verdade…–, esas que sempre son necesarias. Estou a pensar nas outras, nesas que tanto proliferan, por desgraza, na vida cotía de hoxe. Estou a pensar nesa verborrea infame e contaminadora, polo que ten de ameazante, que tenta facernos mirar para outro lado sen deixarnos ollar de cara a realidade. Estou a pensar nesas palabras que representan ese xeito de expresión miserenta e basta que se ten enquistado no espazo público e político e, asemade, tamén en moitos medios nos que o insulto, a denigración e a falsidade fican á orde do día. Estou a pensar nesas palabras erradas ás que non lles queda nin sequera o consolo dunha sabia rectificación, senón que, por riba, quen as profire persevera con necedade e impertinencia no erro. Esas palabras que xustifican todo o inxustificable, desde o alcume sexista por parte dun personaxe público a unha ministra, ata a configuración dunhas memorias nas que, non só non se piden desculpas por unha guerra ilegal, senón que, por riba, téntase xustificar e lavar a imaxe de quen a ordeou. Penso tamén nesas outras palabras de locutores de radio e televisión que constrúen o seu discurso sobre o desprezo e a falsidade.

Hai días, un editor amigo dicíame que non hai que sacralizar o libro, pois libro é Mein kampf e libros son os manuais de guerra de Al Qaeda. Por iso penso que, en contra do que antes cría, tampouco se pode sacralizar a palabra, pois, do mesmo xeito que pode servir para unir, tamén serve para aldraxar.

Por iso pareceume o outro día tan reconfortante o xesto de Agustín Fernández Paz ao rexeitar o Premio da Cultura Galega. Os escritores –e iso el sábeo moi ben– son os verdadeiros gardiáns da palabra. Ninguén coma eles para tentar expresar a través dela o inefable. Foi o poeta inglés Samuel Taylor Coleridge quen dixo que a poesía eran as mellores palabras na mellor orde.

Fernández Paz, que manexa as verbas como ninguén, apenas precisou facer uso delas, se cadra consciente da forza do seu xesto nunha época na que, por desgraza, tamén os bos xestos escasean. Ten que ser difícil rexeitar un premio e o recoñecemento que conleva. O seu foi, pois, un xesto valente e, sobre todo, sumamente coherente. E son tamén “valentía” e “coherencia” outras dúas palabras que tampouco hoxe abundan nos manuais de hipócrita correción política de uso corrente.

Fernández Paz non precisou, xa que logo, moitas verbas. Fixera xa uso abondo delas, como el mesmo dixo no conciso comunicado que enviou aos medios, en diversos foros aos que remite, entre eles a web da plataforma Prolingua. Desde alí realizouse un inequívoco chamamento á sociedade e a todas as forzas políticas “para recuperarmos o camiño da concordia” a través dun novo consenso lingüístico. Unha concordia, dicían, que “só pode articularse concibindo a lingua como parte esencial da nosa riqueza, nunca como problema”. Para eles, e tamén para Fernández Paz, a aceptación deses premios sería un xeito de utilización política partidista por parte daqueles outros que fan “agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato”.

Malia iso, no seu comunicado o escritor chairego reservou tamén unhas poucas e agradecidas verbas para os membros do xurado pola concesión dun premio cuxo mérito non quixo personalizar en si mesmo, senón en todo un colectivo de autores que, coma el, contribuen con forza a universalizar a literatura infantil e xuvenil galega.

Bondade e modestia, amais de valentía e coherencia. Grazas Agustín.

Presentación hoxe de 'Temperando Iniciación', de Bruno Villamor Gay

Redacción.-

Bruno Villamor Gay, primeiro lucense que obtivo a titulación superior de música na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional Galega, presentará hoxe venres 19 de novembro ás 20.30 horas na Galería Sargadelos de Lugo a súa obra “Temperando Iniciación”, método progresivo de aprendizaxe para gaita galega.

Trátase da primeira serie (4 libros) dun método progresivo de aprendizaxe para gaita galega que constará ademais nun futuro das series “Temperando: Perfeccionamento I” e “Temperando: Perfeccionamento II”.

Na presentación contarase coa presenza do autor así como á de Javier Jurado, Director de Dos Acordes, Editorial que saca á luz este traballo.

Tamén ao longo desta presentación poderemos escoitar ao Cuarteto Tradicional de Gaitas da Asociación Cultural “Cántigas e Frores” de Lugo, asociación da que o autor é Director Artístico, interpretando parte do material que aparece ao longo destes catro libros.

Bruno Villamor iniciou a súa andanza na música tradicional sendo un neno da man de mestres como Enrique Candal e Pepe Vaamonde. Posteriormente continuou os seus estudos alcanzando o título de gaita en Grao Medio LOXSE no Conservatorio Profesional de Vilalba baixo a tutela de Xose Ramón Saborido. Foi entón cando inicia o Grao Superior en Vigo, da man de Rebeca Carrera, rematando o mesmo no ano 2009.

Actualmente, é profesor de Gaita no Conservatorio Profesional de Vilalba, na escola de Música Municipal de Meira e na Tradescola. É director artístico da Asociación Cultural “Cántigas e Frores” de Lugo e profesor de Gaita e Percusión Tradicional en diversas asociacións culturais das provincias de Lugo e A Coruña.

É membro fundador do Grupo de Música Tradicional “Os Miñotos” .

Foi integrante do grupo folc “Caldaloba”, co que ten gravado o disco “As Cores da Música”(1999). Ademais ten colaborado en outras gravacións como o CD – Libro – DVD “13 Lúas” editado pola “Asociación de Gaiteiros Galegos”, o CD “Mira como veño” do grupo “Canta Tí”, o CD “Contratempo” do grupo Leña Verde de Pol, ou o CD “Raices y Tradiciones” co grupo “Cántigas e Frores” editado pola FEAF.

