"As vítimas, os nomes, as voces, os lugares" , un proxecto a prol da memoria histórica


Redacción

Máis de 300 lugares de toda Galicia foron escenario da represión franquista entre 1936 e 1939. O proxecto de investigación “As vítimas, os nomes, as voces, os lugares”, que a Consellería de Cultura e Deporte e as tres universidades galegas desenvolven desde 2006, ten entre os seus obxectivos fixar cales son eses lugares da represión: contabilizáronse xa 305 espazos que foron escenarios de fusilamentos e de paseos, cárceres, edificios nos que se practicou a tortura e lugares de enterramento. Entre estes últimos, o proxecto de investigación conta cunha relación de 26 foxas, ás que hai que engadir 11 puntos da zona costeira nos que se realizaron fondeaduras de cadáveres.

A conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo -na fotografía- e o catedrático de Historia Contemporánea e director do proxecto, Lourenzo Fernández Prieto, presentaron un novo avance dos resultados do proxecto científico. A investigación procura recuperar toda a información sobre a represión franquista entre o 36 e o 39. Por unha banda estanse a contabilizar e identificar as persoas que a sufriron, e por outra recupérase documentación de todo tipo sobre a represión e as voces das vítimas e dos seus familiares. Por último, búscase establecer cales foron os escenarios desa acción represiva en Galicia.

Polas catro provincias galegas espállanse os espazos nos que se escenificou a represión. Esta foi especialmente intensa nas cidades e vilas costeiras, pola maior actividade política e sindical que existía nelas. Isto explica que, xunto á presenza de foxas comúns, en Galicia tiveron especial relevancia as fondeaduras en diversos puntos da costa, arroxando cadáveres ao fondo do mar, como unha particularidade das formas da represión no noso país.

O traballo desenvolvido permite cifrar en 3.588 as persoas que morreron vítimas da represión franquista entre o 36 e o 39. Entre eles atópanse 224 persoas que figuran nos rexistros como “descoñecidas”. A isto hai que engadir que en moitas das 352 entrevistas persoais realizadas no proxecto afírmase a existencia doutras persoas desaparecidas. As vítimas mortais son só parte das 14.643 persoas represaliadas en Galicia, contabilizadas a partir do estudo das causas militares, rexistros civís, bibliografía especializada e entrevistas a vítimas e familiares.

Xunto cos obxectivos de establecer relacións completas de vítimas e lugares da represión, o proxecto "As vítimas, os nomes, as voces, os lugares" procura recoñecer as voces dos represaliados do réxime franquista, de forma que o seu testemuño chegue ás novas xeracións de galegos e galegas. Para iso estase constituíndo un fondo oral e un fondo gráfico e documental con documentos dixitalizados. O fondo incorpora material fotográfico e cinematográfico, documentos escritos e outros materiais.

O proxecto afronta entre 2008 e 2009 a súa terceira fase de execución. Este programa encádrase no esforzo da Consellería por recuperar a memoria e dignificar os represaliados galegos. Nesta mesma liña, Cultura declarou o 2006 como Ano da Memoria, e dende entón emprendéronse múltiples actividades que teñen como obxectivo investigar o ocorrido en Galicia tralo golpe franquista, divulgar eses feitos e homenaxear o labor de todas as persoas que sufriron a represión. Cultura conta ademais cunha liña específica de subvencións a asociacións e institucións culturais para actividades a prol da recuperación da memoria histórica.

3 de set. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión