Dentro duns anos xa non teremos herbas, nin toxos, nin xestas, nin mirto, nin buxo... Dentro duns anos todo estará adornado de plumeiros (cortaderia selloana). É unha mágoa transitar pola autoestrada -poño por caso a A9- e comprobar como a mediana está cuberta de plumeiros: ollas cara a beira e… que ves? Plumeiros e máis plumeiros.
Nun comezo os plumeiros até podían parecer bonitos ou atractivos. Hei de recoñecer que, hai máis de vinte anos, téñome parado en ocasións no arcén para recoller os “plumachos”, que despóis servirían de adorno no salón da casa. Claro que agora o sorriso se me ten transformado nunha especie de noxo e a expresión da miña face xa non é a mesma; explico a continuación os motivos do meu cambio de parecer.
En primeiro lugar, porque esta planta medra envolvendo ás demais, á nosa vexetación autóctona, sepultándoa, facéndoa esmorecer. Ademais, para arrincala -manda truco colega, a distinguirás ben se a coñeces- terás que utilizar un sacho para sacar as raíces, pois non vale cortala, que volta a medrar, e o rizoma -raíz- é considerable; non se che ocorra a idea de deixala pousada no chan, pois resucitará. Por outra banda, nas que xa son adultas é preciso incluso o emprego de maquinaria. E, para rematar, hai que ter moito ollo coas fermosas e verdes follas, que son dentadas e cortan, polo que hai que empregar protección adecuada.
Parece ser que houbo algún responsable “espabilado” que debeu matinar o boas que eran estas plantiñas e colgouse algunha medalla; gustaríame coñecelo para que aportase solucións reais, e senón colgarlle eu a medalla nun sitio que ben me sei. Urxe que se tomen medidas para frear -e curar- á nosa terra desta epidemia asasina vexetal, antes de que se convirta en pandemia. Alguén me escoita?
0 comentários :
Danos a túa opinión