Este sábado, dúas citas

Xulio Xiz.-


Estando o sábado pasado no Muíño do Rañego, no "Paseo dos soños", que conta cun fito máis, un monolito de pedra na honra de Darío Xohán Cabana, entereime de que o próximo sábado en Vilalba se vai facer unha concentración cívica na Alameda Basanta Olano, pola defensa dos paraxes públicos

A concentración, polo lugar elexido para xuntarse, visto está que vai ter como centro o castaño de Indias que días pasados se cortou en Vilalba e, de paso, polas árbores que na Alameda quedan, que según parece están gravemente aqueixadas por un fungo que ataca frutais e árbores ornamentais, e que ó transmitirse duns exemplares a outros quedan contaxiados da mesma enfermedade do que foi cortado. Outro castaño de Indias máis pequeno sustituirá ó cortado, viaxando desde A Magdalena á Alameda para medrar alí á vista de todos

Digo que me enterei no Muiño do Rañego da concentración convocada para o sábado, e xa que se trata de defender paraxes públicos, entendín que estaba no lugar perfecto como paraxe público vilalbés

Alí, no Muiño, inauguramos o monolito de Darío. Todos os monolitos teñen nomes propios, sen que faga falta máis datos: O de Paco, o de Manuel, o de Agustín, o de Xavier, e agora o de Darío. Marcan cinco fitos neste "Paseo dos soños", que non sei como se chama oficialmente, pero así está denominado polos que o visitamos asiduamente, pensando encher o camiño entre o Rañego e a Magdalena, co paso do tempo, con pedra-fitas de escritores vilalbeses e chairegos. Levamos cinco en cinco anos. E continuará.

Pero o pasado vernes, coñecemos unha nova perspectiva do tema a través dunha nota publicada na Voz de Galicia, xa que ata este momento falabamos dos hectómetros literarios considerando que cada un lembraba un escritor. Pero na Voz mencionábase o hectómetro de extensión, os cen metros entre monolito e monolito, como propiedade de cada escritor. E resulta xeitoso pensar que cada escritor ten en propiedade, virtual ou espiritual, non só o monolito senón o treito que leva a el.

E xa que estes monolitos honran escritores da comarca, tamén este sábado houbo no Rañego representación comarcal, que estaban o Alcalde de Vilalba, pero tamén os alcaldes de Begonte, Rábade e Meira, e a Concelleira de Cultura de Lugo

E se ó comezo mencione o acto que vai ter lugar o próximo sábado, ás doce en Vilalba, concentración da defensa dos espazos públicos, remato con outro, para o mesmo día e a mesma hora na Pastoriza, onde se van celebrar os encontros na Terra Chá, que organiza a Fundación Manuel María, para honrar a Xosé Manuel Seivane, o gaiteiro, mestre de gaiteiros

Eu sempre pensei que os Seivane eran da Ribeira de Piquín, transterrados agora a terras coruñesas. E resulta que Xosé Manuel naceu na Pastoriza, é polo tanto chairego, e a casa da Cultura da Pastoriza vai levar o seu nome

Pois aí está o dilema: dúas convocatorias para o sábado que ven. Máis todas aquelas que cada quen coñeza, que son as que nos obrigan cada día a escoller o acontecemento ó que imos asistir.

Educación e linguas en Galicia

Redacción.-

O Servizo de Publicacións da Universidade de Santiago de Compostela dá un paso máis no seu propósito de traballar no cada vez máis vertixinoso campo da edición dixital sacando á luz o seu primeiro ebook, Educación e linguas en Galicia, coordinado por Bieito Silva, Xesús Rodríguez e Isabel Vaquero.

O volume, que non coñece forma impresa, presentouse este xoves nun acto ao que ademais dos coordinadores asistiron o vicerreitor de Cultura, Javier Garbayo; a secretaria xeral da USC, Lourdes Noya; e o director do Servizo de Publicacións, Juan Blanco, quen o cualificou de “fito editorial histórico na USC”.

A evolución dos contidos e soportes dixitais experimentou un avance desbordante nos dous últimos anos, e cara aí avanzan as editoriais universitarias. En concreto, a USC pretende que a maior parte da súa obra editada forme parte do repositorio dixital, de carácter aberto e sen restricións de consulta.

Contexto apropiado
Recóllense no volume os relatorios dunhas xornadas que a USC, a través do seu Servizo de Normalización Lingüística e das Comisións de Normalización Lingüística da Facultade de Ciencias da Educación e da Escola Universitaria de Formación do Profesorado, organizou en novembro do pasado ano, “nun contexto de confrontación exacerbada sobre o funcionamento lingüístico do sistema educativo e sobre o papel social da lingua galega”, aclaran os coordinadores no limiar. “A nosa intención era contribuír ao debate dende unha reflexión serea”, explica Bieito Silva.

Nese encontro tratábase de analizar e debater sobre o modelo lingüístico máis acaído para o ensino non universitario en Galicia dende os puntos de vista político e educativo e estimular os centros formadores de profesorado para melloraren a formación lingüística dos futuros docentes de xeito que se satisfagan as demandas do sistema educativo. Deste xeito, o volume que hoxe se presenta aborda a cuestión desde varias perspectivas complementarias como a política, a académica e a escolar.

Perspectiva universitaria
Fernando Ramallo, profesor da Facultade de Tradución da Universidade de Vigo, diserta sobre a situación social da lingua galega co obxectivo de ofrecer unha imaxe certeira dende un punto de vista científico. Xa baixo o título ‘O sistema escolar galego e as linguas’, o profesor de Ciencias da Educación da USC Bieito Silva Valdivia ofrece, en perspectiva retrospectiva, unha análise do modelo lingüístico que foi definindo a lexislación sobre as linguas en Galicia.

