O presente libro editado polo Consello da Cultura Galega, trata de xuntar a labor levada a cabo por varios investigadores, fundamentalmente do eido filolóxico, que teñen abordado a traxectoria do galego na prensa de inicios do século XIX. Labor que se veu desenvolvendo dun xeito fragmentario e, en ocasións, illado e que agora trata de recopilarse nesta obra, unha das máis senlleiras ata o de agora no seu xénero. Foi sobre todo grazas ás descubertas en bibliotecas e arquivos privados que se fixo posible que de cando en cando as revistas científicas trouxesen á luz documentos en galego destas épocas escuras e que permaneceran inéditos ou longo tempo ignorados. Algúns ata levaban máis dunha centuria durmindo no fondo das gabetas. Trátase en calquera caso de documentos que veñen sendo, en moitos casos, non só de grande importancia para a historia da nosa lengua, senón tamén para a historia da comunicación en Galicia. A edición dos textos correu a cargo de Ramón Mariño Paz e a coordinación foi levada a cabo por Rosa Aneiros Díaz. No que atinxe ás notas histórico-biográficas, engargouse X. R. Barreiro Fernández. Ademáis, cómpre salientar que o libro está accesible gratuitamente para todo o público, pois pode descargarse da web do CCG ou no enlace seguinte.
Pica aquí para descargar Papé’s de emprenta condenada. A escrita galega entre 1797 e 1846.
0 comentários :
Danos a túa opinión