O Premio José Couso de Liberdade de Prensa recibe novas candidaturas ata o 10 de febreiro


Redacción

O prazo de presentación das candidaturas para a V Edición do Premio José Couso de Liberdade de Prensa pecharase o vindeiro 10 de febreiro. Neste certame son os propios xornalistas quen propoñen os candidatos e quen despois votarán e decidirán o gañador. O obxectivo deste premio é recoñecer e difundir o traballo dunha persoa viva ou organización existente destacada na defensa da liberdade de prensa ou cunha salientable traxectoria profesional, libre e independente.

Calquera membro do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) ou socio do Club de Prensa de Ferrol pode entregar unha proposta argumentada do candidato merecedor do Premio José Couso de Liberdade de Prensa. Estas propostas poden facerse tamén por parte de calquera persoa ou organización vencellada ao xornalismo. Tan só é preciso incluír unha memoria explicativa na que se argumenten as razóns para apoiar a proposta e un curriculum vitae d@ xornalista ou unha explicación da traxectoria da organización. É preciso realizar o envío da candidatura antes do 10 de febreiro por correo electrónico a: premiocouso@xornalistas.com

Posteriormente serán os colexiados do CPXG quen, mediante os seus votos escollan ao gañador. O fallo do xurado darase a coñecer en rolda de prensa o 16 de abril. O acto de entrega dos premios será o día 30 do mesmo mes, no teatro Jofre (Ferrol) onde, un ano máis, se celebrará o concerto pola liberdade de prensa a cargo da Real Filharmonia de Galicia. O Premio José Couso é un recoñecemento da profesión xornalística galega que non implica ningunha contía económica. O gañador recibirá un diploma acreditativo e o símbolo distintivo que representa o Premio, consistente nunha escultura de Manuel Patinha, que leva o nome de "Ás ceibes".

23 de xan. de 2009

0 comentários :

Danos a túa opinión