No artigo ‘Usos lingüísticos e ideas sobre as linguas do alumnado de Ciencias da Educación da USC’ se ofrece o resultado dun traballo de investigación dirixido a explorar o perfil sociolingüístico deste colectivo universitario, a súa experiencia lingüística escolar e as súas ideas e concepcións sobre as linguas en Galicia.

Xa na táboa redonda sobre propostas para a formación dos futuros docentes en relación coas linguas e co seu ensino, os profesores Ignacio Palacios e Francisco Xosé Candia Durán explican a situación nos seus correspondentes centros e nos plans de estudo das respectivas titulacións, así como os cambios necesarios para garantir unha formación lingüística, sociolingüística e psicopedagóxica que permita aos titulados enfrontarse con garantías ás súas tarefas profesionais.

Finalmente, no que respecta ao ámbito universitario o profesor da USC José Manuel Vez analiza nunha contribución titulada ‘Linguas e globalización en Europa’ a implementación das políticas europeas a prol do multilingüismo e a pluralidade lingüístico-cultural no ámbito da aprendizaxe de linguas, os diversos modelos e os seus resultados, co pano de fondo da tensión no ámbito europeo e mundial entre uniformidade e diversidade lingüística.

Achega política
Nas xornadas Carme Adán (BNG), Guillermo Meijón (PSdG-PSOE) e Román Rodríguez (PP) trasladaron as posturas de cadanseu grupo político parlamentario arredor da cuestión, nunha mesa redonda que no volume se enriquece coa achega do público no coloquio posterior. Anxo Lorenzo, secretario xeral da Xunta de Galicia, como principal responsable e definir a política lingüística do Goberno galego nun momento de especial tensión social, ofrece tamén a súa visión do tema.

Proxectos escolares concretos
O Proxecto Burela presentouno Cristina Loureiro como unha acción de integración social e lingüística. Pola súa banda, Mercedes Queixas, coordinadora territorial dos ENL da provincia da Coruña, e Valentina Formoso, do IES Felix Muriel de Rianxo, tratan conxuntamente as estratexias para a planificación lingüística escolar; e Xosé Lastra Muruais, do CEIP Manuel Masdías de Ferrol, fornece a súa propia experiencia neste ámbito dos plans lingüísticos de centro.

Imperturbable? Alameda


Fuco Paz Souto.-*

Cando eu nacín
Ti xa eras.
Cando eu medrei
Ti xa estabas.
Cando fun mozo
Ti (e mais ela…)
xa me aloumiñabas,
xa me beixabas
xa me querías, alameda!
Cumprín anos,
xa paso dos cincuenta
e Ti? Que importa…
que importan os teus anos
para os que nin tan sequera
te amaban,
que importan os anos
para os que non te vían
cando xogaban,
para os que te ignoraban
cando amaban,
para os que procuraban
a túa sombra
sen darche as grazas, por nada,
Querido castiñeiro da América ensoñada:
cada vez que na Alameda sente,
heino facer mirando para onde
estabas... porque así,
serei novo de novo
aínda que me falte algo
desque eu nacera, medrara, cumprira
e
de menos
te botara.



Vaia, a través destes versos, a miña achega para unha alameda que sempre recordarán os meus finados pais como era, e cando eu chegue -oxalá sexa tarde-, onda eles lles conte, que unha vez, da alameda roubaron algo que nunca imaxinaban.

*Fuco Paz Souto é escritor e autor de Cachiños do meu cerne

18/11/2010

Comezou o Simposio 'O libro e a lectura'

Redacción.-

Co patrocinio de CEDRO, a Asociación Galega de Editores organiza anualmente o Simposio O libro e a lectura que nesta edición abordará o tema: "O Fomento da Lectura: Unha fronteira para o libro". As dúas xornadas de traballo van ter lugar o 18 e 19 de novembro no Centro Social Caixanova, na Praza de Cervantes de Santiago de Compostela. Expertos do panorama nacional e internacional que presentarán as súas propostas ao redor da promoción da lectura. A consulta do programa e a inscrición pode facerse descargando os documentos desta nova.

A xornada do xoves día 18 comezou ás 9:30 horas coa recollida da documentación e a inauguración oficial. Ás 10:30 tivo lugar a conferencia inaugural a cargo do editor e escritor Antonio Ventura. De seguido, Cristina Novoa falou sobre Bibliotecas escolares, a lectura desde o ensino; para pasar ao panel de experiencias no que interviron Joan Portell, do Municipi Lector; Albino Alonso e David Pérez falaron sobre o fomento da lectura na Biblioteca Municipal do Porriño (Premio Nacional María Moliner de animación á lectura 2006). Pola tarde seguirá o panel de experiencias co tema do fomento da lectura dende a libraría e relatorios a cargo de Pep Durán, da libraría Robafaves; e Sandra Senra, de Libros para soñar. Finalizará a xornada coa experiencia de Gracia Sanctorum, autora do blog Trafegando Ronseis.

A segunda xornada, mañá venres 19 de novembro, comezará ás 10 horas co relatorio de Eloy Matos Núñez, da Rede de Universidades Lectoras. No panel de experiencias intervirán: Itziar Zubizarreta da Bularretik Mintzora; Concha Costas, de Espazo Lectura (Premio Irmandade do Libro 2009 / Premio de Dinamización Sociocultural Everest 2009); Nuno Marçal, co seu BiblioMóvel Proença-a-nova (Proxecto candidato ao Astrid Lindgren Memorial Award); Mercedes Caballud, de Ler xuntos en Ballobar (Premio Nacional ao Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura 2005). Xa na xornada da tarde, celebrarase o relatorio da lectura: un novo modelo para as feiras do libro, a cargo de Javier López Yáñez, da Asociación Feira do Libro de Sevilla (Premio Nacional ao Fomento da Lectura do Ministerio de Cultura 2010); e finalizarase co relatorio O editor e o fomento da lectura, que realizará Constantino Bértolo, director de Caballo de Troya.

Barbarie vilalbesa


Constanza Montenegro.-

Despois duns anos sen pisar a terra os meus devanceiros, retorno á vila o día de defuntos, acompañando aos meus pais, que tras a súa xubilación volveron a Galicia para instalarse n´A Coruña. Ao instante quedamos perplexos e, despois abatidos, ao contemplar o seu actual aspecto; o fervor edificatorio converteu aquel agradable pobo nesta mestura de construcións onde non se aprecia planificación urbanística, un lugar no que non se abren prazas, xardíns, aparcadoiros e outros espazos necesarios. Pero o máis grave non é a indolencia que sustenta esta falta de planificación, senón o acto inmisericorde de esnaquizar os escasos elementos de certo interese legados polos nosos predecesores. Refírome ao antigo cemiterio municipal, cuxos nichos de innegable interese histórico sucumbiron baixo os designios dalgún cateto mandatario, ignorante das marabillosas intervencións que noutros lugares puxeron en valor recintos semellantes, e, como non, tamén me refiro á Alamena, salvaxemente devastada nestes días.

A Alameda non é unha actuación urbanística sobresaliente, pero si a única onde se albisca certa planificación. Os seus escasos exemplares ornamentais non señorean o espazo axardinado, mostrándose raquíticos e descoidados, residindo o interese botánico nos castiñeiros de indias e algúns arces que soportaron continuos e excesivos derrames (a poda é algo ben distinto) até provocar neles o actual estado de extenuación. Tal calamitosa situación debida a numerosas "rapas por bestas" alenta os instintos arboricidas do ignorante, mentres o ilustrado busca solucións para prolongar a vida; a morte é un final irremediable, pero as enfermidades débense combater.

Os problemas da Alameda eran ben visibles e demandaban solucións baseadas no intelecto. A sucidade da pedra, agravada como puiden saber por un chorreo anterior, teríase que retirar cun cepillado manual á auga, con isto sería suficiente; só un paleto pensa que a pedra é máis bonita cando queda esnaquizada, e está de acordo cun chorreo que altera superficialmente o granito e fai que se ensucie máis. A incipiente enfermidade das árbores debeu ser avaliada por algún especialista cualificado e, en base a un diagnóstico competente, planificar os tratamentos necesarios para alargar as súas vidas. É inmoral non tentar salvar tan lonxevas existencias, e tallalos antes de que se produza o deceso, acaso dentro duns meses, ou ben, dentro de varios anos. As superficies estaban mal pavimentadas e a evacuación das pluviais foi concibida sen destreza, pero a solución de colocar plaqueta de granito serrado, non só é de mal gusto, senón un recurso torpe que non resolve os problemas anteriores; abondaba con deseñar unha rede adecuada de drenaxe e colocar unha estratificación de áridos de diferente granulometría para eliminar as fochancas e facer cómodo o camiñar, solución que require máis recursos mentais que económicos, e é adoptada con éxito en países con maior pluviosidade. Outro aspecto descoidado na Alameda é a accesibilidade e protección de usuario, especialmente notorio na excesiva inclinación das ramplas e a súa escasa anchura, a ausencia de pasamans en ramplas e escaleiras, o desemboque de ramplas en beirarrúa próxima á calzada sen a existencia de protección vertical, a escasa altura das varandas existentes, etc., algunhas delas supoño que se modificarán, pero todo apunta a que non se fará do mellor xeito. O escaso respecto mostrado cara á veciñanza queda tamén plasmado na forma de execución das obras (non entremos na súa propia seguridade), pois a súa deficiente planificación provoca molestias innecesarias aos viandantes, ademais non se habilitan normativos accesos para peóns, córtanse as beirarrúas e os veciños camiñan pola calzada, non se limpan as beirarrúas ao remate da xornada, dándose tamén algunhas outras desmañas. A maioría dos concellos xa non necesitan esixir a corrección destas deficiencias ás contratas, porque estas, afeitas traballar en lugares urbanos, non incorren nelas. Para todas estas atrocidades, cae ben como lema aquela bravuconada atribuída a Millán Astray: Morra a intelixencia!

Pero, sen ningunha dúbida, o máis delirante desta historia non vén motivado por un proxecto de inusual falta de pericia, senón pola fuxida cara adiante dalgúns dos actores deste luctuoso episodio. Pódese entender a escasa capacidade dun municipio que apostou por manter ao mínimo o seu cadro técnico, suplíndoo coa innata competencia dos edís nestes temas (urbanismo, paisaxismo, etc.), cuxas preclaras deliberacións en plenos e comisións débense semellar ás mantidas nos máis fulgurantes templos do saber. Pero, ao contrario, non se pode admitir a falta de observación dos criterios de autoridade universal, segundo os cales un informe emitido por un neófito no tema (perito agrícola non especializado en fitopatoloxía, segundo puiden pescudar), nunca contradi ao dun profesor universitario de botánica de incuestionable prestixio internacional (a verdade, asombráronme os seus méritos rebuscando en Internet). Pero máis lamentable, se cabe, é a postura dos que deberan actuar como "a oposición", un grupo parece estar de vacacións, e o outro enceréllase nunha insólita pelexa de curral; se nalgunha reunión celebrada na Casa Consistorial algúns se foron convencidos da necesidade da ultraxe (porque nin saben, nin preguntan), non deberan alimentar o seu Ego contradicindo á executiva do seu propio partido, traizoando á verdade e insultando á intelixencia. O túzaro goberno segue adiante e ameaza con outras animaladas semellantes, que probablemente inspirarán coplas e seguramente serán, despois de algún tempo, o único que se lembrará deste tan cabal e competente mandato; pero aínda que estas accións non deba facelas, si pode, e faino por mero capricho, non á luz dun incompetente informe, ou ao abrigo dalgúns necios "ben mantidos".

Estas notas, como algunha outra que enviarei máis adiante, non nacen da miña propia iniciativa, senón da do meu proxenitor, quen non alcanza a comprender como se poden consentir tales actos, e pediume que achegase algún raio de luz para rescatar da escuridade a unha sociedade que parece estar en franca decadencia. Só na ignorancia se poden xustificar estes desmáns, pois é un alto outeiro rodeado de perigosos barrancos.

17/11/2010

Agustín Fernández Paz rexeitou o Premio da Cultura Galega

Redacción.-

Segundo publica o blog A profa, o escritor vilalbés e Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, Agustín Fernández Paz, ven de rexeitar o Premio da Cultura Galega 2010, na modalidade de letras, en coherencia co seu apoio á Plataforma Prolingua e ao chamamento realizado por esta entidade o pasado 8 de outubro, no que consideraba lexítimo non aceptar ningún premio "que veña hipotecado por agresións contra a mesma cultura que se finxe exaltar con protocolario boato".

A proposta do premio foi realizada polo Consello da Cultura Galega e aprobada por maioría, en recoñecemento da traxectoria do autor, vencellada á escrita galega.

Picando na imaxe pódese ler o comunicado do escritor, publicado este serán.

16/11/2010

Cristina García Rodero amosará en Santiago a súa persoal visión dunha Galicia intemporal

Redacción.-

O Camiño Contemporáneo de Xacobeo 2010 continúa achegando a Galicia algunhas das propostas culturais máis interesantes do panorama internacional. Á exposición de Candida Höfer, que podedes ver en San Martiño Pinario e na Biblioteca da Cidade da Cultura, súmase a partir do 18 de novembro unha mostra da prestixiosa fotógrafa Cristina García Rodero, primeira española admitida como membro de pleno dereito na axencia Magnum. Transtempo, comisariada por Miguel von Hafe e María José Villaluenga, inaugurarase o 18 de novembro, ás 20.00 horas, no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) e estará aberta ao público ata o 13 de febreiro.

Todo un referente na fotografía española contemporánea, Rodero presenta agora en Santiago Transtempo, unha selección de imaxes tomadas dende 1974 ata a actualidade que ofrecen, por primeira vez de xeito estruturado, a súa persoal visión dunha Galicia intemporal, onde a relixión e os mitos pagáns se entrelazan nun relato que atravesa varias xeracións. Transtempo está chea de detalles que sorprenden o espectador: aquel ancián que no Entroido de Verín tenta bicar unha muller que non semella sequera pórlle atención, a ofrecida no caixón co seu abano e os seus lentes escuros en Santa Marta de Ribarteme, a muller que sostén orgullosa unha cabeza de peixe na lonxa de Vigo, a avoa infranqueable de Xende, todos os personaxes foron captados cunha ollada que os retira do anecdótico para fixalos como paradigmas dun xeito de celebrar a vida.

Nacida en Puertollano, García Rodero recibiu ao longo da súa carreira premios como o Nacional de Fotografía (2006), o Bartolomé Ros de PHotoEspaña (2000) ou o World Press Photo (1993, 1997 e 2008), como recoñecemento ao seu labor.

Xacobeo 2010 ofréceche a oportunidade de ver a obra desta creadora que en 1973 se formulou o reto de fotografar costumes e festas de toda España: imaxes que percorren con precisión un determinado contexto social e xeográfico e que falan daquilo que as persoas senten, olen, respiran, da condición humana, en definitiva, e da súa transitoriedade.

Transtempo. Do 18 de novembro ao 13 de febreiro no CGAC.

Fotografía: Cristina García Rodero/Magnum Photos

Concentración cívica en Vilalba a prol da Alameda

Redacción


A Plataforma “A Alameda, espazo da nosa memoria” convocou unha concentración cívica para o vindeiro sábado 20 de novembro en Vilalba, coa finalidade de reclamar aos xestores municipais a defensa dos espazos públicos atendendo a criterios de sostibilidade e respecto ao patrimonio natural e cultural da Terra Cha.

Esta iniciativa xurdiu de xeito espontáneo o pasado 7 de novembro, debido á indignación de moitos veciños de Vilalba pola tala dun dos simbólicos castiñeiros de indias da Alameda Basanta Olano, ordenada polo Concello. A isto hai que engadir a tala de pradairos no mesmo contorno urbano e o cambio do pavimento tradicional de grava por outro de pedra, unhas medidas que están a ser mal recibidas por numerosos sectores da sociedade vilalbesa, descontentos coa actuación municipal.

O grupo municipal de Goberno argumentou a súa decisión nuns informes técnicos que foron cuestionados por algúns membros da oposición, a organización ecoloxista Adega, varios expertos en Bioloxía e diversas entidades culturais da comarca chairega.

Dende que se deu a coñecer a convocatoria da concentración cívica, o pasado venres, a iniciativa foi respaldada en poucas horas por máis de 300 persoas nas redes sociais de Internet. Segundo fontes da Plataforma "A Alameda, espazo da nosa memoria", agárdase que antes do vindeiro sábado o apoio dos internautas -a maioría deles da Chaira- chegue ás 500 persoas. Por outra banda, estánse a producir adhesións de diversos persoeiros e entidades do mundo da cultura, cuxa relación completa daráse a coñecer a finais desta semana.

O acto programado para o sábado 20 de novembro será presentado polo xornalista Moncho Paz e contará coa presenza de Antón Baamonde, escritor e ensaísta nado en Vilalba, que será o encargado de ler o Manifesto da Plataforma. Estarán acompañados por dous poetas chairegos, María Xosé Lamas e Francisco Roca Constenla, mentres a nota musical correrá por conta do grupo Buxos Verdes. Asemade, está previsto que ata o venres se realicen distintas actividades didácticas nos centros educativos da nosa vila, co obxectivo de sensibilizar aos máis novos coa protección do medio ambiente.

14/11/2010

A hora de matizar

Fermín Bouza.-

Non foi habitual nos últimos anos que os estudantes británicos se lanzasen á rúa de forma masiva a protestar, pero as medidas supostamente anticrise reméxeno todo. Terán que pagar por matrícula máis de 10.000 euros, segundo leo, o que ameaza con decimar as universidades e devolver ás súas casas aos fillos dos traballadores, pero non só: as clases medias están a ser afectadas gravemente polas medidas de Cameron, e serano máis aínda. Cando Rajoy di coincidir con Cameron debe referirse a todo isto. Comeza a ser necesario pensar en medidas máis ambiciosas que as de volver recortar e empobrecer para aliviar aos orzamentos e aos bancos. Chegamos a ese punto no que a xente podería non entender nada e enfrontarse coas medidas que se tomen. Algo non está a ir ben na recuperación colectiva, e é preciso atallalo e explicalo.

Darío Xohán Cabana no Paseo dos Soños

Paulo Naseiro.-

Reportaxe fotográfica dos actos da homenaxe a Darío Xohán Cabana celebrada hoxe con motivo da colocación do 5º fito do Paseo dos Soños, dedicado ao escritor chairego.

13/11/2010

Axenda “laissez faire…”

Moncho Paz.-

Nas últimas semanas, especialmente a partir da publicación dunha entrevista con Mariano Rajoy nun influente xornal de Madrid, estamos a escoitar en distintos foros un abano de opinións sobre a axenda política do líder do PP. Uns considérana case un segredo de Estado, outros dubidan da súa existencia.

Ata agora, a súa estratexia parece baseada no famoso lema de James Carville “A economía, estúpido”, decisivo na campaña que levou a Bill Clinton á presidencia de EEUU; pero fai falla algo máis que unha oposición centrada exclusivamente na cuestión económica. Mentres a cidadanía ignora o programa do PP, dende Génova prefiren agardar ao remate da lexislatura para dar a coñecer o contido das súas accións políticas.

De todos xeitos, temos algunas pistas. Por exemplo, cando o PP catalán pide a expulsión dos estranxeiros sen traballo, en liña co “contrato de integración” que plantexaba Rajoy nas lexislativas de 2008 e que, con alta probabilidade, presentará de novo en 2012. Por outra banda, e tras a recente visita do Papa, o máximo dirixente popular reitera a súa negativa ao matrimonio homosexual, malia a opinión -persoal e publicada- dalgúns membros do seu partido.

Aplaudimos que recoñeza como pendente a situación legal dos traballadores autónomos, a pesar das súas carencias con respecto ao réxime xeral da Seguridade Social; pero iso non chega, dado que soportan un déficit histórico en dereitos. “Laissez faire, laissez passer…”, amigos, e así viviremos para sempre felices no libre mercado, liberado por fin das pesadas cargas sociais, con baixos ou nulos impostos, no universo do “todo vale” e na mínima intervención do Goberno.

Un mundo tan onírico como irreal, detrás do cal atopamos medidas que conlevan graves recortes ao Estado de benestar, cuestionado polo neoliberalismo, o verdadeiro culpable da crise; de feito, as empresas xa interveñen en materia de dependencia, educación e saúde. Que ninguén caia no engano, pois este camiño conduce –irremediablemente– a un sistema onde as diferenzas sociais serán máis pronunciadas: ámbito privado para os ricos e ámbito público para os pobres. En definitiva, unha volta atrás no ideal democrático de igualdade para todos, en dereitos e deberes.

Cartas a Antón

Bernardo García Cendán.-

Meu amigo Antón:

Ben sabes que hai moita xente dos que escoitan ou len estas cartas que teñen moito empeño por saber quen es ti, pero non te preocupes, eu sigo fiel á miña promesa de non dicir nada que te poida comprometer. Ti, coma tantos outros, precisas do anonimato para poder expresar o que levas dentro, porque, malia todas as modernidades democráticas, aínda queda moita xente que non quere dicir o que pensa por non se indispoñer cos que mandan, non vaia ser que perdan influenza cos que poden facerlles favores. Perdoa, Antón que cho diga, pero ti es destes tales, aínda que debo recoñecer que tes algo distinto da maioría, porque, efectivamente, non queres que te recoñezan, pero non deixas de buscar o xeito de que alguén diga abertamente as críticas que ti queres facer, e resulta que acabo sendo eu quen ten que dar a cara para que ti quedes oculto, pero as túas palabras saian á luz. E xa está ben, meu amigo, estou farto de facerche de portavoz. Así que hoxe, Antón, non hai críticas.

