Cartas a Antón [179]



Bernardo García Cendán


Lugo, 21 de nov do 2008

Meu caro Antón:

Xa vexo, meu amigo, que non te avisaron, pero non te amouques porque xa somos dous. A min tampouco me dixeron nada. E ti, por certo, nunca cantaches na Coral Vilalbesa, eu si; ti non fuches dos fundadores aló polo 62, eu si. Ti non te ocupabas de dirixir barítonos e baixos, eu si. Ti non suaches a gota gorda, no verao, metido naqueles locais que os Guntín ocupaban na praza, fronte á igrexa, para aprendermos O Consolo. Eu si pasei quenturas compartidas co Goldar e con Alfonso de Burgás que en paz descanse. E co Toñito Paz, por exemplo, do que algún día cómpre falar. Así que, Antón, non te queixes de ter que saber polo xornal, a toro pasado, que A Coral Vilalbesa reuniuse en plano de festa para outorgarlle unha homenaxe, seica moi sentida, ao noso amigo Pepe Roca, quero dicir, ao noso Roquiña de sempre. Eu tamén che confeso que sentín non ter sido avisado porque, aínda que agora non podo cantar, síntome dalgún xeito pertencente á Coral e tento seguir os seus avatares, para gozar dos seus éxitos e animar canto podo se, por momentos, a cousa decae. Por certo, cando han volver os moitos que estiveron e aínda cantan moi ben?. Pero, máis que pola Coral mesma, lamento especialmente, neste caso, non o ter sabido porque faría o posible por estar e loar coa miña presenza a figura do Roquiña, un auténtico paradigma de músico popular e entusiasta que eu fun admirando ao longo da miña neneza e adolescencia e que agora aínda suscita no meu interior esa nostalxia cuasi-romántica que os que xa temos anos demais non confesamos, por pudor, pero que revive, sen pedir permiso, cando a ocasión se presta. Xa sabes, Antón, que os do teu tempo, e tamén do meu, non podemos esquecer aqueles sábados nos que pola tardiña se cortaba o pelo ao son dunha habanera froito dun Mato, facíanse zapatos con melodía dun valls do Manolo do Longo ou se acariñaba a madeira dun moble en construción ao ritmo da xota da Romaxe de Tardade. Fermosa mocidade na que viviamos a vida vilalbesa baixo o imperio, por unha vez agradable, do do-re-mi-fa-sol con mandolina. Non se concibe o Roquiña sen os seus remates agudos de tenor indiscutible na Misa de Perossi, e moito menos sen o seu saxofón nas mans. Supoño que aínda se derrete de satisfacción cando escoita a sonoridade tibia, acariñante e case humana dese instrumento nas mans dos seus netos que, por fortuna, tamén aman a música.

Vivir nun pobo pequeno sempre tivo as súas dificultades das que tanto lles comprace falar aos sociólogos, pero tampouco se privan estes estudosos de loar o moito que ten de positivo. Porque nun ámbito comunitario a xente ten rostro, ten nome, ten biografía, e ademais, en cada persoa, amoréase unha chea de lembranzas que son, en substancia, a transparencia dese colectivo que todos formamos. Isto é algo que ti, Antón, me repites a cotío, e seguramente tes razón cando te laias de que non facemos dabondo para que ese nome persoal, esa figura que se nos fixo tan próxima, eses pequenos protagonismos cos que se foi fiando o tecido da nosa historia local saian á luz algún día e teñan o seu momento de gloria para gozo de todos nós. Como é, por exemplo, o caso do Santiago G.Cillero que aínda fai fermosas cancións non editadas. Ou como é o caso, agora, do Roquiña. Non che estrañe, pois, meu amigo, que eu aproveite as túas pícaras observacións e as túas reprimendas de cabreado veciño para poñer nestas cartas as referencias que ti non queres deixar que se perdan no río terrible do silencio. Curiosamente, non hai moito falábasme de que ninguén lle agradeceu publicamente ao Carlos G. Osa que tivese a valentía de emprazar na indiscutible dereita vilalbesa o contrapunto dun partido nacionalista de esquerda. E agora é momento axeitado, insístesme, de poñer en alto o nome de Martín que, nese mesmo ámbito hostil, foi quen de ir sementando paseniñamente, con anos de esforzo, unhas ideas socialistas que, esperemos, non sexan deturpadas por intereses espurios. Pois ben, meu Antón, eu tampouco quero que o silencio rele os méritos destas persoas, porque estou seguro de que non haberá vilalbés ben nacido que, aínda que non chegue nunca a darlles o voto, non recoñeza a importancia de ter alternativas, porque tal é riqueza da variedade que toda intelixencia normal acepta e aplaude.

E xa vai ben por hoxe. Cando comecei a escribir non agardaba unha misiva tan longa. Cóidate e non deixes de amolarnos coas túas andrómenas. Unha aperta. Bernardo

22 de nov. de 2008

4 comentários :

  • Como lector habitual celebro o regreso de Bernardo. Parabéns a todos pola web

    22 de novembro de 2008, 10:05

  • Gracias Bernardo por volver a escribir algo para todos nós.

    Gústame moito que sempre recordas a esas persoas que tanto fan pola nosa vila, fixándote non só naquelas persoas que son coñecidas en todas partes, senón tamén en aquelas que sin ser tan coñecidas (pode que tan so en entre nós, os veciños), tanto teñen colaborado a facer mellor a vida de todos nos.

    24 de novembro de 2008, 00:37

  • Sin lle quitar méritos a Carlos G. Osa, que ten moitos, coido que non e froito dunha soa persoa o ter presencia nacionalista no concello de Vilalba.E máis coido que non se lle debera facer ningunha homenaxe a ninguén por tal cousa.A política non se fai para paparolas, senon para todo o contrario, desartellar os máis mínimos indicios de clientelismo.Non entendo eu que se lle fagan homenaxes a quen loita pola idea, así pois Suso Gayoso, ten unha Praza por ser un político,Manuel Fraga outro tanto, e mesmo Pepe Apenela indirectamente tamén o é, así como Rouco Varela.
    Eu sempre coidei que son os políticos os que teñen que homenaxear ao pobo, pois son o que son gracias aos nosos votos.
    Outra cousa é por exemplo Lois Peña Novo, que foi represaliado, mesmo Don Vicente Peña que foi un Alcalde moi Honrado e a quen se lle deben moitas acción fundamentais no seu mandato.
    Claro que si se ten en conta como é este concello, todo aquel que se opoña á política suicida do mesmo, ten máis que mérito, e é nese senso que hai que felicitar a quen a práctica de ser alternativa o leva a un estado de mérito.

    Por unha Vilalba progresista sen complexos.
    Vilalbés Irmandiño

    24 de novembro de 2008, 12:04

  • Pois un servidor tamén foi membro da Polifónica e tampouco me avisaron, claro que tampouco tiñan porqué, pois por anunciada a actuación non quedou,que até puñeron un letreiro, por certo ben grande e vistoso cós datos precisos para ir ao Auditorio a escoitar as catro agrupacións que alí estiveron.Penso que Roquiña mereceu o agasallo que recibeu, por certo moi emocionadamente, e que eu preguntei o que era, simplesmente unha foto enmarcada coa formación da Orquestra NUEVA LIRA.Non me acordo o ano que me dixeron pero coido que dos anos 40.Así pois, só se trataba de ir aquel día ao Auditorio, pois o agasallo foi de sorpresa.

    26 de decembro de 2008, 11:48

Danos a túa opinión