A poesía de Miguel Barrera dase a coñecer en Madrid


Moncho Paz

O poeta chairego Miguel Barrera (Vilalba, 1964) publicou recentemente varias das súas composicións no primeiro número de Cartapacio, "Revista Literaria de la Sierra Norte". Residente en Madrid dende comezos da década dos noventa, Barrera é na actualidade un dos membros do grupo Bilbao, integrado por poetas galegos afincados na capital do Estado español, como Vicente Araguas, Fermín Bouza, Manuel Pereira Valcárcel, Xavier Frías e o tamén vilalbés Rafael Yañez Jato, entre outros.

A obra de Barrera recibe unha notable influenza do vilalbés Xosé Luís García Mato, ainda que tamén bebe de moitas outras fontes, dende Hölderlin a Manuel María, pasando por Vicente Aleixandre, Méndez Ferrín, Suso de Toro e as vangardas do século XX, especialmente Manuel Antonio.

Fillo da contracultura e rebelde con causa, na creación poética de Barrera predomina o emprego do verso libre, de aí que nos atopemos ante unha poesía espida, na que as imaxes obedecen a elementos da natureza, sen ser algo etéreo e procurando buscar as verbas no seu estado virxe, no seu estado natural. No ano 1993 publicou Loita de silencio, un libro de “versos cheos de poder suxeridor” ante os que “o lector sensible, ao dar con esta poesía, tan sinxela e directa, quedará impresionado”, segundo a definición de Manuel María (El Correo Gallego, 10 de xullo de 1993). O seguinte poemario de Barrera ve a luz en 2006: Poemas do tempo silenciado, incluido na colección Biblioteca Chairega editada polo IESCHA.

Agora sorpréndenos cos seus versos en Cartapacio, onde un grupo de atrevidos amantes das letras e de noites en vela se xuntan para intercambiar pensamentos, como apunta a coordinadora da publicación, Eva Pastrana. “Cisne de xuño”, “Poesía”, “Bico” e “Un sorriso teu atravesa o aire” son as composicións en galego que aparecen neste primeiro número da revista madrileña, coa súa correspondente traducción ao español por parte do autor chairego. Outros poetas e creadores que colaboran neste primeiro número da publicación son Lola Ruíz, Sara Muñoz, Ana Carranza, Paul Gladish ou Nerea González.

5 de set. de 2008

1 comentários :

  • Nora boa a Miguel Barrera por seguir a sumar exitos no complexo e complicado mundo das letras.
    Mereceo por constancia e aprendizaxe, e sobre todo por facer Patria da literatura.
    Inda que lonxe, en Madrid, non esquece o Idioma que tan denostado está a ser por aqueles que só pensan no Imperio Castelanizante.
    Grazas Barrera.

    7 de setembro de 2008, 13:25

Danos a túa opinión