Xa, xa  sei que hoxe andabas coa ilusión de que falaramos dese asunto que anda na boca de moitos vilalbeses. Tremenda perrencha colliches cando te informaron de que cortaran un dos castaños máis vellos da alameda, un dos que dá á rúa principal do noso pobo. Non fai falla que insistas, pois eu ben sei que non se trata dunha árbore calquera e que ben merece unha palabra de defensa. Ninguén dubida de que, aparte da súa fermosura vexetal, ese castaño é tamén un icono, unha imaxe, unha das compoñentes esenciais dese cadro pintoresco do noso pobo que permanece nos ollos e na memoria de quen nos visita. Polo  tanto non deberamos permitir que tal perspectiva se esborralle da noite para a mañá.

Xa che dixen que nisto cadro de acordo contigo, pero, que queres, tamén ti estarás de acordo comigo en que, se por desgraza, esa árbore está morta, non queda máis remedio que cortala e substituíla por outra. Ata aquí non hai problema: ambos concordamos e teremos que dar o asunto por acabado. Pero resulta que non. Ti queres que eu engada un comentario teu, pero coma se non fose teu. O home desconfiado, malicioso e retranqueiro que ti es anda a cismar en que, se cadra, os gobernantes do concello tiñan interese en substituír por outro máis novo aquel vello castiñeiro, porque as súas raíces rebeldes impedían recubrir de cemento ou pedra o pavimento que andan a renovar por toda a alameda. Así que o que bule na túa cabeciña é unha pregunta que seguramente moitos non se fan e que ti queres que eu a poña aquí: quen decidiu que efectivamente aquel castaño estaba morto?. Foi de verdade un técnico?. E a pregunta, segundo ti, ten senso, porque, cando por fin se cortou, ata o menos entendido podía ver claramente que o vello tronco tiña vida, seica, para moitos anos.

E xa está, eu non quería dicir máis, pois xa che dixen que hoxe non era día de críticas, pero ti, teima que teima, veña insistir en que, polo visto, o alcalde díxolles aos da oposición que, segundo informes dos técnicos, alí non había nada que facer: o castaño estaba morrendo e había que cambialo. E ti queres saber onde estaban tales informes e quen os fixo, porque tendo pretiño de nós unha facultade universitaria de estudos forestais, o lóxico é que se acudise a ela, xa que alí están os que, supoñemos, máis saben diso. E non parece que o fixeran. Ti estás mesmo convencido de que seguramente non houbo informe ningún, e a cousa era merecente de ser estudada porque, insistes, aquela árbore non era unha árbore calquera.

Xa cho dixen, non quería falar disto, pero xa que cheguei ata aquí, hei dicir tamén algo que che resultou moi chocante, e confeso que a min tamén. Como é sabido, os concelleiros da oposición creron na palabra do alcalde e non tiveron a malicia de preguntar polo informe pertinente, pero entón apareceron “outros” socialistas que, sen contar para nada cos compañeiros que están na corporación, presentaron pola súa conta no concello unha protesta polo asunto do castiñeiro. Coma se foran unha oposición da oposición. Iso paréceme incoherencia. Non a protesta senón o xeito de facela. Así vai, amigo, a política local e así lle vai á vida vilalbesa. Triste e lamentable.

Pero, meu Antón, fixéchesme estender en demasía, porque eu non quería andar nesta temática. Na carta de hoxe quería falarche dun home, o artesán José da Ferrería con quen andaba eu distraído e ocupado cando me chamaches polo móbil. E quería falarche del, porque andei a matinar na sorte que ten un pobo de que nel habite unha persoa dese valor. Verás: por moi moderna e actualizada que se nos volva a vida, a nosa Vilalba non pode prescindir dunha figura social coma a do José. Posiblemente pase desapercibido para moitos, xa que desta xente non se fala nunca nos xornais e na radio, pero, sen embargo, resultan imprescindibles para quen vivimos nesta sociedade de gran consumo, tamén nunha vila coma a nosa. Ti ben sabes de quen che falo, e sei, Antón, que che comprace que poña aquí o seu nome, pero aos oíntes e lectores teremos que explicarlles de que se trata. Pois ben, todo o mundo sabe que, antes, nos vellos tempos dos que agora son avós, cando mercabamos algún artefacto ou utensilio para uso doméstico, sempre había nas casas alguén, algún manitas, con habilidade dabondo para facer pequenos amaños que eran precisos para que tales aparellos seguisen en funcionamento todo o tempo posible. Agora, iso xa non é así: en moitos casos e en moitas casas xa non hai quen saiba algo tan simple coma cambiar os plomos da luz. Hoxe compramos utensilios, electrodomésticos por exemplo, que, no caso de que comecen a fallar, xa nos parece que non queda outra que desfacerse deles e mercar outros noviños do trinque. E tal cousa é, ás veces, un xeito idiota de tirar os cartos porque son pequenos fallos que, se tivéramos as habilidades de antes, poderiámolos reparar para que durasen moito máis tempo; pero ti ben sabes, meu Antón, que non é así: xa perdemos toda habelencia práctica. E non nos queda máis ca un dilema: ou acudimos ao comercio a mercar o novo, ou, como facemos moitos, chamamos ao José da Ferrería. E, claro, o bo do José non da feito, porque son moitas as casas vilalbesas onde hai sempre alguén que, en tales circunstancias, solta a sentencia inapelable e sensata: “hai que chamar ao José, a ver se pode vir axiña”. E, se por riba, resulta que o tal José é moi honrado, como é o caso, a chamada sempre é produtiva. Por iso quería falarche del nesta carta, e así o fixen. Eu ben sei que te xuntas ás miñas palabras para agradecermos xuntos que exista o José da Ferrería e os que son coma el, aínda que nunca deles se lembren todos os xornalistas.

