25 de abril, sempre!


Paulo Naseiro

A Europa dos últimos tres séculos é a era das revolucións populares, dende aquela que consagrou os principios da liberdade, a igualdade e a fraternidade e os dereitos do home, até as diversas revoltas “de veludo” que botaron abaixo os reximes comunistas do leste continental en 1989.

Semella que os europeos non vivimos cómodos nas marxes da democracia, nos campos ermos da ausencia de liberdades, do autoritarismo e o populismo demagóxico. Non o estaban os húngaros que en 1956 anceiaban un socialismo democrático, de face humana, logo das sucesivas opresións fascista e estalinista. Tampouco os checos e eslovacos que adiantaron a primavera de 1968 ao mes de xaneiro. Nos dous casos, os desexos de liberdade remataron esmagados por tanques rusos.

O Portugal de 1974 era un país pobre, atrasado e periférico, cuns dirixentes empeñados en manter a todo custe, nomeadamente máis de 200.000 soldados mobilizados e a maior parte do orzamento nacional, un imperio colonial que se extendía “do Minho a Timor”. A longa ditadura de Antonio Oliveira de Salazar, primeiro, e de Marcelo Caetano nos anos finais do rexime, mantiña un férreo control da oposición a través da temíbel policía política, a DXS-PIDE, e atrancaba calquera posibilidade de progreso e democracia.

E os tanques, por unha vez, cambiaron de bando, colocaron cravos vermellos nas súas bocachas de fogo e derrubaron o rexime en a penas 17 horas. O exército, que semellaba o máis forte bastión do salazarismo, converteuse no seu liquidador. Máis ben, algunhas ducias de oficiais fartos de “matar pretos” nos matos de Angola, Mozambique e a Guiné, e concienciados de que as forzas armadas deben estar ao servizo do pobo, das liberdades, da democracia. Como ben o expresou o inmortal Zeca, o povo é quem máis ordena.

O 25 de abril de 1974 Portugal cambiou para ben, e fíxoo para sempre. Non se acadou a democracia socialista que arelaba unha parte daqueles oficiais revolucionarios, pero o consenso en torno a unha democracia plena foi instalándose na consciencia do país. O Portugal libre cumpre 34 anos mergullado nunha seria crise económica, pero ninguén discute que agora se vive mellor que baixo a bota do feixismo criminal (que diferenza coa cantata que aquí algúns repiten sen vergoña de que “con Franco se vivía mejor”).

Estes días tivemos en Galiza ao protagonista fundamental da Revolución, o daquela maior Otelo Saraiva de Carvalho, que foi o encargado de deseñar e dirixir dende o posto de comando da Pontinha, en Lisboa, as operacións militares. Un home inxustramente perseguido, que pasou cinco anos na cadea en rexime preventivo, sen chegar a ser acusado xamais polos vencellos que unha campaña intoxicadora do poderoso Partido Comunista Portugués lle atribuíu cun grupo terrorista de ultraesquerda, as FP25, e hoxe rehabilitado só a medias: mentres algúns dos capitáns de abril ostentan estrelas de xenerais, Saraiva a duras penas recuperou a condición de tentente coronel reformado. Pero o que ninguén lle pode quitar é a condición de mito, reforzada pola súa disposición a non venderse a ninguén, de ir por libre e falar alto, pese a quen pese.

Un exemplo para os que amamos a liberdade.

Para saber máis:
Associaçao 25 de abril
Centro de documentaçao do 25 de abril. Universidade de Coimbra
Otelo Saraiva de Carvalho na Wikipedia


24 de abr. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión