Tempelhof

Mario Paz González


Agora que a Declaración Universal dos Dereitos Humanos acaba de cumprir 60 anos non estaría de máis recordar outros aniversarios de data próxima que tamén tiveron lugar este ano e que, por desgraza, corresponden, case na súa maior parte, con sucesos de infausto e lacrimoso recordo. Curiosamente están todos eles ligados coa Alemaña por atoparse naquel entón, na convulsa primeira metade do século XX, no infortunado centro do furacán.

Pensemos por exemplo, nos 65 anos da execución polos nazis da líder da resistencia estudantil Sophie Scholl (22 de febreiro), o 75 aniversario da queima de libros na berlinesa Bebelplatz (9 de maio) ou o 70 aniversario da “noite dos cristais rotos” (9 de novembro) na que se queimaron centos de sinagogas en todo o país. Tamén o 60 aniversario do inicio dos voos sobre Berlín (entre o 25 de xuño de 1948 e o 12 de maio de 1949) cara aos aeroportos de Tempelhof e Tegel. Voos que buscaban romper o infame bloqueo ao que o réxime soviético quixo someter na posguerra as zonas da cidade que se repartiron os aliados occidentais. Ambos aeroportos seguiron activos ata que o pasado 30 de outubro deste ano, coa saída do derradeiro voo comercial (un Dornier 328 da Cirrus Airlines, con destino a Mannheim), Tempelhof pechou definitivamente. Sobre el recaera a maior parte do peso daquela arriscada operación, pois Tegel (na imaxe) era apenas un pequeno aeródromo e ambos tiveron que ser ampliados ás alancadas polos propios civís alemáns (polo menos 19.000 persoas foron necesarias) en só (velaí o mérito nunha cidade derruida e carente de recursos) 85 días.

Aínda que as instalacións primitivas xa foran utilizadas con anterioridade para algunhas das primeiras exhibicións de voo (por Armand Zipfel ou Orville Wright, en 1909), Tempelhof non comezou a funcionar como aeroporto até o 8 de outubro de 1923. O arquitecto pro-nazi Albert Speer proxectaría en 1934 a construción do mastodonte da terminal de pasaxeiros que levará a cabo entre 1936 e 1941 Ernst Sagebiel, entón arquitecto do hitleriano ministerio do aire. Esta terminal, unha obra verdadeiramente faraónica con forma de aguia en voo, foi considerada entón o edificio máis longo de Europa e, até a creación do Pentágono, o maior edificio do mundo. En calquera caso, Tempelhof quedará para a posteridade, polos seus xigantescos hangares entre outras razóns, como un aeroporto adiantado ao seu tempo.

Cando Stalin, ao final da II Guerra Mundial, ordenou o bloqueo da parte occidental da cidade que se repartiran Francia, Reino Unido e Estados Unidos, co fin de obter o control total da mesma, os aliados tiveron que botar man da súa inventiva para poder abastecer de alimentos e axuda aos máis de dous millóns de habitantes que quedaran literalmente illados. Aí comezou a aventura de Tempelhof e dos Rosinenbomber ou “bombardeiros de pasas”, avións así chamados polo costume dos pilotos de lanzar en pequenos paracaídas paquetes de lambetadas para os nenos berlineses. A ponte aérea creada, con voos constantes cara aos aeroportos da cidade, conseguiu facer chegar entre 9.000 e 12.000 toneladas de alimentos diariamente. Ao entrar cinco aparellos á vez a distintas alturas por cada unha das tres vías de acceso que aceptaran conceder os rusos, o número de voos diarios chegaría a alcanzar os novecentos (un voo cada 90 segundos), todo un fito da aviación moderna.

A súa magnífica localización case no centro da cidade puido facilitar entón a milagreira tarefa. Con todo, foi precisamente esa mesma localización a que provocou o seu peche tras unha consulta popular realizada a finais de abril deste ano e que deu pé a un intenso debate na opinión pública alemá. Unha das razóns esgrimidas era o feito de que, ademais do ruído e a contaminación, Tempelhof apenas tiña uso pois non aloxaba xa máis que un centenar de pequenas compañías de voos domésticos ou avionetas privadas.

Alec Leamas, o “espía que xurdiu do frío” creado en 1961 por John Le Carré en plena guerra fría, xa non voltará a voar desde Tempelhof, aínda que sempre nos quedarán as imaxes de James Cagney filmadas por Billy Wilder (Un, dous, tres) ou as de Harrison Ford por Spielberg (A última cruzada), por citares dúas das películas rodadas en tan emblemático e simbólico escenario.

Para unha Europa que trata de abordar como pode a crise financiera, que anda na procura de competir pola hexemonía mundial ou de obter unha identidade propia e única, mais que non acaba de atopar os puntos de concordancia que axuden a aunar posicións e sacar á luz a agardada Carta Magna, non está mal que se recorden símbolos de liberdade e loita esperanzada como este.
Imaxe: MXM
mariopaz@avozdevilalba.com

11 de dec. de 2008

0 comentários :

Danos a túa opinión