A campaña de Xuventude sobre programas europeos estará en Vilalba o vindeiro mércores


Redacción

Con motivo da Semana Europea da Xuventude -do 3 ao 9 de novembro- a Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia vai levar a cabo en institutos e concellos unha campaña de divulgación e información sobre os programas europeos para a xuventude, e especificamente, sobre o programa Xuventude en Acción.

A campaña divulgativa consistirá na posta en marcha dun autobús-escola, que percorrerá diferentes centros e concellos. O bus estará decorado con motivos alusivos ao programa Xuventude en Acción, e preparado con vídeo, plotters explicativos, folletos informativos e máis coa presenza de técnicos para achegar este programa á mocidade.

O autobús-escola realizará visitas a institutos polas mañás. Estará dentro dos institutos para que sexa visitado polo alumnado que o desexe e organizarase unha xornada de información sobre o programa Xuventude en Acción, co paneis de experiencias das principais accións, para o alumnado de primeiro e segundo de bacharelato. Disporase ademais dun panel de experiencia de mozos e mozas que xa participaron nalgún intercambio, iniciativa xuvenil ou servizo de voluntariado europeo.

Polas tardes, o autobús trasladarase até algún concello, onde, a través de anuncios e das oficinas de información xuvenil, os mozos e mozas do concello e da zona, interesados no programa, poderán informarse dentro do propio autobús e da carpa instalada a carón e condicionados para iso. En Vilalba estará o mércores 5 de novembro, na Praza da Constitución, de 17 a 19:30 horas.

3 de nov. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión