Festival Internacional de Animación "Mundos Dixitais"


Redacción

O Festival Internacional de Animación Mundos Dixitais, que se desenvolve na Coruña do 1 ao 5 de xullo, proxectará un total de 216 curtametraxes procedentes de 35 países. No marco deste evento, o Clúster Audiovisual Galego promove o I Foro da Industria de Animación, FIA-Galicia 2008, que se celebra o 2 e 3 de xullo na sede da Fundación Caixa Galicia.

Mundos Dixitais acollerá multitude de mesas redondas e encontros profesionais que se artellarán ao redor de dúas temáticas: animación, efectos sonoros e videoxogos, por unha banda, e arquitectura dixital por outra. Neste sentido, ademais de obradoiros e conferencias, o encontro internacional Mundos Dixitais tamén contará coa entrega dos Premios 3D Awards, os máis prestixiosos no ámbito da arquitectura dixital e cuxo tema central virará ao redor da Torre de Hércules.

Coa celebración deste evento, a cidade herculina converterase durante unha semana no punto de encontro dos profesionais máis destacados na creación dixital, o cine de animación, os efectos especiais e os videoxogos. A crecente importancia deste certame, considerado como un dos máis importantes do mundo no seu sector, conseguiu duplicar os rexistros de participación en só un ano, e ampliou a súa área de influencia ata países como Taiwan, India, Finlandia, Indonesia, Corea do Sur, Nova Zelandia ou Israel, entre outros.

A organización contemplou, ademais, unhas xornadas de "recrutamento", que se desenvolverán ao longo das distintas xornadas de Mundos Dixitais e nas que as empresas líderes no mundo da animación como Bren Entertainment, Dygra Films, Genoma Animation ou El Ranchito poderán manter encontros one to one con profesionais e estudiantes, co obxecto de achegar ideas novas e promover sinerxias.

1 de xul. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión