Os pais do CEIP Insua Bermúdez, plántanse diante da incompetencia




Redacción

Sen convocatoria formal, de maneira espontánea, un cento e medio de pais e nais de alumnos do CEIP Ínsua Bermúdez xuntáronse en asemblea ás 9:45 desta mañá, coa indignación polo accidente ocorrido onte en primeiro plano.

Unha pouco fructífera explicación dos técnicos responsábeis, convocados no mesmo momento por acharse nas instalacións do centro, provocou escenas de protesta ante o que, segundo moitos dos presentes, era unha actitude de "pasarse a bóla uns aos outros".

O responsábel de seguranza da obra, incluso, chegou a dicir que a súa competencia era únicamente a seguranza dos obreiros, o que provocou iradas protestas dos pais e nais.

Finalmente, a asemblea acordou trasladar un escrito á Consellaría de Educación, reclamando a suspensión inmediata das obras deica final do curso, o remate total das reformas entre esta data e o 31 de agosto ou, no caso de que non sexa posíbel, o traslado dos alumnos a outros centros, para garantir o dereito á educación dos pequenos, adoptando o acordo de non enviar os nenos ao colexio en tanto a Consellaría non garanta o cumprimento destas reclamacións.

Asimesmo, foi nomeada unha comisión de nove persoas, co fin de entrevistárense o antes posíbel co Delegado Provincial de Educación para trasladarlle estas inquedanzas e esixirlle un informe técnico sobre o accidente de onte.

Os pais e nais reunidos, asimesmo, botaron de menos a presencia dos directivos da ANPA do centro, criticando fortemente a que consideraron "total falta de interese".

A comisión de pais e nais celebrará a reunión solicitada co Delegado mañá ás 11:30 horas na sé provincial da Consellaría. Mentres tanto, tres dos membros da devandita comisión tiveron ocasión de trasladarlle algunhas das cuestións a tratar hoxe ás 13:30 horas nunha reunión improvisada celebrada no Concello, en presencia do alcalde vilalbés.

Mañá ás 20:00 están convocados todos os pais e nais de alumnos a unha asemblea no comedor do CEIP Ínsua Bermúdez para analisar os resultados da reunión coas autoridades educativas, e decidir as medidas a seguir en consecuencia.

28 de maio de 2008

2 comentários :

  • Eu estiven na reunión desta mañá cos técnicos e foi penoso ver como se pasaban a pelota uns ós outros. Foi noxento, sobre todo cando un deles dixo que el só tiña que garantizar a seguridade dos obreiros. Con técnicos así non me estraña que todo sexa unha chapuza. Hai que dar gracias a Deus que non pasara nada. E a profesora merece un recoñecemento, por salvarlles a vida ós pícaros.

    28 de maio de 2008, 18:38

  • ¿Donde está, que no se ve, el presidente de la APA? Es inconcebible. ¡Dimisión YA!

    28 de maio de 2008, 18:40

Danos a túa opinión