Cartas a Antón

A Voz de Vilalba prézase de comezar a publicación das cartas a Antón que o noso colaborador e profesor de socioloxía da USC Bernardo García Cendán difunde todos os venres dende a emisora Cope Vilalba. Estes comentarios adoitan tratar temas de actualidade na vida local e global, en forma de correspondencia que o autor mantén con Antón, un vello amigo perspicaz e dotado desa intelixencia popular tan sensíbel. AVV

Bermardo García Cendán

Meu amigo Antón:

Gustaríame responderche ao que tantas veces me tes preguntado e que onte mesmo volviches facer: andas interesado en saber como reparte o Concello as axudas e subvencións ao mundo da cultura en Vilalba. Como eu non tiña idea, fíxenme co documento da orde onde constan as bases para o seu reparto, e logo tratei de ver a súa aplicación práctica.

Confésoche que non entendín nada. Por exemplo, un dos criterios é, segundo está escrito, a colaboración co Concello que teñen as diferentes institucións. Colaboración con concello é algo que, dito así, enténdese máis ou menos por onde van os tiros; pero o que non explican é en que consiste esa colaboración en concreto. Así que, loxicamente, cando vexo a súa aplicación práctica no reparto das axudas, atópome con que o Instituto de Estudos Chairegos ten un cero redondo nese apartado de colaboración, algo que me parece moi estraño porque, que eu saiba, esa entidade nunca se negou a colaborar. Ao contrario, paréceme que sempre buscou facelo, e máis dunha vez eu mesmo, como membro do IESCHA, coincidín con alcalde e concellais en diversas actividades. O do cero patatero, xa que logo, non se entende

Agora ben, se a colaboración co Concello quere dicir que os membros das asociacións, ou das directivas das mesmas, teñen que pertencer ao PP, entón, efectivamente, o Instituto de Estudos Chairegos non pasa do cero, claro. Como non o aclaran, non sei se é esa a condición para sermos tidos en conta. Pero collamos outros casos: por exemplo. ao chamado Moto Club Terra Cha (que non sei o que é) outórganlle cinco puntos, de seis posibles, nese apartado de colaboración con Concello, e, como consecuencia, recibe en subvencións 1.600 euros, mentres que o Instituto de Estudos Chairegos quédase na vergoña de 600, bastante menos da metade. E xa me dirás ti, meu Antón, quen contribúe máis ao eido da cultura: unha asociación de moteros, dos que ignoro a actividade, ou unha institución que leva editados varios libros referidos á nosa vila. Paréceche normal?. E que conste que non teño nada contra os moteros, faltaría máis, pero todo ten unha xerarquía, non?. Será que os da moto son do PP? Como eu non os coñezo, non podo afirmar esa pertenza.

E aínda che vou poñer outro caso. A min paréceme formidable que o Concello contribúa con 3000 euros (medio millón de pts) á subsistencia desa Coral Vilalbesa que levo na alma porque contribuín a que se fundara e da que sigo con paixón os seus progresos. Pero o que non sei é por que, no apartado de colaboración con Concello lle atribúen 8 puntos cando o máximo tiñan que ser seis: por qué fan trampa?. Tampouco teño moi claro que esta nosa Coral colabore máis co Concello do que o fai o Instituto de Estudos Chairegos.

Gustaríame, meu Antón, poder responderche de xeito máis preciso á túa pregunta sobre o xeito de repartir as subvencións á cultura, pero non podo porque non chego a entender nin a definición dos criterios nin moito menos a súa aplicación. Para que te quedes con fame de saber algo desta confusión, vouche poñer un ou dous exemplos máis: a agrupación musical chamada Entre Lusco e Fusco recibe 1.200 euros de subvención, e paréceme moi ben, pero non entendo por que outra agrupación do mesmo estilo á que lle chaman Asociación Cultural Andrade recibe só 500, bastante menos da metade. E non creo que as cantareiras deste grupo se neguen a colaborar co Concello sempre que as chamen. Por qué a diferenza?. Espero que mo expliquen, pero supoño que non o han facer. Como tampouco me explicarán o motivo polo que un colectivo chamado Mulleres Rurais Amencer recibe máis ca ninguén, 1.800 euros, porque a súa puntuación de colaboración con Concello acada os 8 puntos, cando o máximo que se podería outorgar, como xa deixamos dito, non debería pasar de seis. Repito, por que fan trampas?

