Apuntes para un rueiro




Paulo Naseiro


As nosas rúas foi unha sección máis ou menos fixa na traxectoria de papel de A Voz de Vilalba nos anos oitenta. Tiña como obxectivo denunciar o estado, en ocasións lamentábel, dos viais vilalbeses. Non se pode dicir que vinte e cinco anos despois a situación teña mellorado moito –aí están as rúas de Muras ou Foz, o espantoso pavimento da Praza da Constitución fronte á Casa do Concello, etc.- mais parece que, noutros aspectos, algo fomos avanzando.

Daquela, iamos ao mercado pola rúa do xeneral Sanjurjo, case paralela á de José Antonio Primo de Rivera, paseabamos en bicicleta pola do xeneral Mola e baixabamos ao río pola do Alcázar de Toledo, despois de quedar na do xeneral Franco, fronte á Alameda. Tiveron que pasar bastantes anos de democracia para que o rueiro deixara de render homenaxe aos protagonistas do golpe de estado de 1936 pero, á fin, foi posíbel.

Pero, foi? Ficou resolta a cuestión? Sen moito esforzo mental fago un repaso rápido e propoño un diccionario da memoria histórica, comezando polos que sobran:

Nevado Bouza, xeneral un dos protagonistas da rebelión militar n´A Coruña, poeta fugaz e mediocre que obtivo unha cadeira na Academia Galega na peor época da institución, máis pola súa condición de militón de espadón que por unha calidade literaria que lle era totalmente descoñecida. Parece que tiña certos lazos familiares con Vilalba. Será por iso que aínda dá nome a unha das rúas máis céntricas da vila?

López Pérez, alferez. Parece ser que combateu e morreu coa división azul. Xa saben, aqueles homes que foron, algúns por idealismo, os máis porque non lles quedou outra, axudar aos nazis a invadir a Unión Soviética. Ten adicada a rúa que vai entre Conde Pallares e a Praza do Coronel Pena.


González Valdesuso, Luís. Xoven falanxista morto nas primeiras lides da guerra civil, posíbelmente dentro da columna do comandante Manso. De seguro, un rapaz tan idealista como os seus contrincantes, e tan vítima como tantos outros centos de milleiros.

Novo Cazón, José. Alcalde durante a ditadura nomeado, por suposto, dixitalmente. Pasará á historia polo bando no que prohibía as festas do Entroido.

Basanta Silva, Santiago. Entre outros cargos, foi subsecretario de estado de facenda durante a ditadura. Debe ser por iso que dá nome a unha rúa e ao principal centro educativo da vila.

Fraga Bello, acalde. Pois iso, alcalde en dúas ditaduras, na de Primo de Rivera e na de Franco –o primeiro, ademáis-. Tamén pai de Fraga Iribarne, pero iso tampouco xustifica que se lembre no rueiro.

Seguro que me queda algún no teclado, e algúns me lembrarán ao que segue, pero creo que non podo estar de acordo:

Pena, coronel. Se ben é certo que foi o xefe militar dos facciosos en Vilalba no 36, as testemuñas coinciden en que aproveitou a súa condición para, cando menos, suavizar a represión até onde lle foi posíbel. De todos xeitos, o motivo da súa lembranza é moi anterior, pois foi un heroe condecorado na guerra de Cuba.

Os que faltan:

Vilalba debe ser o único pobo ou cidade de Galiza que non lle adicou unha rúa a Rosalía de Castro. Tampouco quixo lembrar a Álvaro Cunqueiro, o grande difusor do capón vilalbés, ou a Clara Campoamor, que conquistou o voto para as mulleres. Amosamos ingratitude cara á República Arxentina e Cuba, terras que acolleron a milleiros de vilalbeses cando aquí non había máis ca fame e miseria. Entre os nosos moitos literatos, algún tampouco mereceu honras, como Antonio Quintela Ferreiro, alma mater do Faro Villalbés e autor de novelas populares de certo éxito na dura postguerra. En fin, a lista sería demasiado longa.

Terían os meus amigos Tito, Elba e Xosé Manuel, voceiros dos tres grupos municipais, un ratiño para sentar a tomar un café e discutir amigábelmente sobre estes cambios que xa tardan de máis?

24 de mar. de 2008

1 comentários :

  • O xeneral Nevado Bouza era un asasino, que non dubidaba en executar aos seus propios homes. Aos responsables de crimes contra a humanidade, señan fascistas ou republicanos, nin rúas, nin homenaxes, senón ignominia e vergoña eterna. FORA NEVADO BOUZA DO RUEIRO DE VILALBA!!! Noraboa polo artigo.

    29 de marzo de 2008, 20:54

Danos a túa opinión