Redacción
A Secretaría Xeral de Relacións Exteriores da Xunta de Galicia pon hoxe en marcha o seu novo sitio web http://www.sxre.xunta.es/, dirixido a todas aquelas persoas interesadas no desenvolvemento da acción exterior do Goberno galego. Nesta páxina poderá consultarse toda a información relativa aos distintos actos que se realizan desde a Secretaría Xeral realízanse para potenciar as relacións co Norte de Portugal e con América Latina, intensificar a presenza galega nas institucións europeas e en xeral, fomentar a imaxe de Galicia no exterior.
O novo portal ten como obxecto, ademais, de dar unha información precisa e unha visión actualizada das distintas actuacións no exterior da Xunta de Galicia. Paralelamente, o portal busca achegar as ideas e opinións da cidadanía en xeral para poder mellorar a xestión realizada desde o departamento que dirixe Xulio Fernández Mato, na fotografía. Desta maneira, o que se pretende coa nova web é dar a coñecer o traballo que a Secretaría Xeral de Relacións Exteriores e as unidades administrativas e fundacións dependentes dela están a desenvolver.
Así, a web mostrará aos usuarios as actuacións que o Goberno galego realiza en asuntos relacionados coa UE; a participación en foros e nas distintas institucións europeas; as xestións en materia de cooperación ao desenvolvemento; o traballo na intensificación das relacións co norte de Portugal e cos distintos países de América Latina; e o fomento da imaxe integral de Galicia no exterior, entre outras cuestións.
Doutra banda, dende este portal pódese acceder aos enlaces das distintas unidades e fundacións adscritas á Secretaría Xeral de Relacións Exteriores, como é o caso, da Dirección Xeral de Cooperación Exterior, que coordina as actuacións en materia de cooperación exterior e desenvolvemento, as delegacións da Xunta en Buenos Aires e Montevideo, a Fundación Axencia Humanitaria de Galicia, a Fundación Galicia Europa, con sedes en Bruxelas e Compostela e a Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal. Neste portal tamén haberá espazo para información sobre o novo organismo que se impulsa na Eurorrexión: a Agrupación Europea de Cooperación Territorial Galicia-Norte de Portugal (AECT).
0 comentários :
Danos a túa opinión