E con todo isto, a carta saíu longa de máis. Creo que é a máis longa das que che levo escritas. Remato, pois, coas apertas de sempre do teu amigo

Bernardo

A UNED Sénior viaxa ás terras da Ribeira do Douro

Redacción.- 

A UNED Sénior de Xestoso-Cambás xunto co Consello de Anciáns de Momán organizan unha viaxe a Castela e León para coñecer a ruta do viño do Douro os días 15, 16 e 17 de novembro. Esta acción, que se engloba dentro das actividades educativas desta institución chairega, buscará establecer as bases de coñecemento da relación existente entre o viño e a saúde.

A viaxe, que é parte da materia Nutrición e Dietética, percorrerá as terras da Ribeira do Douro con parada en lugares como Silos, onde se visitará o coñecido mosteiro. O prezo desta actividade é de 130 euros e inclúe o transporte en autobús, as comidas e as estancias nun hotel na devandita localidade de Silos. A saída está programada para o luns 15, contra as 7 da mañá e fará parada en Fene, Monfero, Aranga, Xermade e Guitiriz.

12/11/2010

O filósofo Nelson Brissac intervirá este sábado no Look Up! de Porto

Redacción.-

O LOOK UP! Natural Porto Art Show, comandado polo crítico de arte galego David Barro, ofrece unha conferencia do filósofo e profesor Nelson Brissac Peixoto o vindeiro sábado 13 de Novembro ás 18.00 h. no Palacete Pinto Leite, Rua dá Maternidade 3-9, de Porto.

Baixo o título "Intervencións Urbanas - un balance", Nelson Brissac explicará o seu proxecto, Arte/Cidade, de intervencións urbanas na cidade de São Paulo, Brasil. Despois de catro edicións, en diferentes áreas da cidade, Brissac preguntarase se sería posible facer unha avaliación dos seus resultados, cales foron as ganancias estéticas e cales os efectos económicos, sociais e políticos que o proxecto produciu. Así mesmo, o filósofo e profesor realizará unha presentación dos procedementos de organización, técnicos e curatoriales utilizados en Arte/Cidade.

Nelson Brissac Peixoto é filósofo e traballa con cuestións relativas á arte e ao urbanismo. É profesor do Departamento de Comunicación e Semiótica da PUC de São Paulo e organizador, desde 1994, de Arte/Cidade (www.artecidade.org.br), un proxecto de intervencións urbanas en São Paulo. Actualmente desenvolve o proxecto MG/É, en colaboración con escolas e empresas de Minas Gerais e Espírito Santo.

Requiem por un castaño de Indias

Xulio Xiz.-

Eu de pequeño en Vilalba fun seriamente avisado de que baixo ningún concepto podía comer castañas indias dos castaños que había no Campo da Feira. Porque podía quedarme enano para sempre, xa que as castañas non permitían que os nenos medrasen, mesmo que fose unha sóa a que se comese.

Nin que dicir ten que nunca comín unha castaña india, e mira que me gustan as castañas “normais”, pero nunca ousei transgredir aquela norma, que era dogma de fe nun tempo en que o que os páis dicían “iba á misa”, e no que os nenos sabíamos que por riba de todo había que obedecer. Esa prohibición detecteina logo en Lugo, onde tamén había castaños dos chamados de Indias, que producían froitos que non podían ser comidos. E punto.

Os castaños enchían o vello campo da Feira, que iba desde a chamada Carretera ata as antigas Escolas, onde hoxe está a casa do concello. Castaños que desapareceron logo para dar paso a unhas árbores diminutas que tiñan que ser protexida por prismas triangulares de madeiros, para evitar que fosen arrasados polos animais levados á feira. Arboriños que tamén pasaron á historia e que hoxe só son lembranza dos que imos moi maiores.

Hai días entereime de que en Vilalba se cargaran un castaño de Indias, o que provocara unha certa polémica por estimalo de gran valor, e eu tiven que confesar que non tiña a menor idea de que existise, aínda que logo vendo as fotos resulta que si, que aínda que non o percibira moi claramente, sabía onde se encontraba.

Eu comprendo que un castiñeiro é un castiñeiro, e toda árbore merece respecto, pero que o corte dun castiñeiro en Vilalba provoque a atención e a protesta de ADEGA, é verdadeiramente notable, saíndo a relucir que estaba afectado por un fungo, que podería intervir a Universidade de Santiago a través do Campus de Lugo, lembrando que xa desapareceron moitos castiñeiros cando se construíu un aparcamento soterrado, cando eu coido que entre aqueles vellos castiñeiros e a construcción do aparcadoiro debeu mediar como mínimo un cuarto de século.

Cando tiven noticias da corta da árbore, temín que se tratase da pravia, o noso vexetal xigante máis representativo, pero polo que se ve a Pravia goza de boa saúde. Era un castaño, que non deixa de ter importancia, visto está, sobre todo desde o punto de vista político que mesmo provoca – pouco fai falla para que os políticos disintan- disensións entre o PSOE vilalbés, que non ten unha postura conxunta en relación co corte dunha árbore, que se supón é necesaria para poder levar adiante unha importante obra de separación de augas que evitará as periódicas enchentes e avenidas que sofren moitas casas vilalbesas.

Síntoo pola pobre árbore, que consideran centenaria, e daría castañas que nunca comín nin debera comer ninguén por se acaso son tan funestas como din.

De todas maneiras, non poido esquecer algún exemplo que por Lugo se deu hai agora vintecatro anos cando a construcción dos aparcamentos subterráneos. A construcción fixo que se cortasen unhas árbores denominadas “paulonios”, na praza do Ferrol, que se consideraban do maior valor natural. Os paulonios, en fin, plantáronse no parque de Frigsa, medraron, florecen... e durante este case cuarto de século ninguén volveu preocuparse por eles.

Que a preocupación pola natureza nos dure, e non sexa flor dun día.

10/11/2010