Redacción
Incrementar a produción e a promoción de obras audiovisuais en lingua galega, dirixidas principalmente ao público infantil e xuvenil, é o obxectivo fundamental do acordo que veñen de asinar a Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Compañía da Radiotelevisión de Galicia (CRTVG). A secretaria xeral de Política Lingüística, Marisol López, presentou onte en Compostela estas novas producións audiovisuais financiadas polo seu departamento, nun acto no que tamén participaron o director xeral da CRTVG, Benigno Sánchez, e o director de Comunicación e Relacións Públicas de El Corte Inglés, José Manuel Blanco.
Esta colaboración fixo posible, entre outras accións, a saída ao mercado nestes días de novos produtos audiovisuais en formato DVD que se distribuirán a través de expositores instalados en 177 puntos de venda de toda Galicia, entre centros comerciais, librarías e outros establecementos, e que tamén se poderán adquirir na páxina web da CRTVG.
Por unha banda, os espectadores poderán atopar no mercado oito títulos de películas dobradas ao galego pola TVG; tamén se distribuirán en formato doméstico a serie Planeta Fantasía, a longametraxe Os vixilantes do Camiño e a serie documental Historias de Galicia.
No devandito acordo de colaboración, a CRTVG comprométese a realizar todas as xestións necesarias para a produción, promoción e xestión de dereitos de propiedade intelectual e industrial, entre outros, dos produtos audiovisuais mencionados, así como a difundir informacións relativas a esas obras. Mentres tanto, Política Lingüística adquire o compromiso de facilitar apoio e asesoramento técnico en materia de aspectos lingüísticos e terminolóxicos relacionados coas iniciativas comprendidas nos convenios.
Entre os títulos que se distribuirán en DVD en preto de douscentos puntos de venda de Galicia, figuran a serie documental Historias de Galicia, unha produción da TVG patrocinada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística que obtivo numerosos recoñecementos e na que se fai un percorrido polos acontecementos máis relevantes sucedidos en Galicia ao longo dos séculos. Ademais, o popular personaxe infantil Xabarín é o protagonista da longametraxe Os vixilantes do Camiño, e a serie Planeta Fantasía convida a facer unha viaxe pola literatura infantil galega dan man dos cosmonautas Fiúncho, o comandante Gaga, Pecas e Merliño.
0 comentários :
Danos a túa opinión