En todo o que levo escrito, amigo Antón, non fixen máis que comentar un dos criterios que utilizan para dar as subvencións, o que lle chaman de colaboración co Concello. Tamén hai outros criterios que aínda entendo menos, pero non me vou deter neles porque esta carta xa é longa dabondo. Pode ser que o conxunto de tódolos criterios explicasen algo máis, pero, se vemos os resultados finais tan surrealistas, iso quere dicir que tales criterios non valen ou non están ben aplicados. Mesmo é posible que non os entendan nin os que os deseñaron. En todo caso, se resulta indubidable que o Instituto de Estudos Chairego é a institución que máis está contribuíndo á dignificación da vida cultural vilalbesa, non se explica que a subvención que se lle proporciona polo Concello se reduza á miseria de seiscentos euros. Isto, ao meu ver, é un insulto. E eu ben sei, Antón, que tanto ti coma min non desexamos quitarlle un céntimo ás demais institucións que traballan pola cultura – pena que non existan máis – pero non parece que haxa un bo reparto das axudas. Dignarase o Concello dar algunha explicación? A xulgar pola experiencia, supoño que non, pero ti tes o dereito de preguntar e eu teño o deber de transmitir a túa pregunta.

E xa vai ben por hoxe. Nunca che escribín unha carta tan chea de cifras, o que resulta ben pesado, pero algunha vez tiña que ser así.

Unha aperta do teu amigo

Máis información sobre Bernardo García Cendán na Bibliografía Chairega.

13 de xuño de 2008

4 comentários :

  • Pois ben que presume o Sr. Alcalde cando vai a algún acto do IESCHA. Creo que tes razón no tema da colaboración co Concello. Eles deben entender que a entidade que reciba os cartos debe estar ao dispor do grupo de goberno, porque o Concello somos todos. E direille tamén ao teu amigo Antón, por si ve o meu comentario, que no IESCHA hai dabondos militantes do P.P. como para que a axuda, da maneira que eles parecen entendela, fora maior.

    13 de xuño de 2008, 10:23

  • la cacicada como siempre..........
    si eres del PP lo tienes todo
    si eres de otro partido q te j....
    así funciona todo en vilalba,
    a mi personalmente no me importa quien gobierne,
    pero ya es hora que haya un cambio en este pueblo
    y que se deja tanta mariconada y tanto cacique
    saludos !!

    15 de xuño de 2008, 19:33

  • Eu non sei si en Vilalba a xente ten que deixar pasar anos e anos e anos, para se dar de conta de que a vida dos Vilalbeses, (do Concello enteiro),está coroada pola Gaivota que emerxe no anagrama do PP, son estes os que deciden todo o que se pode ou non mover, o estrano é que a cousa é de sempre, e todos sabemos o que isto conleva.
    O que me enche de carraxe é que xente supostamente progresista se manifeste agora, neste tempo presente, cando xa hai tempo que se podía ter dado a coñecer a súa postura política, axudando a que tivese habido un troco de política no Concello.
    Creo que ten moito que ver este repentino mostrar, tíbio ainda, có cambio de goberno na Xunta.
    Agardo que saian máis e que esto contribuia a que nas seguintes eleccións locais, seña postulado un alcalde con siglas diferentes ao partido que estamos sometidos.
    Si queremos ter cambio é necesario que esa xente oculta, polo que seña, non só se mostre senon tamén que se molle e axude coa súa oposición ao actual goberno, sendo belixerante con críticas contumaces e que creen un estado de opinión, que efectivice o ar novo que respirar, pois este xa nos está afogando.

    19 de xuño de 2008, 17:39

  • Quero mostrar a miña felicitación por esta gran carta que moitos desexaríamos escribir dende fai tempo coa mesma facilidade que fai este gran contador de contos como é Bernardo García Cendán, e desexarlle que siga tendo a coraxe e a gallardía de denunciar as cousas que vexa mal nun lugar tan difícil como é Vilalba, onde acabas sendo perseguido e menospreciado, como queda demostrado neste reparto de subvencións e outras moitas cousas que se poderían contar aquí, senon dobras a cabeza ós señores do Poder Popular. Decir que existen documentos públicos que rubrican o que dice Bernardo por si alguén dubida da autenticidade da carta.
    Por outra parte non creo que esta denuncia teña nada que ver co momento de goberno na Xunta posto que o autor, aínda que home galeguista e de esquerdas, non é dubidoso na súa independencía partidista, como él dí só ten compromiso ca súa igrexa.

    24 de xuño de 2008, 14:39

Danos a túa opinión