Na Madalena


Xulio Xiz

Como despois do inverno chegará a primavera e o verán, fai ben o concello de Vilalba en pensar na praia fluvial da Madalena, na que vai investir 238.000 euros –case corenta millóns das antigas pesetas- para recuperar e rehabilitar o bar da praia e dotalo de restaurante.

Parece ser que o concello contaba cunha subvención da Axencia Galega de desenvolvemento rural –Agader- que depende da Consellería de Agricultura, para facer estas obras pero non lle foi concedida por ser para un bar.

A verdade é que un tema como este non parece moi lóxico cargarllo á Consellería de Agricultura ou a esta Axencia dedicada a temas rurais en xeral, porque un bar parece difícilmente clasificable nestas materias, pero estamos moi afeitos a ver como as barreiras administrativas son permeables, perfectamente osmóticas, e permiten encaixes administrativos pintorescos por aquelo de que a promoción económica e social corresponde a calquera departamento, e todas as accións inciden nun mellor nivel de servizos ou atencións.

No caso que nos ocupa, e tendo en conta os milleiros de persoas que no verán acoden á praia fluvial vilalbesa, calquera departamento da Xunta podería financiar esta obra, especialmente a Dirección Xeral de Turismo que depende da Consellería de Innovación e Industria, ou a Consellería de Medio Ambiente por incidir nunha instalación en plena natureza, mesmo a Vicepresidencia pois aínda pode vir Quintana bailar cos bañistas en calquera festa popular, a Dirección Xeral de Comercio por tratarse dunha instalación dedicada á venda de productos de consumo, a Consellería de Sanidade por conseguir elevar o nivel hixiénico dos productos que se sirvan, e así ata o infinito.

Pero ben está que o concello, ó saírlle mal o de Agader, decida facer pola súa conta a obra sen ter que renderlle contas a ninguén, que os vilalbeses seguro saberemos apreciar este esforzo en mellorar os servizos na nosa primeira área recreativa.

Instalacións así está ben que funcionen, pero non somente durante a tempada de verán senón todo o ano de xeito que poidan prestar atención a todas as persoas que acudan en calquera momento. E nestes tempos de lecer itinerante, saber que no lugar existe atención gastronómica e refrescante en calquera momento fará que as excursións mesmo no inverno que se fan á beira do río teñan unha atención garantida, e os usuarios destas instalacións un amplo espazo natural no contorno para o paseo en todo tempo.

En fin, que ben está que o concello se molle neste tema, e se algo se consegue a posteriori benvido sexa, aínda que fose da Consellería de Educación por aquello de que por alí andan moitos nenos.

5 de feb. de 2009

3 comentários :

  • Xulio non nos enteramos de nada. Logo dís que nos metemos gratuítamente contigo e respóndelles aos lectores. A min, que me encanta o humor absurdo, podo dicirche que non sei se a Consellería vai montar un bar, se o conselleiro se vai facer camareiro, se o alcalde se mete a veterinario, se o plan AGADER e cuñado do fillo dun sobriño de García Leira. Se cadra como eu non fumo, quedoume esquecido o paraugas nese bar do que ti falas, no que o camareiro me dixo que me vira o peine no bolsillo ao que lle contestei que eran as once da mañá. Se cadra por iso non estou moi espabilado xa que miña cuñada traballa nunha empresa dedicada a compra venda de neumáticos para autocares destinados ao transporte de formigas. Ten tamén en conta que nada ten que ver que o Madrid consiga a Copa de Europa con que miña tía vaia por uns feixes de herba ao prado de Guadalupe. Ademais como o tempo das castañas xa pasou se cadra bou a Lugo e tomo uns tospiros de caña, pero tal vez non sexa menester ir a Goiriz en etapas tan desclasadas debido a que o tabaco xa non me gusta e de vez en cando gasto algun que outro euro en comprar calcetíns e de paso bou ver o fútbol, xa que o mellor Touriño pode ganar as eleccións e aquel vello home que andaba polas cunetas de Guitiriz lle da unha propina a un energumeno que lle tocou a lotería despois de vir de troula e comer uns grelos. Todo iso é posible sempre e cando nos vaia ben a chourizada que temos programada, aproveitando que o sangai pasa a partir das once da noite entre Irixoa e Forcarei. ¿Entendes algo?. Eu se cadra, tampouco.

    Sds. XAN DO MUÍÑO

    5 de febreiro de 2009, 19:52

  • Parece que Xulio Xiz anda un pouco perdido no que se refire ó organigrama da Xunta, pois a Consellería de Agricultura desapareceu hai catro anos, pasando a denominarse Consellería de Medio Rural. Tamén anda bastante perdido no que se refire a cargar custos. ¿Como se lle vai imputar á Dirección Xeral de Turismo as obras de reforma dun bar emprazado fronte a unha torre de cemento? ¿A quen se lle ocorrería facer semellante obra? ¿Será ao noso docto alcalde? En fin, non sigo que me cabreo.

    LICAXIZ

    5 de febreiro de 2009, 20:02

  • E obvio que despois do inverno ven a primavera e o verán, non si? Home, pode ser que ao primo de Rajoy, ese que tanto sabe de cambio climático, lle dera por invertir a orde das estacións.

    Rosa de Lanzós

    5 de febreiro de 2009, 20:14

Danos a túa opinión